O San Froilán formouse no camiño, bo predicador, traballador, domesticador até de lobos, feirante e festexeiro. Por algo tamén sempiterno pregoeiro, celebrado santo patrón dos lucenses e da vella Galiza Asturicense.

Seica Lugo naceu e murouse nun bosque sagrado dedicado a Lug, na encrucillada dos camiños que levan do mar aos montes, onde o río Miño abre a moitos outros vieiros. Por tantas tradicións tras si, a cidade non pode máis que celebrar o tempo que abre do verán ao inverno, Outubro, pra convocar encontro, saír das súas murallas, argallar feira e festa honrado ás tradicións arrieiras e a un santo seu, o San Froilán. Bendito santo e bendito nome tamén, a pesares de quen o leve, que, como moitas outras cousas deste confín, rematan esperpentizándose pese a tanta Historia condensada.

Historia dun santo varón envolta na lenda, ao que non lle faltan biógrafos: contada no 1994 polo párroco de Sebero, aldea nos montes leoneses que tamén souberon do paso do santo, Julio de Prado Reyero, Siguiendo las huellas de San Froilán. Aínda que a investigación rebozada nesa manía Astur-Leonesa, que interesadamente dalle as costas ás orixes e ao mapa do que era a Gallaecia dos tres conventos xurídicos, Asturica, Bracara e Lucus. Cumpre ese Flos Sanctorum Galaicorum, isto é un compendio das biografías dos santiños e das santiñas galegas, sempre máis envoltas no mito que na Historia, tantos sen canonizar por Roma. Algo que xa anunciara o lembrado coengo compostelán don Cesáreo Gil Atrio en Santos Gallegos. Levaríamos sorpresas cos resultados, mesmo en canto ao número na lista da Corte Celestial en canto á riqueza literaria de aventuras, desventuras e milagres, que poñen a proba a capacidade inventiva de creadores populares anónimos, trenzando a Historia cos mitos. Non é pra menos nestoutra Tebaida de confín Ibérico, de Ribeiras Sacras e do Val do Silencio, de covas, ríos, fontes, penedas e árbores cristianizadas por homiños e mulleres santos, coa misión de aprender a humanizar: cultivar, domesticar, construír, curar, transmitir normas de convivencia. Ebrios de Deus, aluados, emborrachados con leccións aprendidas en Oriente, transmitidas polos Pais Apostólicos, cos que mantiñan correspondencia epistolar, proba tamén de que había canles, vía directa. Bracara, Asturica e Lucus tiñan peso propio no mundo antigo.

Don Ramón de Trasalba nos seus engaiolantes discursos, preñados de saber e que tanto botamos en menos, case sempre sacaba a relucir aos grandes santos galegos: San Rosendo, Pedro de Mezonzo e San Froilán, sen deixar a Exería, que non é santa a pesares de merecelo.

Pero vaiamos ao San Froilán que é o que toca neste tempiño manso de entre a vendima e a castañeira, cando se esfolla, ensilamos xa mecanicamente e nos preparamos pro tempo do frío, da matanza e doutras sementeiras. Veña pois feira e festa e Lugo, herdeiro de tantos saberes ancestrais sabe facelo. Cumpre así tradicións que se perden no seu foro romano. E algo deso hai, máis alá das novas celebracións antroideiras de verán, baseadas na temática romana do Arde Lucus. Festas e feiras de San Froilán coas que non puideron As San Lucas de Mondoñedo, nin as da Ascensión en Compostela ou as de Santos en Chaves, as grandes feiras destes confíns.

Vense dando que o santo homenaxeado, o San Froilán, naceu alá polo 833, de nai que, popularmente e sen demasiada ciencia, dise era Santa Froila, do mesmo xeito acientífico co que se lle atribúe sepulcro na capela dedicada ao seu fillo na catedral lucense. Vive tempos nos que se descubre ou inventa o que se di ser santo sartego do íntimo amigo de Cristo, o apóstolo Santiago en Compostela. E coma sempre pasa neste reino galaico-leones, pra beber nas fontes de auga pura da Historia convén ir a León, ao conxunto palatino de San Isidoro ou á catedral, alí, na chamada Biblia Gótica, da autoría dun amanuense que asina como Xoán, atópanse referencias ao santo lucense. Pois o tal Xoán convive e formárase con Froilán en Tábara, mosteiro dúplice, familiar, fundado por este nas campas do Esla que abren á serra da Culebra, camiños de Braganza e Zamora, Ruta da Prata... Ambos os dous compartiron en León a fundación dun scriptorium, entón coñecedores e transmisores da cultura clásica e das doutrinas chegadas de Oriente e Terra Santa, como antes e por aquel tempo viñan facendo nos eremitorios do Val do Silencio. Copistas e ilustradores de miniaturas, de textos litúrxicos, de células reais e da devandita Biblia Legionensis. Xoán, agradecido, intercala no pergameo aspectos da vida do seu mestre Froilán. Escatimando espazo cóntanos que nacera nos suburbios de Lugo, quizais no "Regueiro dos Hortos", extramuros, a carón da Porta Miñá que abre a camiños que baixan á ponte, como hoxe se fai saber no lugar cunha pedra fita. Mozo formado en "santas disciplinas", sobranceiro polas súas virtudes... que non teñen por que ser as que cavilamos dende o esquema da beatería, senón que entenderémolas dende a misión antiga, do primeiro cristianismo, leader neso de humanizar o territorio, de sacar proveito ao "viñedo do Señor". Dende os 18 anos dedicase á predicación, segundo a tradición escollendo cova en Ruitelán, Valcarcel, camiño de Santiago. Segue a contar o seu discípulo Xoán que, como proba da súa dedicación a Deus, meteu brasas na boca... e di que nin se decatou, entendendo que aquel era o primeiro milagre, a chamada á predica, camiño a seguir... Entre outros feitos estraños engade que, nunha noite de oración, ollou dúas pombas escintilantes, unha roxa e outra branca e... que furaron metéronselle na boca. E dis que unha deulle calor e a outra sabor a mel... Quizais metáfora en relación co seu sedutor e contundente verbo. Despois vive na soidade dunha cova do monte Cucurrino, hoxe o Curueño, parte dos montes cántabros leoneses de Valdepiélago, onde atopa como novo compañeiro a San Atilano, que se di do Moncayo, cara onde tamén viaxou Froilán, avivando as xa antigas e permanente relacións galaico-aragonesas, representadas por dous santos colegas, Santiago e a Pilarica. Ambos os dous ermitáns fundan o mosteiro de Veseo, en Valdecésar, arredor desas lendas case artúricas do seu Bosque das Fadas. Alí aínda quedan covas chamadas "de San Froilán". Despois é cando pasa a Tabara, coñece ao devandito Xoán e forma outras congregacións nas ribeiras do Esla. Mesmo se conta que Moreruela, que sería centro cisterciense de tanta influencia, tivo arredor do santo a súa primeira comunidade. Tempos os seus, os de Alfonso III, tan benfeitor de Compostela, formando parte da súa selecta curia regis, da colonización cristián dun nacente imperio. Froilán pasa a ser bispo de León e Atilano de Zamora. León tivo posteriormente outros bispos que repiten o nome de Froilán cos que se enreda a Historia. Por aclamación popular, no 1716, non ten máis remedio o Papa Clemente XI que incluír ao San Froilán no Martiroloxio Romano, oficializando así un culto que xa era popular. O santo pasa a ser patrón de Lugo e de León e velaí outro vencello entre a Gallaecia Lucense e a Asturicense.

A Froilán, como humanista e domesticador, represéntase cun lobo aos seus pes. Como os santiños célticos, divinos pero cos pes na terra, sempre na compaña de animais bravos domesticados. Neste caso é o lobo o que carga coa alforxa dos seus libros e que tanto significa de salvaxismo, feroz, satánico, aluado, identificado co nacer de Roma, co bosque de Lug e necesariamente con Lugo. Animal totem entre tantos símbolos que ofrece esta cidade galega, coa Caetra, o Grial eucarístico, o sol que se pecha en muralla...

Veña pois feira e festa con Domingo das Mozas incluído, a celebrar a convivencia, os produtos da terra e do traballo, o camiño que xera a romaría comercio, xantar. Así se celebra o San Froilán cada 5 de outubro polo que foi aquel pretensioso vello reino e polos seus camiños.