Todos estes días unha serie de damas e cabaleiros (e algún que outro arrieiro) os levan instruíndo nas bondades de acudir a un colexio electoral, en concreto ao que lle corresponde, que se non non vale, e unha vez identificada a mesa e vostede, deposite na urna acristalada instalada a tal efecto riba dela unha papeleta, co nome específico do instrutor ou instrutora, e duns compañeiros e amigas que leva detrás, so pena de que acontezan males terribles. Un proceso relativamente fácil, quitado o de identificar a mesa electoral correspondente sobre todo se, como me pasa a min, medio concello estamos convocados a votar no mesmo edificio. Pero ninguén di como hai que reflexionar na xornada de hoxe.

Se alguén pensa que non fai falta un manual porque xa reflexionamos todos os días, é que non coñece o xénero humano. Ou pode ser que vivamos en realidades paralelas. Na miña, hai tres formas de tomar decisións: á vaicheboa, tamén coñecida como deume por aí, que consiste en seguir as indicacións do mestre Yoda de StarWars e outros gurús hollywoodienses: fíate da intuición, do instinto, faino ou non o fagas, pero non o intentes, etc. Nas películas sae ben e acabas metendo o foguete polo buraquiño minúsculo ou tronzando o cable correcto. Na vida real, non, pero estamos adestrados en botarlle a culpa a outro, ou ao destino, se non hai outro ningún a man. A segunda é pensalo moito, sopesar os pros e os contras, para acabar tirando unha moeda ao aire. E a terceira é facer o que che di a túa parella ou o contrario do que che mandan teus pais.

Unha xornada de reflexión é algo distinto. Para empezar, o ideal é afrontar o día tendo durmido ben. Iso dispón o espírito á ecuanimidade e ao bo xuízo. Se non foi así, nada impide que os poida recuperar ao longo do día. Se ten a felicidade de dispoñer da mañá para si mesmo, pasee, sente a tomar un café e a ler os xornais, como din os candidatos que van facer esta mesma xornada. Se ten programadas actividades familiares, acuda a elas co ánimo ben disposto, tendo evitar, iso si, calquera exposición a cuñados. E depende de que tipo de sogra teña, claro. Incluso tomar unha caña ou un vermú pode ser unha medida positiva, sempre que non se produza nese contexto de amigos discutidores que agardan a que un diga branco para posicionarse de forma inmediata e vehemente a prol do negro. A clave está en encabezar o día en paz e harmonía, e que estes parámetros mentais sexan os que o guíen as seguintes horas. Coma, mesmo con fruición, e desfrute do xantar. Se se me amodorra logo, tampouco pasa nada.

É precisamente mediada a tarde, ou a partir de aí, se calquera tipo de obrigas lle impiden concentrarse a esa hora, cando máis presta o de reflexionar, e máis rende o de aquilatar vantaxes e inconvenientes. E sobre todo, pense en que quere, en que lle gustaría que pasara, e nunca, nunca, en que está xogando a unha especie de xoga da ruleta. Votar non é apostar a quen vai ganar. Votar é axudar a ganar a quen che gustaría que fixera as cousas como ti as farías. E o domingo a cumprir. Non esqueza aquela advertencia do historiador Arnold J. Toynbee, de que o maior castigo para os que non se interesan pola política é que serán gobernados por persoas que si se interesan.