No café Ártabros de A Coruña, preto de Santa Catalina se acende a luz da familia todos os días. Cando abre as súas portas as sete da mañá, iso é o que encontran os clientes, un ambiente familiar, cómodo, afable. E aqueles que aman o café, pois un café exquisito. Ártabros leva aberto desde o ano 1929. Trátase da cafetería en activo máis antiga da cidade.

Por alí aínda pasan clientes que empezaron visitar o local hai sesenta anos. Homes que cando nenos viñan cos seus avós e aos que Jesús os agasallaba cun caramelo e que anos despois regresan a esta cafetería para recuperar o sabor da nenez. Naceu no ano 29 do século pasado.

O ano da gran crise, e por el foron pasando personaxes fundamentais para entender a historia da nosa urbe desde os anos trinta ata hoxe.

Cunqueiro, Garcés, Tomás Barro, acudían a este café logo dunha conferencia, unha comida ou un pase de cine no Avenida. Daquela, non había tantos bares, nin cafeterías no entorno e o Ártabros era o centro de operacións de moitos negocios que se levaban adiante na Coruña. Jesús e o seu pai viron como se erguía o edificio do Banco Pastor e fixeron amizade con centenares de persoas que viñan desde A Costa da Morte para resolver xestións ou darse un paseo herculino. Vendían, por aquel tempo, milleiros de churros ao día.

E non é unha esaxeración. Milleiros. Jesús Blázquez Pereiro, que nos deixou hai uns días, era un cabaleiro; un home discreto pero próximo, que sempre tiña a palabra axeitada para cada cliente. Parecera que tivese un microscopio da alma de calquera ser humano que entrase no seu local. Alí tomaba café Pedro Barrié de la Maza, no tempo no que se empeñou coa construción de Alvedro. Barrié tiña o costume de acudir todas as tardes a ver a chegada do avión procedente de Madrid. Encantáballe ver como aterraba no aeroporto e logo baixaba para dar o parte no Ártabros de cómo foran as manobras do avión ese día.

Ademais dun home traballador, Jesús era un emprendedor, un visionario. Nunha cidade que carecía de tantas cousas, el foi quen de dotala de grandes marcas de coñacs, ou de viños ou de puros que vendía a outros negocios de Coruña. Sempre amante do deporte e magnífico futbolista, chegou a ser oxeador do Deportivo. Tamén foi fundador da Asociación de Hostelería de A Coruña e o primeiro en colocar unha máquina de xogos no seu café. Nunca o vin enfadado. E creo que non debía enfadarse demasiado. O que non quere dicir que non tivese o seu carácter. Nunca se deixou vencer polas enfermidades e tivo unhas cantas. Padeceu e loitou contra elas cunha dignidade enorme. Sempre estará entre nós, xunto a María, a súa muller, que pinta flores maravillosas cunha intuición case máxica. Este é un artigo de amizade, é evidente.

Pero non podo deixar de pensar que nas mesas dese café, do Ártabros, teño escrito algúns dos meus mellores poemas. Por iso, só por iso, xa tería que estarlle agradecido a Jesús, pero o meu maior agradecemento cara el é dicirlle que me presentou á súa familia, unha familia extraordinaria, un seu fillo do que son amigo e que me honra cos seus consellos e agarimo.

Desde este estraño lugar no que habitamos os vivos mándoche unha aperta inmensa ata ese outro estraño lugar onde habitades os ausentes.