Os ourensáns levan prendido na súa aura o escintilar aceirudo da identidade, como debe ser nun pobo que abre pontes e camiños pra bater na roda polo mundo adiante. Así contouno o inesquecible Pepe Fernández Ferreiro de Espartedo. Historias de sagas de afiadores, primeiro naceiros, despois sabios mutilos... barquilleiros, xeadeiros da Ibe e da Ibense polo verán, e no outro medio ano como castañeiros a levar magosto polas rúas das cidades. E nese andar flúe a vida, o idioma e tanto aprendido dos arrieiros, dos andamundos maragatos da Galiza asturicense: os produtos curados, afumados, salgados, escabeches, a graza do pemento picante da Vera, do aceite andaluz... o pulpo, o xamón.

Por exemplo, velaí a marca da que presumimos os do Carballiño, dos saberes nacidos na encrucillada, entre aquelas primeiras cachoupas, de cachote e madeira, dende as que ir e vir ou perderse na andaina. Conseguintemente todo camiñante, arrieiro ou feirante sabe que á vida é aprender a desprenderse, a non ser da memoria. Asunto no que insistiron eses outros grandes druídas ourensáns do Nós plural e maxestático, Risco, Otero, Cuevillas... co salvoconducto pra atopármonos no labirinto.

Dona Emilia, a Condesa de Pardo Bazán, probamundos , casou con don Xosé Quiroga, fidalgo dese pazo de Banga que abre porta e balcón ao ribeiro do Avia e que da as costas ao ribeiro do Arenteiro. Señorona que polo celebrado tempo do bispo mago San Cibrao facía aquí inspiradora parada e fonda pra enxergar e contar historias da rebuldeira e pretensiosa Vilamorta. Tamén Cunqueiro sabía ben que pra asuntos de cociña galega habería que vir a carón destes fogóns, a escoitar e a xantar anguías, troitas con pementos e xa non digamos o pulpo, o pan, a carne, o viño...

Un deses negociantes, afeitos ao mostrador, entre o ruxir das fichas de dominó, os golpes da brisca, os xuramentos, o correr de cuncas e cafés, o Fidel do Rocha, definía ós carballiñeses como os que co sol retornan á casa, colgan a romana e xa denantes da luz alboreira bótana ás costas e volven ao camiño... aguillada, fardos de pan, de pulpo, as caldeiras... ferramenta e mercancía da feira en carromatos a ruxir, o trepar dos facos, cantares e andaina nas desapiadadas raxeiras, entre a brétema, a xeada ou baixo a chuvia.

E o Carballiño, nacido de tal trafego, das carretas, foi pioneiro na construción de autos da liña, como contou o secretario do concello Xosé Fariña Jamardo en A liña e en A feira. Evolucionar da arte dos ferreiros e dos ferradores e velaí o que foron e no que remataron as carrocerías Piñeiro, seguidas de tantas empresas de transportes, Autos Pereira, Rodriguez, González, Rivera, Campinas, Salto, Blanco, Montañesa.... Historia do gasoil e da manivela... Entre tantos complementos da "feira e festa", a orquestra Millara, fogueteiros, as arcadas luminosas... banda municipal, gaiteiros e cabezudos, festeiros a competir entre a alborada, o "paseo de moda", a "sesión vermouth" e o folión.

Feira cada dazaseis e derradeiro de mes, as maiores a de setembro e a do San Silvestre, meigas fora. Mañáns de oferta e demanda, coa sorte do paxariño, a Remi das cobras e dos ungüentos, o neno coa cruz na lingua que adiviñaba o porvir, enguedellando as cantinelas dos seus pregón, John Balan, showman... na terraza dun café. A foto Alonso, foto Rizo. O toliño, o Luis de Anllo tras a banda, a deixar a instantánea de anacos da supervivencia da vida nun periférico foro romano.

Feirantes mesturados cos veraneantes de balneario, argumentando a novela de El Agüista de Aurelio Miras Azor nun tempo sórdido de posguerra. Como Camilo José Cela retoma estas mesma paisaxes e paisanaxes dos seus avós paternos pra ambientar unha historia de tratantes Mazuca para dos muertos... como mesmo hoxe tamén o pintor Xoán Valcarcel debuxa un xeito de esotérica busca, a través desta arqueoloxías en La Cruz del Salvador e Miguel Anxo Fernández a estribillar guións cinematográficos do fino detective Fran Gonzalez por este seu vivido Carballiño. E as memorias de Bautista Álvarez sempre pasan polo Carballiño. Paisaxes inspiradoras de poemas, o Voando coas ás da Vida, versos de Avelino Cachafeiro, grande gaiteiro de Soutelo, libriño que el mesmo ofrecía nas Colonias de Antonio Soto ... e o Remol de Estrelecer, nostálxicos salmos dun crego, don Abelardo Santorum; como os versos do masidao Cesáreo Sánchez ou os cargados de terra e idioma baril de Luis Tosar das terras do Irixo que fai Festa da Palabra. Dalgún xeito confesións, anacos de historia, biblioteca básica da encrucillada.

O tripar dos facos no camiño, a xeito de tamboril, as traias, o repenicar dos axóuxeres... e o canto nasal do arrieiro, improvisado, como recolle Faustino Santalices, como Manuel María innova letras no seu Cantigueiro de Orcellón. Sabendo que "cando se canta en Ribadavia resoa no Carballiño", non podía ser doutro xeito nesta bocarribeira dende a que se enxergan os cinco ribeiros. Encrucillada, parada e fonda necesaria na que inzaron e casaron corredores de viños, panadeiras de Cea, pulpeiras de Arcos, rosquilleiras de Ribadavia, gandeiros e carniceiros das Terras de Montes, zoqueiros de Partovia, silleiros de Maside, cesteiros, talabarteiros, paraugueiros, follalateiros, cordaneiros, oleiros.... e por medio moinantes, ou a gavilla de Pepa Loba a animar contos, entre grolos de tostado, licorcafé ou augardente das alquimias e destilerías que resistiron, Presas, Pereira, Paniagua, Pericocho... Ben-dito pois aquelo de "Pra carne pan pulpo e viño o Carballiño". Os tópicos atinan, son titulares, mantras, twittes incisivos que resumen identidade. E outros saberes da cociña que se perderon como o bizcoito do Carballiño, o que enxalzaba a Condesa de Pardo Bazán e outros inventos trunfantes como as cañas con crema da súa orixinaria casa Cerviño.

Non pode ser doutro xeito onde se celebra a encrucillada, que as festas maiores atopen a súa apoteose de folión e músicas na metade de setembro, cando se abre ao tempo de outono, da vendima, da matanza ... Veña pois feirón e festa en honra dun santo de maxias e saberes orientais, San Cibrao, arrieiro de báculo entre oriente e occidente. E que alá, na posguerra, cando se cubrían os medos con encaixes, o arquitecto Antonio Palacios soubera erguer na cerna da encrucillada, con pedras da terra, co saber dos canteiros e as artes galegas, o templo da Veracruz, con torre a xeito de grande cruceiro.

Co devalar dos anos e das comunicacións mudan os modos e os carballiñes seguen no camiño; non faltan polo mundo adiante despachos gardadores daqueles saberes . O so nome do Carballiño xa abre portas. Velaí a Casa Pilán en Marín, a Pulpeira de Melide na Coruña, Aurora en Lugo, o Lúa de Madrid...coa súa Itaca carballiñesa detrás.

A universidade está no camiño, compre celebralo e compartir mesa, erguer unha cunca de louza con tinto espeso, petiscar en canto dixemos e en tantas lembranzas . E na medía noite o soño do multicor folión espallando entre as estrelas ilusións e porvir farturento. E como si dunha misa se tratase brindaremos cun sacrosanto viño vello tostado.