Nuns tempos tan convulsos e confusos, resulta paradoxal mirar cara o pasado e encontrar actos e persoas que nos poden inspirar. Algunhas tan polémicas como Teodora. Unha figura chea de contradicións. Un ser ambicioso e cruel por veces, pero unha muller que sempre defendeu ás mulleres que se encontraban en desgraza. Teodora é considerada santa pola igrexa ortodoxa, e de santa tiña ben pouco: sobre a súa conciencia pesa a morte de 30.000 seres humanos axustizados para que o seu esposo lograse manter o poder. Todo un carácter, vaia. Xustiniano, o seu marido e emperador bizantino, nunha deixou de estarlle agradecido pola súa determinación e pola defensa do trono. Procopio, un dos historiadores máis prolíficos sobre a parella, escribíu tres libros sobre ambos. En dous fala deles marabillas, nun terceiro ponos a caldo. Deixando á marxe os excesos que Xustiniano e Teodora cometeron e tamén os seus acertos en lexislacións, o caso é que o amor sempre permaneceu nas súas vidas. Teodora fora prostituta, bailarina e actriz. Fora unha muller maltratada polo seu anterior esposo, pero sempre conservou a súa beleza e un magnífico sentido do humor. Isto é o que levou a Xustiniano a colocala ao seu carón e facela emperatriz. E ela non o defraudou. Participou nas reformas legais e se involucrou no aumento dos dereitos das mulleres. Entre as súas leis destaca a que prohibía a prostitución forzosa e fechou os bordeis que a incumprían. Asemade, creou un convento na parte asiática dos Dardanelos chamado Metanoia, onde as exprostitutas podían manterse por si mesmas. Tamén expandiu os dereitos da muller en caso de divorcio e instituíu a pena de morte por violación, prohibiu que os bebés non desexados fosen abandonados e o asasinato das mulleres que cometeran adulterio. Se pensamos no mundo que nos toca vivir, onde mulleres traballan en réxime de escravismo nos bordeis, onde os bebés son abandonados, onde as penas por violación son tan cativas, onde en moitos lugares do mundo se segue lapidando a mulleres consideradas adulteras, Teodora, con todas as súas sombras, se nos presenta como un agasallo de Reis para moitas das mulleres golpeadas polo destino na actualidade. Desexo que tivesen un bo Nadal e tamén un magnífico día de Reis. Tomen este artigo, algo historicista, como o meu regalo particular para celebrar xuntos esa data. E, agardemos, xuntos, que María Dolores de Cospedal, repare a dor das familias das vítimas do Yak-42. Piden xustiza, non indemnizacións. Xustiza política, non xurídica. Obtela sería para os mortos e para os seus familiares vivos un verdadeiro agasallo de Reis e, sobre todo, a recuperación do honor e a dignificación da súa memoria. Feliz 2017.