Poucos pobos poden ofrecer tan rico patrimonio material e inmaterial como o do Entroido Galego. Iso si, os poderes públicos, sen paternalismo mediatizador, deberan esforzarse no seu coidado, na difusión, en sacalos do lamazal no que tamén se mostran. Namentres tamén entra polas pantallas de plasma esoutro Carnaval global.

Abondan os estudos e a Fundación Caixa Galicia no 2008 encetou un meritorio proxecto co nome Tempos de Festa en Galicia co que abre a tan sorprendentes manifestacións identitarias. Nesa ansia divulgativa Xinzo de Limia crea e acrecenta o seu Museo do Entroido, como tamén a correspondente sección no Museo do Pobo Galego: diferentes disfraces, a través dos que se pode facer arqueoloxía e descubrir herdos prehistóricos, da antigüidade romana, castrexa, do feudalismo medieval, da misión polo mundo adiante, da emigración tamén. Festa maior arredor de tradicións, de innovacións e hoxe tamén do supermercadeo e mais do bazar chino. Trunfo da cor, da luz, das músicas, de retranqueira sorna, de danzas, aturuxos e cánticos, do mellor que pode dar o que aínda queda da tribo...

Dalgún xeito hai que celebrar o anuncio da primavera, cando a conxunción rítmica dos Catro Elementos devolve luz e ánimo. Días pra poñer a proba neste efémero reino da provocación e da irreverencia, o estado da cuestión da liberdade creadora, retranqueira, da lería, tan contraria a encirrar e ao desencontro. Festa que sirve de test psicosocial, pois nel dáse renda solta a sempiternos traumas, relixiosos, sexuais, políticos... Desfogadeiro, intelixente arma contra o cobizoso individualismo. Festa solidaria, argallada coa tradición que non traizoa, cando se ceiba a forza bruta do instinto e sae ás congostras aldeáns e ás rúas. Corentena de liberdade, con variantes nas bisbarras: comeza en Domingo de Formigueiro, segue polo de Lardeiro ou de Oleiro, logo o de Corredoiro, e por medio o equilibrio de xénero, o Xoves de Compadres e outro Xoves de Compadres. Para condensarse a festa no domingo, luns e martes. Secuencia que remata entregando o reino do tempo á ríxida señorona Dona Coresma.

Entroidos galegos, en plural, cos seus ritos, músicas, folións, cantares, berros, cos seus disfraces, máscaras, monstros, cos seus manxares sobre a mesa compartida. Preside a praza un efémero ídolo de palla e farrapos, chamado Meco en Ourense, Lardeiro, Entroido e Urco, mesmo tamén e por imitación carioca, Momo na Coruña, aínda que tamén se pode inventar un deus choqueiro propio, como se fixo en Pontevedra co Loro Ravachol, retomando a historia do papagaio que deu sona á botica do animado farmacéutico don Perfecto Feijoo. Símbolo que terá solemne enterro ou queima, xunto coa retranqueira sardiña, ao final da festa, case sempre o Mércores de Cinza, día pra por xa sobre a mesa e xantar o coresmal peixe.

Un paseo polos Entroidos galegos tradicionais é como furar por fondas arqueoloxías e antropoloxias, nas orixes, na orixinalidade. Algo sempre en estudo e que souberon aproveitar grandes creadores. Inspiradoras formas parateatrais, churrusqueiras operetas populares, que en épocas de represións reinterpretáronse, ao seu xeito, e trunfaron nos teatros da Coruña, coplas e sermóns dos Apropósitos, onde tamén os músicos cultos atopan a fonte limpa da inspiración: ritmos dos folións de bombos, tanxer de instrumentos metálicos, improvisadas buguinas... na actualidade músicas atacadas pola batucada brasileira, a que mesmo tivo un orixe de ida e volta.

Días nos que se escenifica a invasión da besta brava do monte, o ser irracional que esperta do seu letargo invernal e invade o mundo civilizado. Farao a xeito de oso, como o oso de Salcedo en terras que abren ao Courel na Proba do Brollón, ou mesmo de cornudo touro, a Morena de Laza, a Mikaela en Buño.

Hai décadas axudamos a acuñar aquilo do "Triángulo Máxico do Entroido Ourensán", que excede ao cuadrilátero, o polígono e mesmo falariamos do "Círculo máxico do Entroido Ourensán", ou Galego, por concentrarse tanto de atractivo arredor montaña oriental ourensán: Manzaneda cos seus danzantes tocados cun pucho cónico recuberto concintas de todas as cores, o peito atravesado cun pano de Cachimira, imprescindible elemento de gala en moitos traxes tradicionais galegos, e ao cinto sempre as esquilas ou chocas, co seu característico tanxer... Brazos en cruz, a dar voltas, bailarete pra dereita e pra esquerda ao son das buguinas. Montes nos queViana do Bolo concentra os boteiros, coroados con armazón reticulado noutrora cuberto de flores, hoxe de papel, vestidos de artesanais camisas, cosidas en curvas de cintas, entre bordados. Chocas tamén ao cinto... apoiados nos seus báculos, rematados coa cola dun raposo, a aturuxar e acomete á xente. Algo semellante acontece no veciño concello de Vilariño de Conso. Máscaras nas que existen lembranzas con traxes e ritos hispanoamericanos. Moitos dos conquistadores doAlenmar proviñan destas terras, deron, recolleron e mesturaron tradicións charras, de cimarróns... e velaí algo máis da tan traída e levada hibridizaron, a fusión.

Pola contra as terras de Monterrei, con tanta fidalga soleira, ofrecen en Verín os grupos de cigarróns e Laza os peliqueiros, de coidado traxe, co tocado curvo e plano por diante, que luce pintado un animal fero. Chaquetiña estilo toureiro, garabata, e calzóns curtos con pompóns pendurados sobre puntillas que montan sobre as medias, suxeitas con liga...

Xinzo de Limia ofrece batallóns de pantallas, coa súa máscara branca e forma de orelludo animal, cuberta de gorro teso, case de estilo frixio. Traxe branco, cinto de esquilas sobre refaixo roxo e ás costas capa negra cuberta de cintas de cores... a bater as vinchas que portan.

Nogueira de Chantada, Ribeira Sacra do Miño, saca os seus volantes, ataviados de amplos e coloristas traxes de pantalón, sobre a testa un gran cesto coleiro da vendima, cheo de monecos e cuberto de longas cintas de todas as cores. Pisa con contundencia as terras, como si dunha bendición ritual se tratase, desexando bos froitos.

Namentres a Estrada e as Terras do Ulla sacan os seus exércitos de xerais, os correos, montados en guarnecidos cabalos, como xerifaltes de guerras napoleónicas, entorchados, enmedallados. Sable en alto, pronunciando inxenuos e altisonantes desafíos e pregóns. Algo semellante cos Felos das terras do Carballiño, estes cubertos de cintas, espellos e axóuxeres.

Vilaboa e Cobres do Morrazo, terras que miran ao cantado Mar de Vigo, sacan a relucir vellas tradicións medievais, as madamas, traxes brancos, colares, chapeu cuberto de flores...

E esa capacidade de inventar, algo que, repetido no tempo, remata asentando tradición, como as sabas de Viveiro, todos cubertos cunha saba branca... e a estoupar a catarse.

E eses xantares, competente folión de pratos, presidido polo porco: dende a cachucha ao rabo, a androlla, acompañados dos viños novos e filloas, orellas de frade na sobremesa... Fartura.