O romanticismo camiñou paralelamente á revolución industrial, e foi dalgunha maneira unha reacción a aquela. Fronte á máquina, o romanticismo descubriu a individualidade, os valores do ser humano e, na arte, a chamada "alma artística". Revitalizou os pobos, as nacións, a cultura, os costumes locais, a vida amable fronte á explotación do home polo progreso. As redes de ferrocarrís, a minería, as obras hidráulicas, as fábricas que naceron durante a revolución industrial, supuxeron a morte da vida no campo e os desprazamentos en masa de labregos cara as barriadas máis pobres das cidades, onde vivían nunhas condicións de miseria terribles. O romanticismo, non só foi un movemento literario senón que supuxo o nacemento de diferentes movementos que tiveron como xusta causa a defensa das clases máis populares e a denuncia do seu mal vivir. O tempo das colleitas foi substituído por un tempo de horario ilimitado nas fábricas. Aquela época ten que ver coa nosa. Dinme conta en Chantada, cando un vello lle dixo ao seu fillo que el non quería ter televisión na casa. Disto hai uns vinte anos. O argumento do anciá era ben sinxelo. "Eu teño uns valores para a vida que non son os que saen nese aparello. Eu doulle a man a un igual e o trato queda feito. Se me apuras, fillo, eu por non necesitar, non necesito nin de bancos". Sen sabelo, ou sabéndoo, o vello de Chantada falaba da globalización. Algo que en principio está moi ben, pero que tamén nos está traendo unha sociedade moi fea e triste, ao igual que a da revolución industrial. Si, hai unha elite que viaxa, que traballa para organismos, empresas ou bancos internacionais, que fala en inglés e que se encontra cómoda nese espazo. Son xa moitos, pero moitos menos que os que teñen que quedar no seu país e que son os que viven, xunto cos seus fillos, a explotación que das súas vidas fan eses organismos, empresas e bancos internacionais. Os inmigrantes chegan ata nós buscando mellorar. Deixan un lugar que coñecen e aterran nun lugar alleo, onde ás veces non logran prosperar e onde viven unha existencia gris e fea. Ao tempo que evocan, constantemente, a súa patria. Precisamos dun novo romanticismo, para que o individuo volva a ser importante, que "volvan os pobos" como dicía Uxío Novoneyra, o valor das pequenas cousas, que a honradez da clase media contaxie aos poderosos e que estes gañen cartos, pero non por gañar, non para amasar fortunas inmensas. Porque iso significa que eles estarán explotando en demasía aos seus asalariados en lugar de darlles un traballo. O pobre quere ser rico e o rico quere ser máis rico. É así, pero todo dentro dun orde. O exceso non é bo. E as veces, vendo tanta exhibición de poderío e de riqueza nalgúns dos nosos gobernantes e empresarios, un se pregunta se esta xente ten sentido do decoro. A globalización é algo máis profundo e grande que Internet. É un concepto que nos pode levar a construír unha Europa mellor e un mundo mellor. Un espazo de concordia onde as desigualdades non sexan tan insalvables, de tal xeito que o rostro da amabilidade presida os días da nosa familia e dos nosos amigos. Traballar para o benestar dos demais é un oficio maravilloso, e os ricos, os poderosos e os gobernantes deberán telo como máxima. Porque ademais poden facelo sen deixar de ser ricos e poderosos. En fin, mesura. Lembren o mito de Midas.