Ecerto que Obama non cumpriu as expectativas que o mundo se fixo coa súa presidencia. Non fechou Guantánamo, non foi quen de facer a reforma sanitaria que desexaba, non foi un Premio Nobel da Paz pacífico. Claro que, isto último, é o máis habitual. O Premio Nobel da Paz téñeno levado ata terroristas. Así que Obama neste aspecto é un inocente. Con todo, Obama é norteamericano. E negalo foi a primeira falacia de Donald Trump. Se cadra, puxemos tanta atención en Hillary que esquecimos que Donald, comezou a súa campaña coa afirmación de que Obama non era estadounidense e que, daquela, non podía ser presidente do país. A conferencia de prensa que Donald deu esta semana é toda unha declaración de intencións do seu comportamento. Intolerante, chulo, prepotente, en fin, un exceso de autoridade. De autoridade, que non de disciplina, porque este home disciplinado non parece ser. Unha das cousas que chaman a atención é que pon aos seus fillos á fronte dos seus negocios. Todos os presidentes anteriores que se dedicaban aos negocios, ou tiñan negocios, nomeaban un fideicomiso que, ao remate do seu mandato, daba conta ao presidente do estado das súas finanzas. Deste xeito o público e o privado quedaban separados. Pero Donald, nomea aos seus fillos. Fillos que poden utilizar a influencia do seu papá presidente para facer negocios. Parece algo moi pequeno. Pero é gravísimo. Por primeira vez na historia dos EEUU póñense as bases para unha corrupción familiar. Unhas bases cunha capacidade de manobra superior á que gozaron os Pujol. Volver sobre o muro, sobre que os mexicanos van pagalo, volver a esa leria que xa ven da época de Clinton, nese ton populista e mentireiro non ten senso. México non vai pagar. Ademais, que tería que pagar? Os últimos 37 quilómetros que quedan por construír? Lonxe de facer defensa da miña profesión, lonxe de facer corporativismo, a conferencia de prensa de Trump foi un canto á agresión das liberdades. É certo que a publicación dunha información sobre algunhas actividades sexuais do presidente electo norteamericano en Rusia son e resultaron ser falsas. Pero iso non xustifica que non permitise a un xornalista da CNN realizar ningún tipo de pregunta. Está asesorado por Rajoy? Non. Trump é inimigo do plasma. A el vaille a confrontación en directo e se hai que insultar, vexar, ofender cara a cara, mellor. É un home que se fixo a si mesmo. Frase imbécil onde as haxa. Todos as mulleres e os homes nos facemos ao longo da vida ao nós mesmos. No se trata da liberdade de expresión. Trátase da liberdade. Iso é o que está en xogo. Se o Partido Demócrata asumiu os resultados das eleccións, os seus votantes tamén deberían facelo. Porque se seguen polos derroteiros da insumisión darán argumentos ao monstro. E a KGB e o FBI son vidas paralelas como as que escribía Plutarco. Entre eles vanse entender. Non o dubiden. Nunca estiveron tan preto ideoloxicamente os Estados Unidos e Rusia. E Obama? Obama para Kenia e problema resolto. Xa saben, non é norteamericano.