Cando alguén volve do inferno, sempre atopa unha luz. Esa luz, para un corpo cheo de ferros, e logo dunha embolia pulmonar invasiva, esa luz foi Manuela Varela. A luz da arte escénica. Claro. Hai tantas sombras e luces. Naqueles días nos que a familia e algúns amigos, algúns, cada vez menos, me acompañaban, ela tivo a virtude de querer traballar. Na casa da miña esposa, en cadeira de rodas, disminuído mental e fisicamente, creamos un espectáculo: Maggy. Un espectáculo que tivo un percorrido moi interesante e sorprendente. Foi estreado, ademais da nosa casa, en varios teatros de Galicia. Algo pequeno que se transforma en algo grande. Morte e Transfiguración. Aquí está a orixe desta exposición que inauguramos na casa Casares Quiroga o vindeiro mércores, día 15. É a mostra dunha paixón, dun hálito vital. Desde febreiro do 2013 ata febreiro do 2017, a actriz Manuela Varela e o escritor Lino Braxe, quen isto escribe, desenvolveron varios traballos en conxunto. Desde a rodaxe dunha curta, Dor, a recitais de poemas e contos e obras de teatro. Dirixida por Lino, Manuela foi protagonizando todas estas entregas artísticas.Tamén compartiron equipos de dirección en diversos espectáculos e, a especial relación entre ambos artistas, propiciou que o poeta e dramaturgo escribise para esta actriz varias das súas últimas creacións, desde poemas a pezas teatrais, desde haikus a pinturas. O que aquí presentamos para gozo do público é unha pequena mostra dos traballos que Manuela Varela realizou baixo a dirección de Lino. Facelo na casa onde viviu María Casares se nos antolla o lugar máis propicio para esta homenaxe dun criador a unha actriz. Por facer un pequeno percorrido desta ilusión dual e colectiva, poñamos nomes ás cousas, aos espectáculos, á vida: Bala Perdida! de Manuel Rivas ou Cartas a un amigo alemán de Albert Camus, son as montaxes, xunto ao Edipo de Manuel María ou, Romeo e Xulieta, famosos namorados de Cunqueiro, fixemos nese tempo, pero, agora falemos do criado xuntos através de textos meus. Aí vai: Maggy, Romeo ou a memoria do vento, Ofelia, Romano, Aixa, Occidente e non sigo porque hai máis. Manuela non colaborou comigo só en recitais de poesía, ou en lecturas dramatizadas; foi modelo fotográfica, modelo para que eu fixese figurinos para obras, modelo de vida. Por iso, catro anos despois, e logo dunha segunda embolia pulmonar, por medo a que non haxa máis oportunidades, decidín facerlle este tributo. Non é o primeiro, Luma Gómez e Miguel Pernas tamén sufriron e sofren a miña admiración. Seguirei nesta teima de criar paixón para os meus. Vivir na devoción por talentos superiores ao de un é o mellor xeito de vivir e de morrer. Gozade de ESCENARIOS, con fotos de Ana Fernández, TinoViz, Antonio Vales, Víctor Echave, Manuel Carballido, Sol Rivas e Rodolfo Buceta. Humildemente, creo, que imos facer algo belo.