Doe ver como Galiza deixa perder tanto da súa orixe, e non cavilemos só no arqueolóxico, no parroquial, no pacego ou no etnográfico, senón tamén nas coleccións, nos documentos e xa non digamos no patrimonio industrial, fabril, portuario ou nas telecomunicacións.

A Coruña, pola súa vocación portuaria, mariñeira,sentiu atracción polas transmisións a distancia, tamén mediante as ondas hercianas. Experimentouse ilegalmente con tecnoloxías de vangarda, consideradas ideoloxicamente perigosas e que marcaron adiantos. E máis habería neste país de parroquias e de radioafeccionados se non puxese couto e facilitase o asentamento de cadeas de radio. E se non que llopregunten a un grupo de xubilados de Telefónica, ou aos profesores da Escola de Imaxe e Son de Someso, que, contra vento, recollen vellos aparatos co ánimo de institucionalizar un museo. Ideas así naceron arredor de empresas e particulares, como o que foi Museo Eléctrico de Fenosa, as coleccións da Fábrica de Tabacos... o Museo dos Faros da Torre de Hércules e mesmo diríamos das coleccións das diferentes emisoras de radio na Coruña, Que foi delas? Os traspasos, as reformas e a incultura motivaron o desmantelamento e o esquecemento... Agás a sensibilidade e o meritorio traballo de profesionais que profesan, directores de medios de comunicación que persisten en conservar e mostrar as súas orixes, que creen na madurez da Museoloxía. Ai, iso si, velaí a rede de "Museos da Ciencia", máis virtuais que reais.

Despois de varios intentos, especialmente acollidos polos mozos universitarios e galeguistas, ao albeiro dun decreto da República que posibilitaba a instalacións de radios locais, un 13 de xaneiro de 1933 abre Radio Galicia, terá sede na praza da Universidade de Compostela. Faino coa lectura dun poema de Bouza Brey, recitado por Antonio Fraguas. Sinal que botaba ás ondas dende as antenas de lMACIGA na finca de Bonaval, onde, hoxe, unha placa sinalao lugar. Experimentos que en iteración co teléfono melloran e amplían as comunicacións coa Galiza emigrante, a do alén mar. Séguese o modelo en Pontevedra, tamén na Coruña coa emisora impulsada por Francisco HervadaGarcía-Sampedro, logo Vigo...

Radio Nacional de España foi fundada en 1937 en Salamanca polo militar golpistaMillán-Astray, dentro da súa Delegación de Estado para Prensa e Propaganda. O discurso inaugural darao Franco un 19 de xaneiro e farao valéndose de tecnoloxías regaladas polos nazis, por unha emisora portátil Telefunken, desembarcada en Vigo no 1936, a que terminaría seus días para as primeiras emisións da entón Radio la Coruña. Reliquia das coleccións desta emisora e que si tivera voz contaría como denantes serviu de apoio aos submarinos que se movían pola beiramar galega nos días da Segunda Guerra Mundial e do volframio. Trebellos aos que habería que sumar outros regalos dos fascistas italianos e da marca Marconi... As antenas alemáns da Terra Cha, perdidas nos últimos anos... Máquinas para todo un ritual radiofónico de censuras, de "partes", víctores, oracións e himnos intercalados.

Un 30 de maio de 1940, a ditadura franquista, ansiosa de controlar os medios de comunicación, crea na Coruña a emisora de Radio la Coruña, dependente de Radio Nacional de España, Departamento de Radiodifusión de la Dirección General de Prensa y Propaganda, Ministerio de Gobernación. As primeiras transmisións ofrecen horario de 14 a 16 e de 21 a 1 da noite, manténdose acendida as 24 horas co seu eléctrico zunido. Emisións que se facían dende a mesma sede actual, o edificio de A Terraza, logo pasarían por diferentes lugares, para establecerse no edificio das Cigarreiras. O primeiro director foi o enxeñeiro industrial e economista Eduardo García, ao que seguiría o trepidante e optimista Enrique Mariñas Romero, comentarista de deportes con sona internacional pola súa característica voz, comentarios e innovacións, competidor e tándem con Matías Prats, solicitado como ameno charlista, debuxante, concelleiro da Coruña cos alcaldes Molina e Peñamaria, premiado locutor, tres veces co Ondas, o Nacional de Radiodifusión, da Federación Española de Fútbol, Premio de Honor de periodistas, homenaxeado con medallas e cruces, autor do libro póstumo La jugada final e Por el mundo detrás de un balón,orixe dunha saga de periodistas. Enrique Mariñas Romero permanece como director 39 anos, até o seu pasamento no 1979.

No 1963, época de Fraga como ministro de Información y Turismo, acométense cambios tecnolóxicos, instalándose unha gran emisora integrada na Cadena Nacional de Radiodifusión, con Centro Emisor do Noroeste no alto do Mesón do Vento e que substitúe á instalada no Parque de Santa Margarita. Dende entón aquela Radio la Coruña, pasa a chamarse Radio Nacional de España en La Coruña, Centro Emisor del Noroeste.

No 1981 Radio Cadena Española engloba ás emisoras sindicais e privadas e no 1989 Radio Cadena Española fusíonase na marca R.N.E, formando Radio 5. No 2007 céase a corporación RTVE como sociedade mercantil estatal. A radio pública divídese entre as estatais, dependentes de Radio Nacional de España, as autonómicas integradas na Compañía de Radio e Televisión de Galicia e as municipais. Tamén funcionan outros grupos con carácter histórico.

Na década dos oitenta, acométese a modernización deste servizo público con base na Coruña, con delegacións en Compostela, Lugo, Pontevedra, Vigo e Ourense, culminado coa presenza como director de Manuel Lombao e a inauguración do rehabilitado edificio modernista de La Terraza, construción dos anos vinte, obra para fins lúdicos do arquitecto Antonio de Mesa, que se abre ao porto. Actividade renovadora a ton dos cambios tecnolóxicos, que continuará cos seguintes directores, Carlos Blanco Santiago, que no 1987, en colaboración co programa do concello Descubrir Coruña propicia visitas guiadas e con tal motivo edítase un caderno didáctico básico.Visita que se detiña nas características das instalacións, pasando pola Sección de documentación, arquivo e discoteca que denotas os progresos, dende os discos de pizarra aos vinilos, cintas magnetofónicas, reprodutores... Seguía a visita polos Departamentos de Administración, de Redacción, estudios, locutorios, cos modelos de micrófonos... Nunha segunda zona Emisión e Realización, talleres, montaxes, elaboración de programas, Control Central e os seus diferentes sistemas, circuítos microfónicos...

Espazos e corredores que, onde as circunstancias o permitían, mostraba carteis, fotografías, tipos de micrófonos, gravadoras e toda esa maquinaria para que as ondas acaben nun aparato de radio. Eran os principios dun museo que mesmo envexaría o Museo da Radio de Luis del Olmo en Ponferrada, referente para entender a importancia deste medio no noso tempo.

Parte da Historia dunha Coruña, berce de periodistas, entre os que moitos trunfan na metrópoli, de voces diferenciadas, polícromas e familiares, nunca estridentes, ao pe do acontecer: Amanda Español, Marina de la Peña, Pilar Cañás, Carmen Campos, Flor González, Carmen Robles, Sesto, Domingo González, Antón Luaces... Moncho Viña... e detrás os técnicos e tantos nomes.