Non existe ningún documento válido que demostre a existencia de Cristo. Estou convencido de que Xesús non existiu xamais". Estas palabras foron escritas polo papa Paulo III, e estas outras: "Desde tempos inmemoriais é sabido o proveitosa que nos resultou esta fábula de Cristo", pertencen ao papa León X. Podería sospeitarse ou intuírse que o columnista pretende facer un artigo anticlerical ou anticristián.

Pois lonxe fique esa sospeita ou intuición. Ao contrario. Sabendo que dentro da biblioteca vaticana se conservan textos como estes e outros semellantes, lonxe fique o pensamento que desde estas páxinas se impulse un enfrontamento entre crentes e non crentes. Ao contrario. O que queremos impulsar é o diálogo entre ambos. Diálogo que cada día parece máis imposible debido a certas radicalidades, unhas veces malintencionadas e outras infantís, que rodean a política do Estado. De verdade, alguén pensa que o problema de España é que se retransmita a Santa Misa os domingos? Que me perdoen os señores e señoras de Podemos, pero para tentar epatar xa están os franceses, non? O seguimento da misa por televisión é de máis de duascentas mil persoas, e desde hai un par de semanas de dous millóns. Como se explica isto? Pois moi sinxelamente. A maioría da xente que segue a retransmisión da misa por televisión, son persoas enfermas ou moi maiores, que xa non poden asistir persoalmente aos oficios que se celebran nas basílicas, ermidas e igrexas. A saúde e a idade impídenlles poder orar en directo, así que o fan a través dunha pantalla.

Os netos e netas destas persoas, os seus fillos e fillas, son os que conectaron os seus aparellos televisivos en solidariedade cos seus maiores e os seus enfermos. Por iso, a audiencia multiplicouse por dez. Normal. Estas retransmisións da misa teñen lugar en case todos os países de Europa. Non se trata dunha excepción hispana. Portugal, Alemaña, Gran Bretaña, Francia, Italia, Hungría, etc., etc., etc. programan nas súas televisións a retransmisión da misa. E non pasa nada. Se quitamos a misa, daquela quitaremos tamén todos os programas que atenden na televisión pública as sensibilidades relixiosas de mahometanos e xudeus? Porque estas relixións, xunto con outras, tamén gozan na nosa televisión da súa cuota de pantalla. Honradamente, creo que, ás veces, téntasenos distraer do verdadeiramente importante con ocorrencias como esta que non forman parte do debate das cousas imprescindibles. Igual que o de Hazte oír e o seu autobús foi innecesario, isto tamén o era. A tarifa da luz, os desahucios, a sanidade, a educación, os cartos para a lei de dependencia e tantas outras cousas merecerían máis interese dos políticos e políticas que a retransmisión ou non da misa. Que vaia a misa, e vexa a misa, quen queira. Non sexamos, agora, nós, máis papistas co Papa.