Fidel Castro está xa na Historia. Como, depende de cada un, pero creo que en termos cualitativos e cuantitativos, deixou o mundo mellor do que o atopou. (En canto á frase "la historia me absolverá", el referíase non ao conxunto da súa vida, que aínda lle quedaba toda por diante cando o dixo, senón a que, aínda que o tribunal o condenase por asaltar o cuartel de Moncada, a historia o absolvería. E non creo que ninguén o condene por derrubar a ditadura de Batista). Pero dos aspectos que máis me chamaron a atención en toda a información que se produciu estes días, foi a enchente de atentados que sufriu, ou que lle armaron.

Veñen relacionados no documental 638 Ways to Kill Castro producido pola británica Channel 4 en 2006, ou no libro ExecutiveAction: 634 Ways to Kill Fidel Castro que escribiu Fabián Escalante, un home que escoltou décadas ao líder cubano. Calquera das dúas cifras dividida polos 57 anos que estivo o lancarés no poder, vén dando unha media de 11 atentados e medio, reais ou preparados, por ano. Un ao mes, sen vacacións nin nada. Aínda que en realidade, houbo épocas, ou máis ben mandatos presidenciais, máis produtivos ca outros. Houbo 38 con Eisenhower, 42 con Kennedy, 72 con Johnson, 184 con Nixon, 64 con Carter, 197 con Reagan, 16 con Bush pai e 21 con Clinton (estaba claro que Nixon e Reagan ían dalo todo).

Os primeiros interesados en desfacerse de Fidel, fose comunista ou liberalconservador eran a Mafia, pola comprensible razón de que lles amolou os múltiples negocios que tiñan na illa. Aínda non cumprira un ano a Revolución e o capo Sam Giancana ofreceu os servizos da súa empresa ao goberno norteamericano, mesmo sen cobrar a tarifa habitual, segundo informes da CIA desclasificados en 2007 pola Lei de Liberdade de Información (que cousas hai por aí adiante!). Fidel era moi devoto dos batidos de chocolate do Hilton, e alí contactaron cun camareiro e lle mandaron unha píldora de cianuro, que gardou no frigorífico. O malo foi que cando por fin o líder foi e pediu o batido, a píldora estaba pegada no conxelador, e ao despegala, rompeu. Tamén por problemas de conservación fracasou outro intento de envelenalo usando a unha amante que tiña antes da Revolución, Marita Lorenz. Gardou a píldora que lle deron en Miami nun tarro de crema facial, e cando quixo botar man dela, resulta que se disolvera.

A verdade, a maioría dos atentados eran bastante esferolíticos. Por exemplo, os norteamericanos fixeron dous intentos baseados nos puros. Un consistente nun cigarro explosivo que lle facilitarían cando visitou a sede da ONU en New York, que non se chegou a intentar, pero si outro cun puro envelenado que se mandou a un axente en Cuba, pero non foi quen de colarllo. Outros intentos tentaban aproveitar a afección polo buceo: desde colocarlle no fondo unha caracola moi chamativa, chea de explosivo (non a colleu), ata tentar regalarlle un neopreno envelenado (o avogado que querían usar para iso xa lle regalara outro). E houbo intentos que parecían de Mr. Bean. Ao comezo, a CIA trataba de desestabilizar o castrismo con proxectos como introducir nas súas botas un potente depilatorio que lle afectaría á barba e polo tanto á súa imaxe (Operación Sansón?). Outra era esparexer LSD nun estudio de televisión, facendo que dixera cousas inconexas co que quedaría desacreditado ante o pobo cubano (nin imaxinaban que habería un político en España chamado Rajoy ao que iso non lle afectaba electoralmente).

Moitos deses atentados non están confirmados (os dous anteriores si), pero o certo é que, como dicía o propio Castro nas entrevistas, "si hubiese una disciplina olímpica de sobrevivir a atentados, habría llevado el oro".