Sen peaña e sen nimbo de venerado santo, máis ben cos pes no chan, vestido coa impoluta camisa de cotón branco, boina negra asentada sobre as canas platinas, ao estilo desoutro revolucionario, Ernesto, o Che. Referímonos ao poeta nicaraguano Ernesto Cardenal, que aos seus noventa e tantos anos, non cala. El, que ten como don a palabra e o verso coloquial, ao servizo dos desprotexidos, agora é perseguido polo seu excamarada do Frente Sandinista de Liberación Nacional de Nicaragua, Daniel Ortega Saavedra, que dende 1975 a 1990 foi presidente. Reelixido no 2007 permanece abaldroado nunha ditadura familiar, dono da xustiza, do exército, de todo, enriquecido fabulosamente, borracho de poder e que axudado de aduladores denuncian e reclámanlle a Cardenal impostos millonarios, impagables, pola súa misión na Illa de Solantiname. Comunidade feita a "modelo do Reino de Deus na Terra"e dende os principios da Teoloxía da Liberación. Illa de revolucionarios, de labregos, pescadores, artesáns, artistas, referente entre as comunidades do mundo. No fondo da cuestión está en humillar e acalar ao poeta e aos seus seguidores ante a tentativa da construción dun novo canle interoceánico que atravesa o lago de Cocibolca, a fonte de auga doce máis grandiosa de Centroamérica e no que asenta o arquipélago volcánico de Solantiname. A resposta de Cardenal denunciando a un goberno corrupto que traizoa unha revolución modélica fíxose viral. E todo o mundo solidarízase coa causa desoutra Grándola.

Ernesto Cardenal Martínez está curtido nunha vida ben andada: naceu na Granada nicaraguana, no seu dunha familia acomodada, nin máis nin menos que na Casa de los Leones, a carón do seu visitado templo de San Francisco, todo un símbolo. Arrolado dende neno polos versos de Ruben Darío, alongada sombra da que non se aparta. Seguidor das influencias do seu paisano e mentor Coronel Urtecho, para con outros mozos conformar a Generación de los 40. Seguirá o encontro coa obra de Nicanor Parra, cos americanos Ezra Pound, Willians... con Neruda, Rafael Alberti... fontes poéticas nas que bebe e das que di custaralle liberarse. Teimudo co ton coloquial, en que a través da poesía pódese dicir todo. Bacharelato nos xesuítas da súa Granada, despois Filosofía e Letras en México e dende 1947 ao 49 na Universidade de Columbia en New York. Acendido nesa ansia de enxergalo todo viaxa por España, Francia, Italia... Cuba, illa que di fortalecería as súas crenzas revolucionarias. No 1971 coñece en Chile a Allende.... Andainas compartidas con moitos que quedaron no camiño, e sempre, como un mantra , "Pensá en los que murieron...". Dende 1950 revolucionario do Frente Sandinista de Liberación Nacional, participa na Revolución de Abril do 54 coa tentativa de asalto ao pazo presidencial de Anastasio Somoza. Militante cunha estrela na fronte e no bico un cantar que nos campamentos guerrilleiros usa a arma da homilía, a xeito de bardo que dignifica á tribo a través de versos-catecismo con algo de viacrucis e de Pascua florida, repetindo que a vinganza non forma parte da revolución.

No 1952 funda a editorial El hilo azul, no 1957 rebrota o xermolo íntimo, relixioso, e ingresa no mosteiro trapense de Nosa Señora de Getsemani en Kentuchy, Estados Unidos. Atopa o ambiente de serenidade e mística ao que aspira, propicio ao pulo poético, social, relixioso, ademais avivado polo que di ser o seu pai espiritual, Thomas Merton. A morte accidental deste pesa fondamente no poeta e reconvértese en sentidos versos. Anos americanos nos que coñece á moza nicaraguana Hope Portocarrero, da familia dos Somoza e que, ironías do destino, casaría co seu curmán ditador. No 1959 retorna a México, a Cuernavaca, ondecoñece ao galego, emprendedor cultural, Alexandre de Fisterra, nome que non esquecerá por ser o primeiro que edita os seus versos. Colabora coa edición de vangarda El Corno Emplumado.

Cardenal desvela o proceso pra construír os seus poemas, refuga as churrusqueiras rimas ou as métricas. Escribe na súa vella máquina frases de compromiso social, facendo con elas retrincos, como versos, os que logo vai artillando deica conseguir composicións coloquiais e líricas á vez: Epigramas no 1961, os Salmos no 64 e un ano despois Oración por Marilyn Monroe y otros poemas, actriz que cualifica como "colosal superprodución en la que todos hemos trabajado...", vítima do consumo. Ordenado sacerdote en Managua en 1965 e sempre o plan de Solantiname, escribe El Evangelio de Solantiname, Canto Nacional no 1972 e o ensaio e referente Cristianismo y revolución no 1974. En outubro de 1977 co axente de Solantiname participa nas revoltas antisomocistas, asaltando o Cuartel de San Carlos... encadeado. Segue Tocar el Cielo, 1981. No 1979 co triunfo do Frente Sandinista e de Ortega é nomeado ministro de Educación e Cultura, até 1987, cando o goberno dos seus decide pechar este ministerio, aducindo problemas económicos e outras "prioridades" que ían máis alá de fortalecer a formación ética e estética, a dignidade a través da identidade e da cultura. Anos do que lembramos aquela imaxe icónica, cando no 1983 na visita a Nicaragua do papa Wojtyla diríxese e sinala ao humilde trapense axeonllado pra espetarlle un "PóngaseVd. en orden con Roma". Condenado a divinis xunto co seu irmán Fernando e a outros sacerdotes da Teoloxía da Liberación, asuntos aos que Ernesto lle quita importancia pra seguir o ronsel da súa estrela. No 1989, funda e preside, de xeito honorario, na súa Granada natal a Casa de los Tres mundos. Deixa o Frente Sandinista no 1994 e apoia o Movemento Renovador Sandinista.

Dende neno practica tamén a escultura, autor do monumento a Sandino, como unha sombra sobre a lomba de Tiscapa, lugar histórico no que foi apresado Augusto César Sandino e onde os somocistas construíron un búnker. Aínda que pra súa obra prefire a inspiración na natureza, nos peixes, nas plantas e sobre todo na silueta cambiante das garzas e das aves.

Cardenal recibirá innumerables premios en todo o mundo pola súa obra en lingua castelán. Mesmo é proposto no 2005 por autores de España para o premio Nobel. Ernesto Cardenal sabe ben e de vello de Galicia: el e o seu irmán foron convidados varias veces polo Comité Monseñor Óscar Romero, impartido conferencias nos Xesuítas. Nos primeiros días de Xuño do 1997 foi convidado pola Deputación da Coruña pra impartir un recital dentro das actividades do premio Miguel González Garcés de poesía, coordenadas polo poeta Xavier Seoane. Tivemos a fortuna de acompañalo: como pousada preferiu a soidade do pazo de Mariñán, regaloume uns versos e dedicoume libros. Pediu que o levara a un oculista e atendeuno o doutor García Suárez; vistamos a Torre de Hércules... Non quixo saber nada dos museos e estrañoume. Pola contra pediume que o levará a El Corte Ingles, á sección de alimentación, parouse, preguntou o nome dos peixes e dos mariscos, mercou esprais de cor metálica pra aplicar as súas esculturas, champú pra pelo cano platino e un cepillo de dentes eléctrico... Comentei con Xavier Seoane este particular degoro do poeta e astrónomo pola gastronomía. O día seis fomos a Lugo e a Monforte de Lemos a coñecer, xantar e celebrar con Manuel María o aniversario de Saleta, pois tiña lido a súa obra, como a de Celso Emilio, Rosalía e Curros. Agasallounos co Canto Cósmico (1989) ese intenso, extenso e interdisciplinar poema sobre o ser humano, as galaxias, os anos luz , os pozos negros, entre os que somos namorado pode estrelas. No recital brillou a súa estrela e acendeu aos asistentes.