Isto foi o que fixo Teatro do Noroeste desde o seu nacemento: construír unha catedral de soños. Unha catedral para que o soño do teatro puidese encontrar o seu refuxio. E dentro dese espazo sagrado, os invitados a soñar, podían gozar de soños costumistas, surrealistas, cómicos, dramáticos, absurdos, modernos, antigos, intrigantes, amorosos, aventureiros e crueis. Sempre entendín a arte como unha relixión. Unha máis das que habitan o planeta, pero desde logo a máis universal, porque nela conviven artistas de todo tipo de relixións, e laicos, e ateos. O noso oficio permite reunilos a todos. Somos a crenza máis democrática e heteroxénea do mundo. E a conciencia democrática e a procura dunha incidencia no mundo foron dous dos motores que moveron os andares de Teatro do Noroeste polos camiños da vida e da escena. Non lembro ningún dos seus montaxes que non pretendese facer máis habitable a Terra, nin que non ambicionase ter un eco no maior número posible de seres humanos. Facer pensar desde a creación, crear diversión desde a reflexión. Por iso, por ese espírito de incidencia, Noroeste, non é unha compañía só de Santiago, nin o seu territorio natural é só Galicia; na súa catedral poden orar navegantes de todos os continentes. Ese é o legado que nos deixan Luma Gómez e Eduardo Alonso, unha catedral mariña na que todos e todas podemos vogar sen necesariamente ser galaicos. Isto é: un legado universal. Grazas por todos os textos que me encargastes, grazas por ser a voz en off das vosas radios nos vosos espectáculos, grazas por dirixirme como actor, por iluminar as miñas propias aventuras teatrais e, en resumo, grazas por confiar nun artista distinto e, o máis importante, grazas pola vosa amizade, na saúde e na enfermidade. Longa vida a Teatro do Noroeste no seu XXX Aniversario. Un XXX Aniversario que estes días celebran coa estrea da peza Estado de graza da autoría do seu director, Eduardo Alonso, e que a propia Luma Gómez interpreta xunto a outras tres actrices de Galicia, que dan vida a unha historia tan real como cruel: o cancro. Mentres, o estupor nos golpea a todos ao comprobar que a nosa xustiza, unha vez máis, volve errar. Pouco favor lle fan ás mulleres e á súa xusta causa, este grupo de mulleres que non se lembran de nada: Ana Mato, Cristina de Borbón, a esposa de Bárcenas, Tania Sánchez? todo un cuarteto de amnésicas que tamén tiñan problemas de visión, pois non só non lembran nada, nin se percataban de nada, senón que tampouco vían nada. Fantásticas actrices, tamén.