Os pobos que presumen de seu gustan de mostrar e espallar as súas habilidades artesáns, as súas costumes derredor da casa, do traballo, da vida ou da morte, dos contos e cantares, e defenden as palabras e o idioma nacido deses traballos. Isto é a cultura. E o viaxeiro de verdade, o que quere enxergar, afondar nese pobo, acompáñase de guías, da literatura, do cine e do variado repertorio online. Son os pobos cultos os que revitalizan os seus recursos.

Alá polos anos sesenta do século pasado, o historiador da Arte, Manuel Chamoso Lamas, avisaba de que as mudas nos sistemas de produción, as novas tecnoloxía, cada vez máis aceleradas, deixan atrás, até perdérense e sen documentarse, singularidades que caracterizaron a comunidades. Cuestións xa anunciadas por Murguía a fins do século XIX e perseverante teima dos membros do Seminario de Estudos Galegos, dedicándose a deixar memoria dos pasos dados, da creatividade, dos artefactos. Chamoso insistía en que as clausuras relixiosas mostrasen os seus tesouros, para documentalos, en facer reproducións e protexer en museos os orixinais de esculturas á intemperie, de cruceiros antigos, como tamén nesa necesidade de que as comarcas mostrasen as súas diferenzas, os usos e costumes, o xeito de sentir, de expresar e facer no pasado: a vida nas montañas, nos ribeiros ou na beiramar. Presentou a cuestión nos primeiros Congresos Nacionales de Artes y Costumbres Populares. Deica que pola súa influencia creáronse por decreto de 16 de agosto de 1966 da Dirección General de Bellas Artes, dependente do Ministerio de Educación y Ciencia, o Museo da Montaña nas pallozas do Cebreiro, fito no camiño francés a Compostela, escenarios de tantas lendas, como a da busca do Grial, o Milagre eucarístico... O Museo dos Ribeiros en Ribadavia, onde o Avia converxe no Miño, aproveitando un vello caserón, axeitado para mostrar aspectos da viticultura e da vinicultura, iniciativa para avalar a produción, a calidade histórica e artesanal dos viños galegos. Máis a partir do 1986, aquela idea ribeirá, pioneira, trastornouse en Museo Etnolóxico, recibindo os fondos destas características depositados no Museo de Ourense. Outros dos museos creados na mesma data foi o da beiramar, o Museo do Mar de Combarro, pintoresca vila labrega-mariñeira, de hórreos e dornas, de cruceiros e casas de caleados, xa perdidos, que miran ao mar interior de Pontevedra. Combarro é un conxunto enxebre, sensible, por algo de tan gran atracción turística. A idea deste museo -pese a adquisición de tres casas singulares na croa da aldea- perdeuse no país da desmemoria, entre as burocracias e o paso do tempo. E inexplicablemente aquelas mesmas casas, sendo propiedade pública, subarrendáronse para fins moi diferentes aos orixinais.

Posteriormente por decreto de 10 de outubro de 1974 créase o Museo do do Traxe Tradicional Galego en Betanzos, vila de encrucillada entre a Mariña dos Condes e a Mariña dos Frades. Para tal fin adquiriuse unha casa con soportais de herdos medievais, tras a ábsida da igrexa de Santiago... a que igualmente, esquecidos os fins, pasou a dedicarse a delegación de Facenda.

Compre desbotar a idea tópica do museo dos espectadores. Un museo non pode quedar unicamente nunha mostra dunha secuencia de artefactos, acudindo a realidades ou a virtualidades, senón que un museo tamén busca, enriquecese constantemente con algo novo que ofrecer. Ademais estuda, documenta e tenta sensibilizar por todas as canles cunha ansia de educación e de lecer. O museo é sempre unha alternativa a incluír no ocio, no turismo e no ensino. O asunto é que as administracións das que dependen asuman esta cuestión con horarios, servizos e xestores apropiados. Compre imaxinar, experimentar cebos pra atraer e seducir aos visitantes, algo que depende dos museólogos ou xestores do patrimonio. Hai moitos outros aspectos que complementan a atracción do museo e forman parte da nova ciencia da economuseoloxía, onde tamén entra a oferta e a demanda: nestes contextos ábrense atractivas tendas innovando sobre a orixe, especializadas en bibliografía, artesanías, souvenirs e por suposto a taberna (algo máis que unha cafetería), espazo ambientado no que ofrecer que xantar ou petiscar, como pra levar, as delicatessen do país. A cultura atrae.

Pouco despois destas propostas de Chamoso Lamas, por iniciativa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e co ánimo dun amplo sector intelectual e da poboación sensible, nace en Compostela, aproveitando os espazos do mosteiro de Santo Domingos de Bonaval, o Museo do Pobo Galego. Centro que parte da sementeira de tantas ilusións dos superviventes do Seminario de Estudos Galegos, espazos onde recoller, mostrar, estudar, catalogar e sensibilizar sobre aspectos da cultura galega. Antoloxía sobre o mundo labrego, do mar, os enxeños, os artesáns, o traxe, as crenzas, as festas, a música, as danzas... Dende a súa apertura en 1977 ábrese a infindas posibilidades, pese tamén ás limitacións de espazo e persoal. Lección aos poderes públicos do que se puidera ter feito dende a administración, máis ben anestesiada nas burocracias, na oferta por catálogo, nas virtualidades, nas asoballantes carcasas arquitectónicas ou en inútiles "centros comarcais", namentres esmorece o patrimonio real.

En Stokolmo, xa polo 1891, créase o Skansem, museo a ceo aberto, paseo pola historia da etnografía sueca, concepto que abre á teoría do ecomuseo, á recuperación de vellas estruturas, revitalizadas para que segan a cumprir o seu fin orixinal: muíños, fornos de pan, ferrerías cos seus mazos a bater, adegas pra elaboración do viño, almazaras pro aceite, vellas fábricas de conservas ou teares... como a modélica fábrica de Lanark en Escocia, obra dun utópico premarxista; na Borgoña o Ecomuseo del Creusot -Monteceau-Les Mines, sobre o patrimonio industrial. Centros que abren as portas a ecomuseoloxía, algo aínda por madurar en Galiza. Teoría e praxe experimentada por toda Europa, cmo St Fagan´s en Cardif de Gales, en Irlanda o Folk Park de Bunrratty; en Provenza Beaujolais, potenciando a súa rica e histórica viticultura, entre moitas outras iniciativas.

Próximas a nós son referente as experiencias asturianas de Taramundi e sobre todo en Grandas de Salime a iniciativa inacabada de Pepe el Ferreiro co seu Museo Etnográfico, algo que nunca debe perderse de vista. Mesmo Portugal ofrece referentes como o Museo do Traxe no corazón de Viana do Castelo; a aldea de Monsanto da Beira... Faríase serodiamente en Galiza, en recuperar e acender fornos oleiros en Gundivós ou mesmo o Forno do Forte en Buño. E atinado que as deputacións de Lugo e de Ourense creasen talleres de formación artesanal, especialmente en instrumentos musicais, con todo un mondo teórico e práctico arredor, contribuíndo a normalizar a cultura. A un tempo que se perden estaleiros, carpinteiros de ribeira, como o do Parrote da Coruña, en Bueu, Cabana de Bergantiños, en Serra de Outes, historia recollida por Santiago Llovo en Mar de Outes. E tantas coleccións etnográficas, feitas con amor e con futuro incerto...

Seoane, Díaz Pardo recolleron e anovaron a partir da tradición, con creatividade e constancia puxeron a proba a rendibilidade dos herdos. Fixérono a través da cerámica, e abriron camiños na arquitectura, no moble, no deseño, na moda... camiños pra avivar a intelixencia, a cultura e estar na vangarda innovadora.