Catro dos cinco presuntos violadores -pero energúmenos confirmados- dunha rapaza no San Fermín deste ano, van ser tamén acusados dun abuso colectivo a outra muller, dous meses antes, nunha localidade cordobesa. Para quen non coñeza os feitos, un dos becerros ofreceuse a levala a casa no coche, e en canto subiu, a rapaza quedou inconsciente, suponse que polo efecto da burundanga ou escopolamina, un alcaloide que actúa como un depresor das terminacións nerviosas e cerebrais e que anula a consciencia e a memoria de quen o toma ou inhala. A vítima só lembra subir ao coche. O que pasou logo non, pero sábese porque os outros participantes gravárono cun móbil e difundírono por onde quixeron.

No vídeo, vese á muller espida no asento traseiro, mentres os catro presuntos tocana o que queren. Nun momento determinado, esperta e sentase ao lado do condutor que lle pide que lle faga unha felación. Ela négase e el dálle dous golpes na cara e bótaa do coche. O vídeo está editado por eles mesmos, así que puideron ter pasado mais cousas, pero non menos. O que se ve, pasou. Ter un poder absoluto sobre unha rapaza previamente drogada é algo do que estar evidentemente orgulloso, así que a maiores de gravalo para a posteridade e para ensinárllelo os netos, hai que difundilo entre os amigachos para que vexan quen os ten ben postos e é un tipo cachondo a tope. O vídeo difundiuse entre tres grupos de WhatsApp, o primeiro chamado Manada (un dos detidos tiña unha tatuaxe que dicía: "El poder del lobo reside en la manada"). Entre as reaccións dos membros estaban estas:

-(Otro)"Bukake? [violación colectiva] Jajaja.

Madre mía Cloroformo? Jajaja.

Que habilidad con una mano conduciendo y cogiendo una teta detrás".

-(A.B.F.)"Madre mía que le echasteis a la chavala burundanga. Que bueno".

-(Otro)"Está muerta o qué?"

-(A.B.F.)"Estaría en coma".

-(Otro)"Madre mía, os van a meter presos, chavales, jajaja.

J ve un cuerpo humano inconsciente y ahí está el tío y sea para robarle o meterle mano jajaja.

¿Y qué han hecho con la chavala, la han tirado al río?".

Como é a xuventude, non? Ben, estes nenos xa non son. Tampouco individuos marxinais. Son xente normal, que ven como uns amigos (ou nalgún caso nin amigos serían) cometen un delito e desgracian a vida dunha persoa e a única reacción que teñen é jajaja. Non se trata de non ter o valor físico de defender a alguén dun atraco, senón a mínima decencia de reenviar o vídeo a unha comisaría. Non sei se hai unha figura penal que se chama omisión do deber de socorro, ou complicidade na difusión dun delito, ou algo, pero en casos como este deberá habela.

Tamén son xente normal a presunta manada (claro que o son, pero non de lobos. O lobo é un animal moito máis nobre, que se enfronta moitas veces a presas nada fáciles). Un é militar profesional e outro garda civil en prácticas (non hai uns test psicolóxicos para detectar indesexables antes de que ingresen e se podan escudar nun uniforme ou nunha placa?). Terán nais e pais, como todo o mundo, e mesmo parella. Xa din os avogados dos acusados que non necesitaban violar, "porque ligaban mucho", como se violar fose unha necesidade para os que ligan pouco ou nada. Quitado que non é normal organizarse para cometer abusos sexuais, nin difundilos tan alegremente. Iso evidencia un desprezo infinito polos demais se non da manada, e sobre todo se son mulleres.