Asoballar, verbogalego agora reducido aos arcaísmos, socorrido nos rebeldes anos setenta, cando mudaban tantas cousas, mesmo as sofisticadas formas de explotación. E detrás sempre fins económicos e polo tanto políticos. Os mozos de entón, os que deixabamos atrás unha educación de Florido pensil, nacionalcatolicista, comezábamos a ter criterio, a buscar a identidade individual e colectiva e a escudriñar no que se nos acochaba politicamente. En voz baixa buscábamos na trastenda das librarías o Sempre en Galiza de Castelao, liamos, axeitadas á contemporaneidade, as teorías de Marx, algún mesmo entoleirou cos tomos do Capital. Os máis sintetizábamos tanta teoríaa través do manual de Marta Harnecker, Os conceptos elementais do materialismo histórico. Sen faltar a preceptiva lectura, recomendada entre as células do nacionalismo, do Retrato do Colonizado... e do colonizador, da autoría Albert Memmi. Nova santísima trindade bibliográfica para a formación "progre" de entón. Como banda musical de fondo Allan Stivell, o Zeca Afonso, Voces Ceibes, poemas de Celso Emilio e de Manuel María. Receitario teórico, ao menos así foi, para un grupiño de carballiñeses que facíamos praxe e patria dende a agrupación Cultural Avantar, entre outras iniciativas de máis fondura "galega", ás que nos sumamos e nos entregamoscoa paixón moza e inexperiencia tamén, como a recuperación da cabeceira histórica do xornal A Nosa Terra, finalmente engulida polo capital. Lecturas de formación, armas de combate intelectual, abrindo á nova filosofía do século XX, sempre arredor do ser humano, do humanismo. O Instinto irracional das bandas prehistóricas compre desbravalo coa formación e a conversa. Tres libros que abriron a outras lecturas e comportamentos, interiorización do conflito,dos estigmas.

A colonización é ante todo explotación económica e política e conseguintemente cultural, pero hai máis, a degradación do ser humano e da súa sociedade. Isto é humillar, empobrecer en todos os termos ao colonizado e mesmo cebar a suposta superioridade do colonizador. Conseguintementeautoodio, sentimento de incapacidade e mesmo o reverente amor polo "superior" colonizador. Entre tantos efectos ensarillados arredor da crise de identidade, da anomía estudada por Durkhein, a degradación cultural dun pobo, manifesta de todos os xeitos. E velaí que os recursos propios, a auga, a electricidade, o leite, a pesca, a madeira, as minas.... a man de obra, a banca cos aforros... pasarán a ser administrados polo grupo dominante, os colonizadores, coa conseguinte degradación física e psíquica, abríndolle fronteiras de incerteza ao asoballado.

Cavilar non prescribe esempre se volve á filosofía. Pois velaí o referido Retrato do Colonizado, libro con prólogo de Jean-PaulSastre, editado en España no 1971 por Cuadernos para el Diálogo. Necesario, máis aínda, cando tantas cousas se acentúan no vivir entre culturas, a uniformización global, o consumo, entre outrosfermentos. Así que, máis de medio século despois de terse escrito, este "clásico" do anticolonialismo é agora reeditado por Laiovento e traducido ao galego polo experimentado político Claudio López Garrido.

O autor, Albert Memmi é tunecino que vive entre tres culturas: xudeo, de lingua árabe, formado na súa terra cando aínda era colonia francesa, despois na metrópole, na Sorbonne. Os seus comportamentos, canto lle tocou vivir, forman parte dunha investigación psicosociolóxica que desexa compartir. Obra escrita no contexto espacial e temporal da revolución arxelina, fronte a unha Francia paternalista que repensa sobre a súa "misión civilizadora". Pese as sempre debatidas diferenzas políticas, non nos son alleos os presupostos de Memmi aos dos galegos de noutrora atufados pola grandilocuencia de pandeireta da ditadura da "reserva espiritual de Europa" que enxalzaba aos Reis Católicos e a unha "lengua compañera del imperio", pero tamén por un hoxe de tantos sofisticados xeitos de explotación "democrática". Ser ou non ser. Trátasede informar para formar, para conducir á liberación persoal e do pobo explotado, co que se negocia coa súa carne humana, como dicía Castelao. Colonizados multiplicadamente explotados, tamén como traballadores, proletariado mudo, sen identidade, sen idioma, sen criterio, reducido a novos guetos nas cidades industriais, si acaso cun Centro Gallego pro desafogo das festividades. A ridiculización, a distorsión e destrución das tradicións, asociadas co atraso e que se reducen a ambientes envellecidos, esperpentizados. A culturación, conseguintemente crise de identidade, o debate das contradicións, autodestrución, sempre fora de xogo ou metidos de cheo na mesma cerna da opresión.... O colonizado, sumido na alienación, carga co desarraigo, cun permanente exilio de pertencer a ningures e non ser aceptado.

Asuntos de identidade e cultura, de nacionalismo, das que "pasaba" o internacionalismo da esquerda , acentuándose as súas contradicións imperialistas, na China de Mao, na URSS.... Enguedellábase o debate sobre o qué era ou non era unha colonia. Non se trata de aplicar a Galiza o esquema clásico do colonialismo en bruto do si bwana, secuencia desa longa historia de conquistas e "descubrimentos" sobre os "bárbaros" indíxenas, mesmo abusando sacrilegamente dos santos ao outorgarlle milagres de matarifes. Historia feita a medida dos que vencen. Hoxe o neocolonialismo disfrázase de sofisticados e "democráticos" xeitos de explotación económica , política e cultural. Entenderámolo mellor se enxergamos o noso acontecer, cando se perderon, zugaron e expatriaron tantas iniciativas galegas e se distorsionaron e propiciaron tantos monstros e esperpentos. Aínda así resulta difícil ao colonizado retirar as orelleiras, enxergar o seu papel de bailanacriba bicultural, bombardeado ademaismediaticamente por canta metralla comercial e enganos sen fronteiras hai.

Xa non compren exércitos invasores, cando estes xa están conformados por rapaces das nacións máis empobrecidas. Non se trata do vello escravismo en galeras, da trata de negros, nin do racismo de cultos e privilexiados usurpadores. Aínda que algo queda dos peores capataces, mercenarios, que rematan sendo os propios colonizados pra pasarno escalofón de pequeno a gran colonizador. Farao de xeitos máis sutís, paternais na tele, na universidade, nos parlamentos... pra quen queira e saiba enxergalo, especialmente co idioma, por canto supón nas relacións e no que se mostran as feridas e as cicatrices, maltratado, dialectalizado, agresivo, escatolóxico cando non endomingado ou reducido a regalo de beneficencia,como invento de aluados reunidos dunha pléiade de intelectuais de ego niquelado. Velaí a forza da educación e da cultura, o papel da política que rega no rego, o o esforzo de Castelao, do Seminario de Estudos Galegos, do Laboratorio de Formas de Seoane e Díaz Pardo para afianzar a identidade e conseguintemente a independencia individual e colectiva. Contra a deshumanización da persoa e do grupo, non cabe máis que o humanismo. Asumir, enxergar o tempo e a terra na que nos tocou vivir, con todas as súas circunstancias internas e externas, é o feito mínimo de revolución, de liberdade e ser. O que si é certo é que todos os colonizados parécense entre si, mostrouno Castelao nos Debuxos de negros. E por algo reaparece novamente O retrato do Colonizado e outra vez, con il, sacamos á rúa o verbo "asoballar".