A Academia Galega de Belas Artes instituíu no 2015 o 1 de abril como Día das Artes Galegas. E non podía ser doutro xeito, a primeirofoi dedicada ao Mestre Mateo, que no 1188 deixou gravada nas limeiras do Pórtico da Gloria tal data do ano 1188 . O 2016 foi pra Castelao que tantos camiños abriu e o 2017 para Maruja Mallo, muller do mundo, curtida no andar camiños, entre acharanga da vida, os golpes recibidos tamén e avanitas.

Curiosa, faladora, volcánica, contracorrente, rigorosa, fiel a dialéctica, paradóxica entón, anticonsumista, xenial e como tal, négase a envellecer, enmascarada nun contundente maquillaxe propicio ao teatro da vida. Esaxerada, nese afán literario de ser na Historia, envolta nun nimbo de mitos urbanos de amores e desamores, no inverno cuberta cun abrigo de pel de lince que, contan, de cando en vez, usaba unicamente sobre o natural vestido de Eva. Profesora de debuxo no instituto de Arévalo, que nun domingo entra e sae en bicicleta polo corredor central da igrexa namentres se dicía misa e as beatas creron ollar nel un anxo... E tomen nota os integristas, campiona nun concurso de blasfemias na madrileña Praza da Cebada... Orixinal, soñadora, ansiosa de enxergalo todo, con algo de meiga, atraída pola filosofía, a astronomía, retranqueira, transgresora, irreverente, rebelde nunha sociedade carpetovetónica, beata, hipócrita, a da jodida mística y de la mafia Santa que ela dicía.

Marcaba distancias entre o privado e o público. Formada na soidade, ese gran reto de todo ser humano. No seu facer deixa patente ese querer estar na Historia, velaí as series de fotografías feitas baixo a súa dirección escénica, precursores happening, performances, nas tomadas con Neruda en 1945 na La rosa separada, a illa de Pascua, emerxe como nova Venus Oceánica.

Abundanos documentos, dispersos polos lugares polos que foi pasando Maruja Mallo: lenzos, cadernos, divertimentos, epístolas, fotografías, filmes, entrevistas e testemuños vivos. Entre o que se ten feito recomendo o documental dirixido por Antón Reixa, con guión de Antón Patiño, baixo suxestivo título-autodifinición Maruja Mallo, metade anxo, metade marisco.

Dise que naceu nunha estrelada noite de Reis Magos do ano 1905. Foi neste confín, no Viveiro debuxado polo Monte de San Roque, por espadanase un océano de lendas, naufraxios e caracolas, terra e mar de mariñeiros, dealuados, filósofos, místicos ou traballadores que tanto celebran un viacrucis como o Entroido, dialéctica que os galegos levan no adn. Bautizada como Ana María Isabel Josefa, que ela sintetizará en Maruja Mallo, e quere cunha"J" que rabuñe.

A súa odisea vital comeza aos dous anos, cando dende Viveiro é levada pola nai a Tui, logo a Corcubión, onde xa asoma a súa afección polo debuxo, copias de revistas. Despois vaise co seu pai a ese Avilés industrial, onde no ano 1922 expón as súas primeiras obras de tema realista. No 1926 morre a súa nai e vaise co seu pai a Canarias, onde atopa a forza da cor, o exotismo, o sobrenatural que teñen as por algo illas afortunadas.

Anos da Ditadura de Primo de Rivera nos que ingresará na Escola Especial de Pintura de Madrid. Alí conxeniará con Dalí quen lle presentará aos seus compañeiros da Residencia de Estudiantes, prende nos parladoiros, aos que, de xeito insólito na época, se incorpora como muller, a dos cafés, a do Cruz y Raya, dirixida por José Bergamín, a do Lión, presidida polo discípulo de Heidegger e amigo de Einstein, Xavier Zubiri, a do El Mirlo Blanco, arredor de Pío Baroja, a de La Casa de las Flores con Neruda e a de La Cofradía de la Perdiz guiada por Lorca. Grupo, ao que se incorpora outra pintora, Margarita Manso, mozos que, nunha tardiña na Porta do Sol, descóbrense do obrigatorio sombreiro clasista para seren insultados e pasar a denominarse Los sin sombrero. É aquel un Madrid que abre á República, descrito polo periodista pro Ruso, José Díaz Fernández, momentos de íntima relación entre Alberti e Maruja. Tempos de buscas, de ismos nos que se mira a París, a Picasso, a Juán Grís, ás teorías de André Bretón ou Paul Eluard, ao marxismo. Bretón interesarase pola obra da Mallo e mercará o Espantallo. Muller imprescindible xunto con Buñuel, Lorca e Dalí, con Rosa Chacel e María Zambrano rompedora de coutos.

Buscadora do paradigma, do exótico e do popular, temas que aguilloan e superan ao Modernismo. Gómez de la Serna mete a Maruja no queda do Madrid castizo, de organillo, cabezudos, chinchón, chulos, chulapas, e chotis.... Nace así da man de Maruja a serie colorista das Verbenas, homenaxe ao popular, aos que se mofan das xerarquías, con antecedentes no seu admirado Goya. Ortega y Gasset, director da Revista de Occidente propiciará a súa primeira exposición.

No 1929 a Deputación de Lugo encárgalle o deseño dun cartaz pra difusión da súa provincia, na que, dun xeito cosmopolita, ao que estaba pouco afeito a sociedade rural que prima, intercala e contrasta sorprendentemente a Historia coa contemporaneidade e o futuro.

A súa serie Cloacas e campanarios, tan en relación coas teorías de Bretón e o cine de Buñuel marca o cimo do subrrealismo, e crítica á España de xerarquías, de beatas e burócratas, da santa mafia. En contraste retoma tamén esa preocupación tan hispana pola vanitas, a morte.

Con Benjamín Palencia e Alberto Sánchez conforma a Escuela de Vallecas, interesada na antipaisaxe, sublimando os ermos, espazos libertarios, paisaxes que conforman paisanaxes. Dialéctica e paradoxo que se envolve nunha xeometrización de aspiración escenográfica.

Nos anos previos á guerra vencéllase aos galegos das misións pedagóxicas, a Fernández Mazas, Dieste, Espasandín, Maside... o sindicalista Alberto Fernández Mezquita métea no troskismo, coñece entón ao alcalde de Bueu Xan Carballeira e pasa días en Beluso, onde fai os Cuadernos de Galicia... a guerra ennegrece o panorama: Carballeira é detido, torturado e morto no penal da illa de San Simón. Inza o medo, Maruja preséntase ás autoridades, non soporta o golpe e, vía Lisboa, marcha á Arxentina. Alí súmase aos republicanos e en contacto co editor Losada publica textos sobre a súa teoría da arte, imparte conferencias e exposicións, recibe encargos como o mural pro Cine Los Ángeles. Viaxa a Uruguay, Chile...

Exilio voluntario no que aviva aspectos adormecidos de galega, un xeito de realismo máxico, disparatado, retranqueiro. Influenciada por Matila G, Ghyka e polas teorías de Einstein afonda no mistérico, no astral, na xeometría, no número áureo, na harmonía interna da natureza. E sempre esa interacción unamuniana paisaxe-paisanaxe, as máscaras, as naturezas vivas, as cunchas e buguinas que tanto gustaban a Neruda, as rosas, a estrela de mar, os rostros tratados conarcaísmo, como pozos de misterio: Viajeros del eter, Moradas del vacío. Temas elaborados con cor estridente, sobre formas inspiradas no artesán, na cestería, as cordas, próximas a unha cosmogonía... propicias a instalacións, ás que era tan propensa.

Nos anos sesenta regresa, cando os seus verdadeiros amigos están enterrados ou desterrados.Redescuberta coas movidas dos 80, onde Galicia está na vangarda, retómana críticos e marchantes,María Escribano, Ana Vázquez de Parga, Carlos Novo de Viveiro, Carme Vidal... Ela que era deusa, dicía que o ser humano é deus porque crea aos deuses... morre en Madrid no Entroido de 1995.