Un pobo culto celebra a súa Historia. Pois velaí que tal día coma hoxe, daquela luns de Coresma, naceu en Ourense, no número 21 da rúa da Paz, Otero Pedrayo. Por cuestión de santoral debera chamarse Adrián pero chamarase Ramón, aínda que en varias obras súas con trazos autobiográficos el mesmo terá a liberdade de escoller o de Adrián, seguido do apelido de Solovio ou Soutelo, facendo así honra ao seu avó paterno, señor da casa Grande de Cima de Vila na empoleirada bocarribeira de Trasalba, predios dos devanceiros. Dicía que algún dos seus defuntiños purgaba como pantasma amortallado de franciscano pola parte que foi do Pazo do Campo, herdo considerado maldito e ao final da vida de don Ramón fraccionado e vendida a parte máis solemne. A Casa de Cima de Vila, parte do conxunto significaba para don Ramón como Combourg para o admirado Chatoubriand. Namentres que a casa de nacemento e morte, a da rúa da Paz, a que conduce da Fonte do Ferro á catedral de Ourense, era como a casona de Saint Maló para o autor das Memorias de Ultratumba, relidas até no final da vida. No segundo andar daquela casa viviu sempre don Ramón e no primeiro Vicente Risco, amigo de sempre e que xa de neno dirixía discursos aos gatos do Eirociño dos Cabaleiros.

O pai pra celebrar o nacemento do que sería o vinculeiro, seguindo a vella tradición, plantou unha árbore a que don Ramón morreu crendo que era unha araucaria, cando aquel seu memorable "irmanciño", como gustaba contar, era, segundo os entendidos, un pinsapo.

Fillo único, de pai médico, liberal, lugués esparteirista, desterrado a Barbantes, o doutor Enrique Otero Sotelo, deputado na Deputación de Ourense dende a que defende das beaterías as publicacións de Curros, "As corporacións populares están pra estimular aos xenios" dicía. A nai, dona Eladia Pedrayo Ansoar, procede de terras próximas a Oseira, ambos os dous de liñaxe fidalgo, terratenentes nas bocarribeiras do Miño e do Barbantiño. A casa de Trasalba, aínda que murada, era de porta aberta aos amigos, onde o tresillo do estrado era tribuna pra conversas máis do humano que do divino entre barbudos señores de levita... O neno enfermizo, era de poucas lerias, a non ser cando escachaba a louza do xantar, entre as gargalladas dos seus e dos criados, irá aprendendo, escoitando, pra, de vello artellar lembranzas e contalas. A Historia dun neno é libro autobiográfico, ideal pra entrar en Otero.

Sempre a lembranza do pai, mostrándolle dende a cima da bocarribeira o decorrer do Miño, cara ao solpor o Coto de Novelle co seu perfil de moucho, que ten baixo del a confluencia do Miño co Avia e a capital dos ribeiros, Ribadavia... o pico sacro do San Trocado e o castro das Las... Punxín, o Carballiño baixo a Madanela, monte con silueta de can deitado... Pai que atendía aos paisanos doentes e que se despedían polo patio adiante botando bendicións. Proxenitor que morre cando o fillo contaba quince anos.

Pra furar nesta historia recomendo a biografía de Otero Pedrayo da autoría de Carlos Casares. Memoria dun fin de milenio, onde os cambios industriais, os movementos obreiros anuncian o futuro. Florecer do Modernismo no que conflúen tantas éticas e estéticas, tantos ismos.

Estudos no solemne caserón do Instituto do Posío, cofre de esencias decimonónicas, ás que tanto regresaba Otero, reflectidas no seu ilustrado Paraninfo, onde aínda ecoan as lección de Retórica do crego astorgano Marcelo Macías, do profesor de xeografía Moreno López. Espazos nos que asenta perdurable amizade cos seus veciños, Vicente Risco e Floro Cuevillas, pra conformar un trío transcendente na Historia Contemporánea de Galiza. Mozos inquedos, rebeldes intelectualmente para os que, en principio, a política era cousa de aspirantes a caciques provinciais. Alumnos estimulados polos profesores con xeiras polos arredores, coa visita á Pardo Bazán, coas pescudas da Comisión de Monumentos e da modernidade de don Arturo Vazquez Nuñez. Estudos de Letras en Compostela e como moitos ourensáns collerá fonda onde para a liña, preto do Arco de Mazarelos. Un ano despois, con dezasete cumpridos, dubida en irse á Salamanca de Unamuno, pero escolle Madrid e estuda en San Bernado Letras e Dereito, universidade retórica e envellecida. Días de parladoiro de café, naquel Ateneo de sombras románticas e retratos "arringleirados como os nichos dun camposanto". Anos de Madrid que cualificaría de baleiros. No 1911 retorna ao Ourense dos seus amigos, comparte a actividade daquel Ateneo provinciano, fundado no 1914, animado por Marcelo Macías, Xulio Alonso Cuevillas, e sobre todo polo catedrático, motor de iniciativas, Lousada Diéguez...

No 1917 aqueles mozos autodefinidos como "inadaptados" crean La Centuria, revista que zumega individualismo, culteranismo, exotismo, experimentación nun "ser diferente é ser existente" dicía Risco... Virarán o rumbo no 1916, cando na Coruña agroman as Irmandades da Fala. Lousada Diéguez toma nota e transmite aqueles ideais aos mozos ourensáns que deica entón daban voltas Arredor de si, pra logo agasallar na estación de Ourense ao líder catalanista Cambó, camiño da Coruña, para pasar a definirse como nacionalistas galegos.

No 1919 Otero consigue cátedra nun instituto de Burgos, a que permuta para irse a Santander, alí coñece a Xosefina Bustamante, Fita. No 1921 trasládase para o Instituto de Ourense e participa na terceira asemblea nacionalista, celebrada en Vigo; colabora en A Nosa Terra, voceiro das Irmandades, en Nós, revista creada no 1920. E un 12 de outono de 1923 nunha xeira, seguindo os pasos de Rosalía, na casa de Ortoño dentro dese necesario espírito de sementeira nace o Seminario de Estudos Galegos, Otero será o encargado da sección de Xeografía. Don Ramón gusta de compartir canto enxerga e será a partir de 1924, cando premiado polo Seminario pola súa obra de teatro Pantelas home libre comezará a brotar en fervenza toda a súa creatividade como novelista. No 1928, Os camiños da vida, 1930 Arredor de si, no 32 os Contos do Camiño, no 36 O Mesón dos Ermos...

A súa é literatura culta, suxestiva, guións por levar ao cine. Autor da imprescindible Guía de Galicia (1926), Ensayo histórico sobre la Cultura Gallega (1933). Iniciativas necesarias que normalizaban Galiza na calidade e que foron tronzadas por unha guerra que sementou chumbo, paseados, fusilados, exiliados... medo. Risco encúnchase na casa, no 1937 apártase a don Ramón da súa cátedra, a que se repón no 1948 e no 1950, aos seus 62 anos, oposita e gaña a cátedra de Xeografía da Universidade de Santiago.

Contra tanta esmorga e esperpento don Ramón abandeirou a dignidade de Galiza, fíxoo través do seu exemplar humanismo. Patente nel a lealdade á casa, aos seus, ao que queda de tribo, ao Nós plural e maxestático que implica vencello e devalar da paisaxe e paisanaxe: símbolo.

No Entroido do 1973 un vendaval derrubou a "araucaria" sobre a solaina de pedra e o cabaceiro de Trasalba... ruín agoiro: no 1975 morrería Fita, seguiu a enfermidade e o pasamento de don Ramón, un 9 de abril de 1976. Co madeira do "irmanciño" faríase o seu cadaleito.

Mecanizados na galaxia audiovisual custa meterse en Otero. Compre facelo a modo, igual que se cata un bo viño. Si se entende a Otero, entendese a Galiza, e se se entende a Galiza enténdese a Otero. E como haber hainos, tampouco, faltan os máis papistas, os braghettones, capaces de mudar os seus textos coa intención de facelos accesibles, arrimándoos ao castelán imperante. A súa casa de Trasalba deixouna para Galiza, é hoxe museo no que atopar anacos e pantasmas daquela historia.