Si home si

Mal perder

01.10.2016 | 00:55
Mal perder

Probablemente cando o show que se está desenvolvendo co epicentro na madrileña rúa de Ferraz, sede federal do PSOE, se calme, acabemos sabendo que nestes días Cataluña declarouse república independente ou que o ministro do Interior aproveitou para colocarlle micrófonos e chips localizadores a todos os deputados da oposición. Ou que esteamos embarcados nunha guerra. E todo, sinceramente, por algo que non entendo.

Ben, entendo que en parte do partido socialista haxa cabreo porque os resultados nas eleccións galegas e vascas foron malos. Pero ao que ás de aquí respecta, parte do partido non se matou precisamente en que foran bos. En Ourense, onde un deputado quedou sen saír por cento e poucos votos, non moi lonxe da capital tiñan problemas para atopar interventores e apoderados, e xente para ir pedir apoio polas casas xa nin falamos. E en definitiva, en Galicia, nas eleccións que si encabezara Pedro Sánchez, o 20-D e o 26-X, os apoios que tiveron as súas listas estiveron na media do estado, e na segunda volta subiron do terceiro ao segundo posto.

Xa sei que os resultados das autonómicas son unha escusa, tan carente de fundamento como as que provocan as pelexas nos patios dos colexios, pero cal é o argumento para armar cirios no medio da rúa, sacar a todo un ex-presidente dos seus negocios e as súas conferencias e que lle chamen de todo menos bonito en editoriais e faladoiros? Non é unha pregunta retórica. Tamén sei que o que querenos editoriais, a vella garda do PSOE e o chamado sector crítico, encabezado pola presidenta de Andalucía, Susana Díaz, é que o grupo parlamentarioparlamentarios se absteña e permita que goberne o PP con todas as da lei, non como agora que goberna igual, pero tras das silveiras.

Non é unha pregunta retórica porque eu sempre pensei que nos partidos democráticos e a normativa española non permite a existencia de partidos que non sexan democráticos, e se non probe a inscribir un cuns estatutos nos que diga que se fai o que Vde. manda- as cousas decidíanse nuns órganos determinados, e se a cousa era moi gorda, convocando outros con máis xente. E nesa tesitura, uns van cunha proposta X ("no es no, y de ahí no nos sacan") e outros cunha decisión Z ("nos abstenemos, que malo será"). Deféndense, debátense e vótanse e punto. Non entendo substituír iso por unha rexouba nas portas dunha sede, ou ante calquera micrófono que lle poñan diante a calquera, cun exhibicionismo emocional cuspido ao da xente que vai difundir os seus problemas nos platós, ou aqueles que fan perante as cámaras ostentación da súa falta de control hormonal.

Se eu fose uns conspiranoico, pensaría que todo está pensado como unha campaña de imaxe, que Felipe está facendo un sacrificio aparecendo como un sicario do mal e do gran capital e Susana Díaz como unha Cruella Devil en ordinariote, para deixar a Pedro Sánchez como algo a medias entre Salvador Allende e Adolfo Suárez, e que os resultados de PSOE e Podemos sexa, como case sempre pasa no ámbito progresista, un xogo de suma cero, no que o que ganan uns veñen do que perden outros. Pero como dicía Bioy Casares, o mundo atribúe as súas desgrazas a conspiracións de grandes malvados, e pasa que subestima a estupidez. Pois quizais aquí o que pase é que hai xente con mal perder.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine