Estes días fíxose tristemente famoso un colega que sostivo que unha muller morta nos arredores de Madrid xa sabía ao que se expoñía, porque era unha señora con estudos que se fora cun mozo suramericano sen profesión definida e con carácter violento. E de aí, xa postos, pasaba a que a culpa no fondo era das feministas porque eran como xihadistas que xa sabían ao que ían ou algo así. Desculpen as inconcrecións, pero non teño estómago para volvelo ler. A opinión pública botóuselle enriba, ou polo menos a opinión publicada sensata, mesmo o xornal compostelán onde lle colou a barbaridade, nun xesto un tanto inédito nos medios de comunicación. Imaxino que o tipo debe estar perplexo, porque iso mesmo díxoo ou escoitouno unha chea de veces nun bar, e todo o mundo estaba de acordo, así que, por que non escribilo? Onde está a liberdade de opinión?, quizais se diga.

Mentres, nunha galaxia bastante próxima, unha rapaza aragonesa de 21 anos está pendente dunha pena de dous anos e medio de cárcere e tres máis de liberdade vixiada por unha ducia de chistes que fixo entre 2013 e 2016 en Twitter sobre Carrero Blanco e o seu ascenso non precisamente no escalafón militar. Iso coincide con que a Fiscalía volve instar á Audiencia Nacional que condene a César Strawberry, cantante de Def con Dos, logo de que o absolvera dos supostos delitos de enaltecemento do terrorismo e humillación das vítimas por seis tuits. E coa absolución dos titiriteiros que puxeron unha pancarta que poñía Alka-Eta para simbolizar precisamente a represión pola cara, pero que antes da sentencia pasaron pola prisión e pola condena moral e mediática de ministros e autoridades que lles chamaron de todo, co que nunca tanta eficacia tivo unha pancarta de medio folio. Como tontos hainos en todas partes -o que pasa é que uns teñen máis mando ca outros- lin dun que se queixaba de que estaba mal facer chistes da catástrofe de Pompeia, "porque está mal rirse de xente que morreu de forma tan atroz".

Daquela, onde están os límites para a liberdade? Hainos para uns e para outros non? A mellor definición que lembro é a de George Orwell, que dicía que a liberdade de expresión é dicir o que a xente non quere oír. Se só se pode dicir ou escribir o que non molesta a ninguén, non é posible nin a crítica, nin o humor. Nin o periodismo. Outra cousa é que a liberdade de expresarse funcione nos dous sentidos, e que quen se sinta aludido, por un tuit ou por un artigo infame, ten dereito contestar. Pero oscila entre o idiota e o inicuo -quizais aquí haxa un desacato á autoridade- pretender criminalizar unha ducia de chistes sobre Carrero (ou sobre quen sexa) contadas a un par de miles de seguidores, cando Pontecorvo fixo unha película sobre o asunto, Operación Ogro (1979)¸ que se estreou en España sen problemas apenas sete anos despois do atentado. Emitila ou alugala nun videoclub 43 anos despois será tamén delito?

Un chiste de Perich a finais do século pasado dicía: "Gracias a la libertad de expresión hoy ya es posible decir que un gobernante es un inútil sin que nos pase nada. Al gobernante tampoco". Ao gobernante sigue sen pasarlle. A nós, depende.