Coros, bandas, cantantes, disparos de canón. Donald Trump, anunciado polo seus trumpeteiros tomou posesión como presidente dos EEUU. Un home que soubo utilizar todo o seu pasado nos reality show televisivos para facer da súa campaña un autentico show electoral. Non lle importou insultar, nin que o insultasen. Acadou o seu obxectivo cunhas maneiras e uns discursos inéditos ata o momento na política estadounidense, que non na europea, nin na asiática, onde xa escoitamos na década dos anos trinta do século pasado, cousas semellantes. Lembren lemas como o do Imperio do Sol Nacente "Asia para os asiáticos". O xeito que tiñan os xaponeses de expulsar aos colonialistas brancos de Asia para converterse eles nos novos colonizadores. No discurso de Trump, simple e infantil, houbo momentos memorables. "Estamos transferindo o poder de Washington ao pobo". Relativamente, non? O poder agora é teu e do teu gabinete. Se ti te subrogas a figura de pobo, pois daquela, non podo dicir nada. Es o novo Houdini da política, un mago extraordinario, un transformista. Outra frase para a posterioridade: "Durante anos defendemos a fronteira doutros países mentres declinábamos defender a nosa". Frase que se contradí con outra que el mesmo pronunciou a continuación: "Fixaremos o rumbo dos Estados Unidos e do mundo nos próximos anos". Isto é, que pretende defender as fronteiras do seu país, pero se hai que intervir no mundo, pois, sen problemas. Como di o outro "se hai que ir se vai". E xa para rematar, unha declaración de intencións gloriosa: "De agora en adiante, Estados Unidos, primeiro". E que non foi sempre así? Desde que rematou a súa Guerra de Secesión, non pretenderon ser outra cousa que os primeiros, os amos do mundo. Pero el chegou aí por moitos motivos, e un deles está relacionado coa actuación que os medios de comunicación norteamericanos tiveron durante a campaña electoral do xa presidente Trump. Os grandes xornais e as grandes cadeas de televisión cometeron un erro gravísimo, un erro que está invadindo a nosa profesión desde hai anos. Moitos medios de comunicación e moitos xornalistas crense na posesión da verdade e do coñecemento da opinión pública. Isto é terrible, porque deixan de informar para influenciar. O cal non é o mesmo. E outro tanto ocorre coa arrogancia dalgúns profesionais que desde os seus medios pretenden cambiar o mundo, en lugar de contar o mundo. Logo, pasa o que pasa. Viven e constrúen unha realidade paralela, e os populismos lles adiantan pola esquerda e pola dereita. Sabían que Donald Trump subvencionou á Fundación Clinton con importantes donacións de dólares, e que financiou a campaña de Hillary para senadora? Senón como se explica o silencio do matrimonio logo da derrota? Ademais de perder, agora teñen que calar. Só Obama podía manifestarse en contra. Eles estaban silenciados polo seu pasado. Por iso os trumpeteiros de Donald tocaban o seu instrumento con tanta forza e determinación. Aínda que debo recoñecer que desafinaron unha barbaridade. Serían os nervios e a transcendencia histórica do momento, o que os levou a agasallarnos cun martirio musical.