O meu fillo pequeno sabe que vive en Santa Cristina, e vai a un colexio de Oleiros, xoga no Montrove contra o Portazgo ou o Arteixo, e dille aos nenos cos que xoga nas vacacións que é da Coruña, cidade que non pisa máis dunha vez á semana. Todas esas referencias coexisten sen problemas, a pesar de que estes días está dando en Ciencias Sociais iso dos concellos, as provincias e as comunidades. No que se refire aos nativos de toda a vida, a xente é de Mera, de Perillo, de Tarrío, de Meirás, de Monte Alto ou das Xubias. Somos máis ben os "venideros" os que nos recoñecemos nos entes administrativos, nos municipios, en base sobre todo á calidade de vida que nos proporciona ou estilo de convivir co que nos identificamos. E esa é a función das administracións, mellorar os servicios e o benestar da veciñanza. Exacerbar o localismo coa finalidade de manterse no posto vólvenos ao famoso aserto de Samuel Johnson de que o patriotismo era o último recurso dun canalla, corrixido por Ambrose Bierce que dicía que era o primeiro.

Esta semana deuse por fin un deses primeiros pasos que se tiñan que ter dado hai décadas. A declaración dos concellos da comarca da Coruña de conformar un área metropolitana, e o seu compromiso de ter no prazo dun ano un proxecto de lei que a faga realidade xurídica e técnica. A calquera se lle ocorre que 400.000 ánimas que viven nun concello e traballan noutro, consumen ocio nun terceiro ou collen un transporte nun cuarto para o que atravesan un quinto necesitan unhas normativas máis aló dunha división municipal que non se moveu desde 1833 (quitado, en 1912, a absorción pola Coruña do concello de Oza, que ía da Palloza a Labañou). Supoño que todos e cada un deses 400.000 estará de acordo, empezando polos que viven no tramo da travesía de Meicende que non ten liña de bus urbano, que está moi ben ser de Arteixo de toda a vida, pero os servizos son outra cousa.

Da mancomunidade xa se falaba cando eu empezaba a traballar nisto de contar cousas. Cheguei mesmo a ver a Paco Vázquez presidir algunha reunión, pero como dicía o verso de Cervantes, "miró al soslayo, fuese y no hubo nada". Debía ser que a terra era plana e máis aló da Ponte Pasaxe abríase o abismo (por moito que o aeroporto "da Coruña" estea en Culleredo, o porto exterior en Arteixo e auga da traída saia de Cambre-Abegondo). Ou pode ser que, como dicía Bertrand Rusell, mentres os científicos se esforzan por facer posible o imposible, os políticos esfórzanse por facer imposible o posible. O Consorcio que logo formaron os concellos pequenos era o que o homónimo musical ao grupo orixinal Mocedades: o mesmo, pero para saír do paso.

Agora hai unha iniciativa, a Declaración de María Pita, que poderá ser máis ou menos improvisada (se fose pechada recibiría tamén críticas, merecidas, por falta de participación), pero se hai vontade de acordo en facer algo, e A Coruña forma parte, se a cousa fracasa será por un caso de torpeza colectiva. Ou porque o falar non ten cancelas (os dous anteriores alcaldes coruñeses estaban a favor da área, pero o asunto non pasou de aí). Ou porque se lle faga máis caso aos intereses do partido que aos dos veciños. Só ten esa explicación que na reunión estivesen sete alcaldes de catro partidos distintos (se contamos que Sadamaioría e Marea Atlántica son o mesmo) que representan ao 90% dos 400.000 cidadáns, e non asistiran tres do PP con escusas tipo el perro me comió los deberes. Esa ou a de que hai políticos, como describía WoodyAllen, con vocación de facer de cada solución un problema.