Falar de Museoloxía é referirse á metodoloxía da xestión dos museos e mesmo do patrimonio cultural, cando por aquí aínda soa a musarañas. Incluso aplícase mal iso de "musealizar", coa idea de santificar aureolando de cartelas ilexibles... A Museoloxía implica o estudo da evolución da institución do museo, tamén o sociolóxico, as tendencias do público, a planificación que presupón aspectos que xa nos meten na rama da Museografía, os que van dende o deseño funcional do continente, da arquitectura do Museo nun lugar emblemático das cidades, facilitando o aparcamento, a circulación lóxica do visitante, a que arranca do punto de encontro ou "centro de recepción de visitantes" até o retorno á mesma. Recorrido lineal que permita a comodidade e a comprensión do exposto. Ciencia que trata tamén da selección de contidos "museables", os que aporten e traten de aproximar ao espectador ao seu contexto orixinario, axudado agora das novas tecnoloxías, a iluminación, a ambientación... sen esquecer as medidas preventivas referidas ao control ambiental, á seguridade... e ós almacéns ou fondos en reserva, os talleres de restauración, a sección de arquivos e documentación, biblioteca, exposicións, didáctica, actividades.... A Museoloxía abre camiños en relación coa cultura e co turismo.

Nesta prehistoria da Museoloxía galega, enxergamos que obras antolóxicas da arte repártense por despachos e corredores dos edificiosdas diferentes administracións públicas. Dispostas sen criterio museográfico, mal enmarcadas, mal suxeitas, lenzos pandeados, mal iluminadas, sen medidas preventivas, sometidas a cambios de temperatura, a roces, a limpezas de vasoira, situadas entre obras de mal gusto, entre eses innecesarios retratos "oficiais", verdadeiro museo dos horrores, que din moito do ego dos enmedallados, obras que prescriben e serán condenadas ao desterro dun rocho. Ausencia do tratamento museolóxico.

A través dos medios ou nunha visita a eses despachos das administracións, con todo o que supoñen de esperas e protocolos, os ollos sensibles necesariamente petan con obras representativas de Laxeiro, de Colmeiro, de Tino Grandío, de Díaz Pardo, de Quessada, Leiro... namentres que nos museos públicos galegos, mesmo xestionados polas mesmas administracións, poidan nin estar representados, si acaso con algún souvenir da súa mesma autoría. As obras representativas dos considerados clásicos da Historia da Arte deben estar nos museos, namentres que eses corredores e despachos poden complementarse con obras de creadores novos, dos bolseiros, en espera do tempo que poida reafirmalos.

Ven o devandito a raíz da noticia de que a Deputación da Coruña, fai o que debe: de non poder aplicar un seguimento museográfico ás súas obras, atendido por especialistas, deposita no Museo de Belas Artes da Coruña algunhas das obras da súa valiosa colección, entre elas o lenzo de Díaz Pardo, cun retranqueiro título-disfrace, pra desactivalo da súa fonda carga política O Discurso (1946). Cando o que enxergamos é O Mitin: un mozo remangado, descamisado e con puño en alto, arenga ao pobo de seu. Non é nova a cuestión dos títulos-disfrace entre as obras de Díaz Pardo, quen precisamente lidou e burlou á ditadura. Algo semellante pasa co lenzo, taménde gran formato e do mesmo autor, titulado os Afogados. Obra esta adquirida pola entón Fundación Caixa Galicia, a que no afán para estas inversións, adiantouse á parsimonia da Administración Pública. Igualmente mal titulada, cando debera chamarse Os Mártires ou Os Paseados. Non hai máis que reparar nelas, contextualizalas, entrar no autor e a través das súas obras entrar nas súas teimas, na súa retranca e mesmo nos seus comentarios sobre elas. Así témolo feito para concluír o que dicimos. Esta obra acompañábase dun escrito no que Isaac dicía que era un homenaxe aos que se lle truncou o seu rumbo pra aniquilalos nun porto que era de esperanzas. Como fixeron co seu pai, Camilo Díaz Baliño, sacado da cadea de Compostela e atopado despois, cun tiro, nunha cuneta entre Palas e Melide. Representa esta obra a uns mortos, descamisados e caídos sobre o chan dun peirao, un cun sangrante buraco na fronte... a xente, arrepiada, recólleos, como o descendemento dun novo Cristo... ao fondo un faro deixa devalar a súa luz, semella abrir camiños na incerteza do Océano... Lembramos o Fusilamento do 2 de maio de Goya. Ás obras de arte, como aos viños e como a todo, compre poñerlle literatura, sabelas presentar.

Tal cal dicía o mesmo Díaz Pardo, as obras, os artefactos terán máis mérito e valía dándolle pouso de cultura. Sabémolo ben, xa que xestionamos a adquisición de devanditas dúas obras no ano 1998, falámolo con Isaac, quen me mostrou outra copia do Mitin, no mesmo gran formato, pero feita doutro xeito, máis impresionista, a brochadas... o asunto é que aquel lenzo estaba cortado en anacos: unha cara por unha banda, unha figura pola outra.... ¿Pero Isaac como fas isto? Contestou "hai que pagar favores". Moitas das súas obras, esnaquizadas ou non, serviron como xeito de pago pra novas inversións na que si era a súa gran obra de normalización cultural, as empresas do grupo Sargadelos. Escandalizábase tamén cando se lle dicía que por aquelas súas obras se pagaban millóns, cando para el non significaban mais que divertimentos e un desafío de superar aos clásicos venecianos, a Velazquez, a Goya, a Picasso... Os compradores si sabían ben que eran inversións de futuro. Filgueira Valverde, alma máter do Museo de Pontevedra, insistía en que as boas obras quedan, fan museo e que os cartos deprécianse.

A Fundación de Caixa Galicia xa mercara, algo antes, o Concerto da Zanfoña, outra das grandes obras de Isaac. Bautizada así, a primeira ollada, simplemente polo que se ve, cando puidéramos outorgarlle dous títulos, máis imaxinativos e que engarzarían con moitas outras referencias que marcaron o ser de Isaac, o de Alba de Gloria ou Pórtico da Gloria. Deste xeito alongarse un proceso, sempre inacabado, dentro do océano da cultura. Onde tamén o espectador pon algo de si mesmo. Saber dar nome a unha obra de arte pode enriquecela con suxestións históricas, míticas, poéticas que abran camiños. Isaac facíao de xeito retranqueiro, cavilando mesmo na agudeza do espectador, ocultando o verdadeiro nome pra desorientar á vixiante censura franquista.

Aínda que o gran mérito de Isaac e de Seoane é contraposto á idea de arte pola arte. O seu é a relación ética-estética, o compromiso, a entrega, a coherencia teórica e a praxe de concienciar, de levar e recrear sobre a identidade, de normalizala, mesmo até levala aos bazares. Así se dixo e se fixo a través das reflexións do Laboratorio de Formas de Galicia, das Industrias da Memoria, Sargadelos e o Castro. Mais visto o que se ve, semella que non se entende a significación da orixe na orixinalidade nun mundo que se incha aceleradamente e rebenta en uniformidade global .

Non é nova esta cesión de obra catalogada nas coleccións da Deputación ao Museo de Belas Artes da Coruña. Como, aínda non hai moito a cesión á Casa Museo da Matanza de Padrón do retrato de Rosalía de Castro feito por Modesto Brocos, a Rosalía dos ollos verdes... entre outras outros obxectos que foron testemuña de cuítas e mudanzas dos Muguía Castro. Pezas necesarias do crevatestas que axudan a destapar, comprender e valorar a Historia de Galiza.