O labirinto do alquimista

Cada oito de setembro unha navalliña para un traballador

11.09.2016 | 01:38
Cada oito de setembro unha navalliña para un traballador

Unha nova cerimonia coa que regar as raiceiras, ás veces non ben enraizadas, polo que se enxerga: así é que cada 8 de setembro, cando Galiza celebra dalgún xeito a Venus, representada na necesidade de tantas virxes dos milagres, remedios, socorro, marabillas... é tamén cando se conmemora o cabodano do pasamento do escritor Manuel María, a Irmandade Manuel María da Terra Cha, na cerna da tribo de seu que diría o finado, agasállase a quen o merece. Día con xantar arredor de Outeiro de Rei, máis a obrigada visita ás Penas de Rodas e no remate entrégaselle a Navalliña de Manuel María ao elixido. Non faltará Mini e Mero, gaita, pandeiro e canto a ceo aberto... Será na tardiña e na carballeira de Santa Sabela, nas ribeiras do pai Miño, como non pode ser doutro xeito. Iniciativa que é un de tantas gromos nacidos arredor da asociación Xermolos de Guitiriz, tentando normalizar tanta anormalidade campante. Neste 2016 o homenaxeado será Raul Río dos Vilares, un obreiro, emigrante de ida e volta, un animador cultural, un galego dos que suman.

Ser ou non ser, e Raul Río é dos que son e dos que están con canto significa o ser humano e Galiza. Así pois un obreiro con ética, logo humanista galego. Entendendo por humanista non no revirado xeito retórico de pléiade: primeiro o ser humano que conforma pobo de seu, coa súa identidade que o distingue e aporta ao universo.

Existen os que desfán, os que fan e entre estes os que constrúen camiños pra que outros circulen e aviven as ideas de pobo culto. Raul Río é destes últimos. Nacido en Tiñaz dos Vilares, na Terra Cha, foi baixo os fados dun día do Lume Novo do ano 1950, pra logo ser alumno baixo aquela vella escola habaneira, onde recibe clases inesquecibles de amor á chaira impartidas por don Andrés Pérez Carballeira, mestre que mesmo anima aos pais pra que o rapaz continuara estudos na Escola de Mestría de Lugo, as que non eran máis que escolas pra emigración.

Encetou a traballar como delineante nos talleres PREME da Coruña, con soldo que non daba nin pra cuarto na pensión. E non tivo máis remedio que seguir o camiño de moitos dos seus veciños, coller o Shangai e seguir a Euskal Herria. Inicialmente pousa en Sestao como peón albanel e despois caldeireiro nos estaleiros da Naval, logo no Superporto de Bilbao e no 1977 na dureza das Baterías do Coque dos Altos Hornos de Vizcaya, entre o infernal lume da lava da colada continua. Nesa mesma brega obreira sigue até o peche da empresa no 1996. Aínda así no 1978 matricúlase na Escola de Enxeñeiros Técnicos da Universidade do País Vasco, pero o intensivo traballo de roldas de día e noite fan que teña que desistir. Elixido polos compañeiros pro Comité de Empresa. No 1998 pasa á fábrica de laminación de bandas en frío de Etxebarri, onde se xubila no 2010.

Raul Río sinte unha gran admiración polo poeta chairego Manuel María, quen alá polo 1979, nunha visita daquel a Monforte reafírmase no que il xa enxergaba sobre a grandeza do seu veciño e coñecido amigo dos Vilares, Xosé María Díaz Castro, poeta do tempo, da terra e da morte... e a quen -cando poucos llo facían- Raul tenta agasallar en vida, erguendo e labrando na encrucillada dos Vilares, ao pe do cruceiro, unha pedra fita no seu nome. E nesas de afondar nas raiceiras segue Raul, contándonos historias esquecidas de sabios, artesáns, emigrantes, xentes de tradición da Chá, os que non cavilaban en deixar nome e si un bo facer.

A pesares das pedras do camiño, Raul Río móstrase agradecido coa vida, entrega canto pode pra agasallar paisaxes e paisanaxes súas, como diría Manuel María. Con facilidade pro debuxo, a pintura, a escultura,a fotografía, mesmo pra escrita. Gustoso de transmitir e compartir a grandeza da terra, en desembardelar unha cultura distorsionada, esperpentizada. E moito lle quedaría aínda por contar a Raul, como actor que foi sobre o camiño andado na dura emigración: os Altos Fornos, a insolidariedade, o enganoso folclore engaiolante como os cantos de serea, os fracasos, os acertos... e tantos que quedaron no camiño, lembranzas inesquecibles.

Escritor en diferentes medios, escolleito entre os obreiros vascos pra representalos no acto de Lortu Arte que tivo lugar no Pazo Euskalduna de Bilbao o 20 de xuño do 2010, e que significou un fito de unión entre os vascos.

Obreiro entre o suor, o ferro e o lume, entre os acordos e desacordos dos sindicatos e das cuestións de Galiza e Euskadi, ás que entregaba os seus días e horas de folgo pra animar e unir alí onde alentase algún folgo humanista e galego. Sabendo do poder sedutor da cultura, da música, poesía, arte, tradicións, con iso que cose toda relación, fundamento da política. Manuel María era un dos asiduos convidados -como moitos outros entre os que teño o deber de agradecelo- a aquela casa baixo esoutro monte sacro de Eukal Herria, o Serantes. Humilde casiña vasca empoleirada, feita pra enxergar a rebuldeira ría de Bilbao e canto ela oculta, á que se chegaba, case sen folgos, trás unha longa e empinada escaleira en cemento... todo un símbolo. Gloria e Raul ofrecían a súa casa, o seu cuarto, levábannos e mostrábanos os museos, por Bilbao adiante, envolvíanos no "bucle melancólico", mostrábanos as minas de ferro de Galdames, entre historias duras de traballo e guerra, Pasionaria por medio. Nos campos de fútbol gozábamos co seu fillo, no dorsal Río, un novo vasco, fondamente galego, cotizado futbolista que foi dos equipos do Santurtzi, do Bermeo, do Sestao e do Portugalete. Gustoso de compartir o encontro cos amigos con txakoli por medio e xantar nun txoko. Tamén nos fixo camiñar a través das pegadas de Cabanillas, de Asorey en Euskadi e mesmo sentín a Raul identificado coa imaxe do Cristo, coñecido como "o Galego", obra do escultor de Cambados, venerado nos xesuítas de Barakaldo, retrato do emigrante galego.

Raul Río, atraído pola poesía de Gabriel Aresti, agasallou en Galiza a súa memoria. E por il Xérmolos convidou a súa viúva Melitxu á Festa de Parguiñas. Devocións compartidas con Manuel María e con cantos quixeran. Coñece a escritores e creadores vascos aos que, como construtor de pontes solidarias, presentou a outros galegos e galegas.

Sempre achegado ao asociacionismo cultural e aos barrios de emigrantes, como Masustegui, nas abas do monte Kobetas, sobre Bilbao, construído en noites de medo, bloque a bloque, uralita a uralita, casa a casa e hortiño. No 1980 encargarase de aspectos de cultura na Casa de Galiza de Santurtzi fronte ao anestésico folclorismo que reboza e confunde causas e efectos. No 1983, con outros coma il, será fundador en Barakaldo da Asociación Cultural Rosalía de Castro, da que foi secretario: conferencias, exposicións, edicións como a revista Esmorga, homenaxes á memoria de Cabanillas, Asorey, Díaz Castro...

Por moito agasallo que se faga a Raul Río e con el a súa compañeira Gloria Díaz sempre será pouco, como tanto que se debe á emigración galega. Polo de agora sirva a Navalliña de Manuel María, forxada en Galiza, como metáfora que convide a seguir a labrar amor e irmandade na Terra

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine