Na Fundación Luís Seoane da Coruña pódese contemplar unha exposición retrospectiva do pintor Correa Corredoira. Un marco máis que axeitado. Pois a casa dun dos grandes artistas plásticos de Galiza, por non dicir o máis grande do século XX, recibe a un artista que nos leva conmovendo desde os anos setenta ata hoxe. Correa Corredoira é, sen dúbida, o cantor da pintura do último terzo do século pasado e dos primeiros anos deste século XXI máis diverso, imaxinativo e prolífico co que conta a arte galega. Ademais, Xavier Correa Corredoira é poeta, algo que se adiviña no seu xeito de titular os cadros e as súas exposicións. Esta última, Os días pintados, ten un título que evoca unha exposición anterior, Os días gravados, realizada tamén na Fundación Luís Seoane. É un pintor no que o sensorial supera o emocional, no que os materiais superan a propia inventiva, e no que a emoción e a inventiva camiñan da man. Porque a liberdade que flúe dos cadros de Correa é a liberdade dun pincel que se desliza espontáneo sobre os lenzos, as lonas e as madeiras que habitan esta retrospectiva. Porque como el mesmo di "un cadro ten que ser unha aventura". E así o transmite nas súas mariñas, onde un ten o impulso de querer botarse ao mar, ser cadencia de onda e nunha goleta sabia navegar. Onde xurde unha lonxa, como retablo catedralicio dos traballadores e da riqueza do mar. Verdadeiramente, entrar no Friso das Feridas, unha das salas así tituladas para esta exposición, é como entrar nun templo, no mundo dos frescos renacentistas, nun espazo sacro onde a rebeldía, a vida, a historia plasmada, convértese en algo do que xa tantas veces se ten falado "a arte como relixión". Atopamos nesta retrospectiva unha homenaxe aos Médicis, un homenaxe aos montes de Lodeiro, o pintor inxenuo e artesán que tanto nos conmove, unha colección de autorretratos que evocan mundos que nos fan viaxar desde Van Gogh a Munch. Encontrámonos neste paseo pola vida coa súa etapa mexicana, o canto á cultura indíxena. Tamén vemos un autorretrato ao inicio da mostra, cun espírito velazqueño, que se sostén sobre o cabalete que usaba o mesmo Luís Seoane, nun claro guiño admirativo polo pintor galego-arxentino. Transita polo naif, polo abstracto, polo figurativo e polo naturalismo. Ouvimos o pensamento de Becket, de Giacometti, de Lindsay Kemp, de Mon Vasco, ao que retrata en África. Vemos as súas paisaxes andaluzas, ecoando a Sorolla ou ao Greco. Intuímos a súa paixón, morte e resurrección nas crucifixións que nos mostra coa sabedoría de Velázquez ou Dalí. En fin, trátase dunha exposición arrebatadora, porque nos arrebata os sentidos e o cerebro, porque nos toca o sentimento e o raciocinio, porque cabalga entre a tensión e a harmonía, porque ten tanta vida que só lle falta falar, como a Miguel Anxo, cando, cincel en man, berroulle ao seu Moises: "Fala, fala". E así, pincel en man, chegou Correa Corredoira á Fundación Luís Seoane, e falou.