Este sábado, o Concello de Carral, dentro da súa programación cultural do Teatro de Outono, quixo homenaxear ao grupo Teatro Valacar da ONCE, o motivo non era outro que a formación teatral cumpría este ano vintecinco anos de existencia. Aínda que os actos do aniversario terán lugar no vindeiro 2017, por cousas de orde maior que obrigaron a retrasar a celebración. Valacar, colle o seu nome do escritor ourensán Valentín Lamas Carvajal, quen padeceu na súa vida unha discapacidade visual. Quixeron así, os fundadores do grupo, vincular no nome do mesmo, tres aspectos claros, a cultura, a galeguidade e reivindicar a súa condición de compañía teatral de cegos e persoas con discapacidade visual. Ao longo de todos estes anos, Valacar, ten participado en numerosas mostras de teatro, tanto a nivel estatal como autonómico e ten posto en escena os seus espectáculos en festivais e certames teatrais de toda índole; competindo con outros grupos subvencionados pola ONCE, mais tamén con grupos de videntes, recibindo en diversas ocasións galardóns que premian o seu bo facer, por riba das dificultades que supón actuar sen ver, ou tendo unha pequenísima visión do escenario. Moitos actores e actrices teñen pasado ao longo destes anos polo grupo. Moitos xa non están entre nós. Pero a saúde de Valacar é boa. Na actualidade, acada un número de integrantes elevadísimo, pois son dezaseis os actores e actrices que o compoñen. Tanto montan unha farsa, como unha comedia elegante, como un espectáculo de humor ácido e crítica social, como fan un texto poético, un drama ou unha peza de teatro do absurdo. Axiña comezarán os ensaios dunha peza infantil e xuvenil, co que continuarán fechando estilos e propostas. Ademais das calidades artísticas que cada persoa atesoura cando sube a escena, os actores con discapacidade visual teñen desenvolvido unhas capacidades sensoriais moi superiores aos actores videntes. O son e a voz, son para eles dúas ferramentas fundamentais. Ao igual que o tacto e a respiración. Todo contribúe a ubicarse en escena. Porque para eles e elas é imprescindible ter conciencia en todo momento de que lugar ocupa o seu corpo no desenvolvemento dunha escena. Desde estas páxinas quixera agradecer o recoñecemento do Concello de Carral a estes actores e actrices de Teatro Valacar, e mormente, facelo nas persoas de Carlos Lorenzo, programador de teatro do Concello e de Margarita Ramilo Varela, Concelleira de Cultura de Carral. Unha boa maneira de rematar o ano para Teatro Valacar, un ano no que foi recollendo galardóns e recoñecementos ao longo da xeografía de Galicia. Agardemos que permanezan fieis ao seu desafío e nos agasallen axiña con novas propostas teatrais.