A vida é, probablemente, un camiño de elección. Porque nos pasamos a vida elixindo. Todos os días, cando imos a compra, cando pedimos algo nun bar, cando separamos o lixo orgánico do inorgánico? sempre estamos elixindo. De adolescentes eliximos o sendeiro do noso futuro; o oficio, a carreira ou destreza que nos levará a gañarnos a vida. Ás veces eliximos á nosa parella e ás veces non. Non eliximos aos fillos como non eliximos aos pais, pero moitas cousas da nosa existencia pasan por ese marabilloso exercicio da liberdade que é a elección. As amizades, por poñer un caso. Nunha ocasión, alguén dixo que "preferiría morrer no metro de New York, que morrer de vello en Moscú". Non é unha frase afortunada, sobre todo porque quen a pronunciou pretendía realizar unha reflexión política. Por que a elección ten que ser entre A e B? New York ou Moscú? Hai infinidade de lugares no mundo onde sería máis fermoso morrer. Non me obriguen a elixir sen liberdade. Un non vai á compra e o tendeiro lle di "ou ovos ou pan"? Nin vai ao bar e o camareiro lle suxire "ou café ou vodka"? Ter que elixir entre esquerda e dereita a estas alturas é unha falacia, un atraso. Ademais dos partidos claramente definidos no noso panorama político, existen moitos máis, tan dignos, tan interesantes de analizar e tan suxerentes como calquera dos partidos principais que ocupan portadas nos xornais, e reportaxes e entrevistas nas radios e televisións. Pero o feito de ter que elixir entre distintos partidos políticos é o menos complicado. Ninguén nos impón a elección dunhas siglas ou outras. O que si resulta desagradable é ter que pertencer a unha tribo por definición. Non poder ser libre de coller a virtude que máis lle conveña á nación de cada unha. Obrígannos a decidir se somos de esquerdas ou dereitas, nacionalistas ou españolistas, galeguistas ou autonomistas, liberais ou conservadores, ecoloxistas ou taurinos, deportivistas ou celtarras e así sucesivamente. E os que nos obrigan non son os políticos que saen pola tele, son xente próxima, compañeiros na viaxe da vida que se non nos teñen fichados claramente como pertencentes a algo, non saben como tratarnos. Queren unha definición para ter un trato con nós. E a última deriva deste descalabro da liberdade e da sensibilidade é que, aínda que sexas unha persoa con valores, fiel a amizade, respectuoso coa opinión dos demais, en fin, un ser humano normal, en función do que elixas serás considerado positiva ou negativamente. Daquela, xa todo está dito. Expresaches unha idea e alá foi todo o teu prestixio de anos pola rúa: "ese é un facha", "ese é un comunista", "ese é un separatista", "ese non se molla". O de "ese non ese molla" está moi ben. Porque define a aqueles que non forman parte das tribos que os que te xulgan coñecen, porque aínda que el non o saiba hai máis tribos nas que non militar. Se non formas parte do que se espera que deberas formar parte, pasas axiña a ser simplemente un ser desprezable e mala xente. Estamos disparatando a convivencia. Eu non lle pedirei xamais a un coñecido ou a un amigo que se defina, e moito menos que teña que pensar coma min para gozar da miña amizade. A amizade está moi por riba da política. Así que recurramos ao refraneiro popular. "Coa mala xente é bo remedio, poñer terra por medio". Elixir, si, á forza, non.