Orientarse é ter como referencia o Oriente, por onde nace o sol, cara a onde se dirixen os altares, orixe das civilizacións e desas tres conflitivas relixións que teñen como cerna ao patriarca Abraham. Doe nos máis fondos latexos do sentir algo que on é novo na súa Historia: a destrución total: nenos e vellos masacrados, familias deixando a casa, buscando a paz...

Tropezamos e volvemos a bater coa mesma pedra, cada vez máis torpes. Sen ter nada aprendido. A imaxe deste noso Alepo pasará á historia das cidades destruídas.

Alepo facíase imprescindible nunha viaxe cultural polo Crecente Fértil, media lúa no mapa, corazón do mundo, onde se conformaron civilizacións arredor de farturentos ríos, onde naceu a Lei e a Palabra. Nas últimas viaxes xa se contaxiaba o andazo desa sordidez, desgana e desorganización, nada bo agoiro. Aos que buscabamos aquel Oriente fixéronnos pasar horas detidos na fronteira con Xordania, dialogando cun fachendoso xerifalte aduaneiro sirio, namentres xantaba unha torta de pan e se facía imprescindible... teimudo, concedeu en non deixar pasar a un matrimonio, dis que polas súas reiteradas visitas a Israel, como constaba no pasaporte. Quedoume o remorso de non ter solucionado aquilo subornándoo cuns euros.

Acompañábanos guías en español, case sempre formados en Cuba ou en Venezuela, países cos que os gobernos sirios dos Ásad, pai ou fillo, mantiñan relacións. Con poucos coñecementos culturais limitábanse a cumprir o itinerario, a remarcar o que xa se vía e a ser amables, o que por outra banda axudábanos a ampliar as visitas co noso interese de arqueólogo. Iso si, ás horas de rezo, en función da alborada ou do solpor sol eran sacra parada.

Alepo, cidade arrodeada de fértiles campos, de oliveiras, pistachos, noces, froiteiros, algodón, de rabaños de ovella pastoreadas por un San Xosé... rica en lán, en seda e polo tanto en telas e teares, en bordados, alfombras, tamén en prata, ouro, filigrana, fonte da economía siria. Rival de Damasco, da que dista 350 km. Riqueza que en momentos conflitivos servirá de botín para os veciños e rivais turcos. Altivo bastión, rebelde sempre, tamén a Basar el Assad, caudillo con imaxe imposta en monumentos á entrada das cidades, en fotos presidindo establecementos.

Alepo é unha das cidades máis antigas do mundo, nacida nunha chaira de xabre, regada polo río Quweiq, nas portas dos desertos, circunscrita por sete outeiros ou tells, barrios intramuros coas súas diferenzas étnicas e relixiosas. Núcleo aberto por sete portas e no centro presidida pola ergueita Cidadela, baluarte artificial, acrópole murada e con sete portas. Fortaleza pra controlar camiños entre Oriente e Occidente, na Ruta da Seda, parada e fonda pros beduínos. Como un volcán que no seu cráter ofrece altares, templos, pazos, hammans, dependencias pros xerarcas e arqueoloxías. Cima dende a que se avista, ao seu redor, a cidade, como un gran campamento de cemento gris en intentos urbanísticos xeométricos abortados, salpicada de minaretes, foguetes cara ao ceo. Na noite festón de luz. Patrimonio da Humanidade dende 1986. Símbolo dun novo xenocidio.

Florecente núcleo mencionado nas táboas hittitas do 2000 a.C. tamén nas babilónicos , en papiros exipcios e especialmente pretendido polos persas, macedonios e polos Pobos do Mar, trafegantes dos metais...Desexada, asediada, dominada, afeita ás guerras e mesmo a destrutivos tremores, como do 1138 e o de 1822, seguidos da peste. No século III a.C, despois da morte de Alexandro Magno Alepo pasa aos Seleucidas, e toma o nome da prospera Beroia, pretendida por Roma. A partir do 637 conquistada polos árabes e activo centro pra civilización musulmán, engrandecida polos expansionistas da dinastía Omeya, dos Abbasidas e por outras escisións da mesma relixión, Hamdamides, Fatimís, Mirdasites, Seleucidas... Mais nunca dominada polos cruzados, que a asediaron en varias ocasións. Preferida polo sultán exipcio Saladino, polos temidos mongoles, sucesores de de Gengis Khan, os que polo 1260 saquean e masacran á poboación, para darlle paso aos mamelucos de Exipto e novamente aos mongoles, agora ao fronte de Tamerlán... despois aos turcos otomanos. Refuxio pra fuxidos armenios, kurdos, asirios... aínda cun 12% de poboación cristián, ortodoxa e católica, onde incluso se fala e presume do arameo. Na guerra mundial, baixo o reino de Faisal, socorrida e comandada polos aliados franceses, os que deixaron os seus Lycees e as escolas maristas, de importante papel humanitario hoxe... Contundente Historia de construción e destrución, con cicatrices nas súas estruturas físicas e psíquicas.

Dende 1916 con estación do Ferrocarril, comunicada con núcleos que foron do Imperio otomán, Ankara, Bagdag, Damasco ou ao porto de Latakia.... Tamén con Aeroporto Internacional e universidade especializada en Ciencias e Técnicas. Nas últimas décadas Alepo gañaba turistas cultos, ansiosos de meterse en prehistorias. Visitábamos o seu Museo Arqueolóxico con vestixios asirios, hititas, armas e adornos de obsidiana, lapislázuli, betilos, táboas en cuñeiforme... o Museo do Tell Ghazar Bazar, o Tell Mefest... Mansions de todas as épocas, antigos hammans cos seus baños, aínda con salas activas pra homes e mulleres, pra relaxantes masaxes, untados con xabón negro e aceite de eucalipto; carabanserais, como o de Khan al Wasir, dedicado ao folclore, onde, á porta, nos recibían os músicos a sons do bater sobre os pandeiros, espectáculo pra mostrar a lírica de escolas desa musica coral, épica, señardosa, de laudes, do salterio ou kanún... raiceiras do andalusí, as danzas da confraría sufista dos derviches ou danzantes xirógavos, a dar voltas de pionza en estase místico, entre o ceo e a terra.

Pero os ollos e os guías, á forza, levábannos á orixe, ao bastión da Cidadela, onde os estratos arqueolóxicos mostran o valor estratéxico deste punto, con novos achados babilónicos que ollamos a pe de escavación. Rodeada por un foxo, á que se acede por un pontillón en rampla, protexida por dous torreóns, entre os que se abre unha grandiosa porta de dúas follas ferradas, tacholadas nun xeito simbólico de ferraduras femininas e punzóns masculinos, Nunha e outra banda das xambas apareen labradas na pedra as efixies dos leóns, herdos sumerios: un que ri e outro que chora, fartura e destrución, o destino de Alepo. A Gran Mezquita Omawi, obra dos primeiros anos do islam, o 715, dos Omeya, de tres amplas naves e con minarete seleucida do sc. XI, construída no entorno onde houbo unha basílica dos tempos de Santa Elena.... Conxunto islámico reconstruído no século XII, tan danada hoxe.... O Pazo Real do século XIII, as madrasas de Charafya , de el-Farados, a de Suktaniyah coa tumba de Malik al Zaheri, o fillo de Saladino.... a de Halawya, co seu patio aberto en arcos a aulas que seguen sendo escola coránica. Ambiente das Mil e unha Noite que sempre desemboca no abovedado Zoco, onde a frescura vence ao sol e os sentidos tolean entre as tendas de tela, as caserías ou talleres artesáns. Mestura de cores e cheiro a incensos, especies, xabón de loureiro e fume de kebbak... onde os tendeiros convidan ao te, a arak con meze e a unha conversa que sempre remata en negocio. Conxunto queimado un 29 de setembro do 2012 nunha desas, xa de tantas Batalla de Alepo. ¿Qué será daquela xente amable?