Dende a súa orixe preocupoulle ás civilizacións como medir o tempo cronolóxico e predicir o clima. Alto asunto no que se especializaron magos e meigas, os que escolleron puntos telúricos, altares nos que erguer ao Ceo os seus observatorios. Sabios destros en enxergar ciclos nos que a forza da Terra atrae as raiceiras e a forza do Sol ergue as polas, os xermolos... o milagre da vida. E non esquezamos que "orientarse" é buscar o Oriente, o nacer do Sol e de tantas relixións. Sábeno ben labregos e mariñeiros neste estremeiro occidente, país de casas aberta en solainas, de alboradas, de montes sacros, de templos e cruceiros, como oracións de pedra. Filosofía que nos religa radicalmente coa Terra e co Ceo. Velaí a esencia da relixión. E seguimos a celebrar, de diferentes xeitos, e sempre con lume, pirotecnias, luz e cor os equinoccios e o solsticios que abren a cada unha das Estacións, en relación cos Catro Elementos, Auga, Terra, Lume e Aire.

Equinoccio de primavera, trunfo da Venus, das Tres Grazas, do amor, da fartura... A ciencia súmase a fantasía e medra a cultura. Equinoccio significa en latín Aeequs nocte= igual noite (que o día). O que acontece en toda a Terra cando o Sol se pon en paralelo co Ecuador. Tempo no que o noso astro rei sae exactamente polo Este e ponse polo Oeste xusto. Fenómeno que no hemisferio norte do globo terráqueo pasa entre o 20 e o 21 de marzo, primeiro símbolo zodiacal, representado polo ariete de Aries, o castrón, xuvenil, impulsivo e aventureiro que peta e abre as portas do renacer. Mentres que no 23 de setembro acontece o equinoccio de outono, tempo de Libra. No hemisferio sur é á inversa.

Asuntos comprobados por magos e meigas, parte da xerarquía, señores de santuarios en función do ciclo agrario e gandeiro, baseados na observación estelar, nas rotacións, translacións e do devalar dos astros, fundamentalmente dos máis visibles, facendo e transmitindo estatísticas, valiosa axuda para predicir fenómenos transitorios, o paso dos cometas, dos eclipses... conseguintemente a meteoroloxía, o tempo de chuvia ou de seca, de vacas gordas ou flacas... Datos a sumar a unha ciencia sempre por facer a, Astronomía, así pois á xeometría e á matemática. E velaí a proba, a constancia desta Prehistoria da astronomía científica en tantos petróglifos, xeóglifos, aliñamentos de pedras fitas ou dolmens megalíticos repartidos polo mapamundi e construídos e orientados dende comprobacións. Estudos que nos meten nunha vertente da Arqueoloxía, a Arqueoastronomía, ciencia asociada tamén coa Etnografía coa Etnoastronomía. Entre os máis representativos, grandiosos e máis antigos monumentos en función do Cosmos están os aliñamentos megalíticos de Caraunge, en Armenia, datados no 5.500 a.C. Secuencia á que seguen os zigurats sumerios, e xa non digamos a perfección simbólica das pirámides de Exipto, os dolmens da illa de Gozo en Malta e neste noso occidente atlántico, o circo de megalitos de Stonehenge nas chairas de Salisbury, ou os aliñamentos de Carnac no golfo bretón de Morbhigan, como os túmulos irlandeses das ribeiras do Boyne, New Grange, ou o de Maeshowe na illas escocesas de Orkney... E non digamos xa dos xeóglifos incas de Nazca ou das pirámides e dos observatorios dos maias... e retornando ao occidente atlántico os xeóglifos de xigantes e cabalos marcados sobre os outeiros de Dorset, Inglaterra. Monumentos en lugares propicios para a práctica da astronomía horizontal, construcións asociadas co devalar do sol e da lúa, da estrela Venus, como reloxos, almanaques pra medir o paso do tempo e marcar as Catro Estacións. Altares vinculados a liturxias festivas, a ofrendas, a sacrificios, que tamén convidan a fantasiar. Temas que se prestan a saír do couto para furar noutras hipóteses en relación cos extraterrestres.

E como artefactos prehistóricos en relación coa astronomía faise sobranceiro o disco atopado en 1999 en Nebra, Mittelberg, Saxonia, datado na Idade do Bronce, polo 1600 a.C.: bronce de 2 quilos e 32 centímetros de diámetro, que representa ao Sol, á Lúa, ás 7 estrelas da constelación das Pléiades, xunto cun xeito de barca que acolle as tres estrelas da constelación de Orión. Tense esta por unha das representacións máis antigas da bóveda celeste e ponse en relación co santuario-observatorio do monte onde se atopou e mesmo co círculo de Goseck tamén en Saxonia... E en relación coas 7 estrelas das Pléiades -que significativamente asoman no hemisferio norte por outubro, desaparecen en abril e marcan os días curtos, ventosos, chuviñosos, fríos- ven á mente o estraño medallón que se di atopado no Monte Pindo, desaparecido na colección do decimonónico compostelán, masón e ministro, Antón Romero Ortiz. Colgante de sensibilidade mudexar, sobre o século XII, entón quizais emparentado con ese mundo islámico, o que tomou Bizancio e aproveitou os herdos orientais da observación astral.

Por algo o símbolo da estrela significará mando, liberdade e pasa a nimbos, coroas, condecoracións, a bandeiras ou escudos. Tamén en relación co universo extraeranse os símbolos zodiacais, estruturaran calendarios, e mesmo a través dalgunha forma cosmogónica, sempre circular, figurarase, nimbarase ou envolverase en mandorla a figura de deus ou deusas que iremos convertendo na imaxe e semellanza dun machista, sábeotodo ditador.

Por algo tamén no occidente atlántico, polo equinoccio de primavera, cando se deixa o Entroido, veneran a ese santo con algo de druída, de mago, o celta cristián irlandés San Patricio. Mentres que noutras partes máis apostólicas e romanas, celebran en en fallas ao San Xosé, carpinteiro milmañas e pai putativo. Sempre festas enredadas en lume e pirotecnias.

A Arqueoastronomía é ciencia que, como moitas outras, nace co racionalismo, da Ilustración, séculos caracterizados polas ansias de enxergar, de relacionar, anotar e transmitir. Aínda que tal verba comeza a normalizarse arredor do 1970, de aluados e experimentados arqueólogos, como Alexander Thom e o astrónomo Gerald Hawkins, dándolle voltas ao monumento megalítico de Stonnhengue, ciclópea construción que presupón ensaios anteriores, feitos en madeira, e velaí Woodhenge, non lonxe do anterior. Circos megalíticos que funcionarían como santuario-reloxo cósmico. Ciencia interdisciplinar, onde a astronomía se suma á arqueoloxía, á mitoloxía e á antropoloxía, pasando por canto supón a xeografía, a topografía, a elección do lugar. Así naceron asociacións como a International Society for Archaeastronomy and Astronomy in culture e outras.

Na Galiza Fernando Alonso Romero achegou a Arqueoastronomía a petróglifos como a Laxe das Rodas nos penedos de Serres, en Muros, tamén o fixo Carlos Abella aos penedos do Monte Seixo no Suído e o completísimo traballo do arqueólogo Antón Malde na Pedra Furada, Coiro...

Asunto acaído a Galiza, Cabo do Mundo, Compostela, tumba santa, á que conduce a Vía Láctea, país de magos e meigas, con tantos petróglifos, curvas, representacións de labirintos, trisqueles, rosaceas, confín das Ara Solis, onde os mitos e os ritos perviven. Cuestións de filosofía, de cosmoloxía, de fantasía e poesía que o pobo porta no seu ADN, como parte que somos de po cósmico.