Si home si

Non se pode abrir o periódico

17.09.2016 | 00:47
Non se pode abrir o periódico
Non se pode abrir o periódico

Viña eu a fume de carozo cara as teclas, a contarlles o de Rita Barberá, esa señora que parece un ninot feito carne e que sempre parece estar inaugurando algo, bolso en ristre, sexa unha visita papal, unha carreira de Fórmula 1, unha mesa petitoria ou unha variante persoal da lingua valenciana. Queríalles contar iso de que, despois de estar imputada, investigada, ou ser obxecto de atención xudicial, ou como se acabe chamando a figura xurídica, Rita Barberá deixa a militancia no partido, pero non o posto no Senado. Unha decisión que lle reporta 2.300 euros máis de salario e por riba afórralle a cota mensual de afiliada. A señora Barberá, filla de prestixioso e privilexiado xornalista falanxista e de empresaria da cerámica, é funcionaria sindical (e tamén traballou de periodista), pero é lóxico que non se queira ir do Senado, onde é representante da Comunidade Valenciana. Tíranlle as institucións. Foi deputada autonómica 32 anos (1983-2015, ou sexa en todas as lexislaturas das Corts valencianas), e alcaldesa durante 24 (alí son xente arroutada e poden levar á vez a alcaldía dunha cidade de millón e medio de habitantes e un posto no parlamento sen desfacer a permanente). Para que comparen, Fraga e Paco Vázquez "só" estiveron 16 e 23 anos nos seus respectivos cargos, e miren que foron eternos.

Como lles dicía, que me perdín, íalles contar o de Rita, ata que lin a Pedro J. en Twitter indignado (como sempre): "El PSOE defiende a los acusados de malversar 700 millones y quiere quemar a quien tal vez blanqueó mil euros. Claro, Rita era del PP". Así que paso páxina, e vou cara os sucesos, que sempre parecen que non admiten lecturas interesadas. Miro o de Diana Quer, a veraneante desaparecida na Pobra do Caramiñal e leo outra vez as declaracións do pai, e as informacións filtradas polo pai, e os desmentidos do avogado da nai, e entendo que a rapaza desaparecese, ou tivese tanta ansia de facelo que non mirase moi ben con quen daba. Lendo, mergúllome nese inferno de denuncias entre xente que foi parella, de nenas ricas que amolan aos pais arrimándose a Cristiano Ronaldos de polígono e teño que saltar de páxina fuxindo dos titulares, para non pensar nas outras 14.000 persoas desaparecidas en España que non teñen pais que viven na mesma urbanización que Aznar, nin amigos entre os ministros de Rajoy.

Pero ata nas zonas máis modestas das páxinas aniñan mostras dunha sociedade idiota. A audiencia de Mallorca autoriza ao pai dunha nena a que faga a primeira comuñón (a nena, non o pai). A exmuller non quería, e por iso foron a xuízo. A sentenza, estimando un recurso do pai, que perdera o primeiro preito, considera que, dado que pai e nai están bautizados e casaron pola igrexa, e a nena tamén (bautizada, non casada), que non lle vai facer mal á nena nin á nai. A todo isto, á nena tanto lle ten facela como non (non sei que opinará a Igrexa de tomar un sacramento con tal displicencia). O que quere é non ter que decidir, porque, segundo a psicóloga que trata a pequena (non é de estrañar que necesite tratamento), a cada proxenitor dille o que cadaquén quere oír. A única sensata en todo ese proceso paréceme a nena, aínda que non debe ser tan nena, se aos pais lle deu tempo a resolver un preito nun xulgado e logo un recurso nunha audiencia provincial. Se mo permiten, hoxe nin penso abrir o periódico, e vou celebrar un aniversario.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine