Xa sabemos que as democracias son uns sistemas tremendamente imperfectos. Incluso que cada vez máis ten máis razón Charles Bukowski cando dicía que a diferenza entre unha democracia e unha ditadura é que nunha democracia pódese votar antes de obedecer as ordes. Pero, habendo de todo, como hai, existe algo que distingue unha democracia de verdade, con todos os defectos, eivas e achaques que se queira, das moitas imitacións que hai. O exemplo máis a man son os Estados Unidos. Elixen -daquela maneira, pero elixen- a Trump, un tipo que parece un destilado do pensamento forocoches. Pero hai tribunais, de todos os niveis, de todas as tendencias ideolóxicas, que lle paran os pes no que consideran decisións ilegais. Mesmo o FBI e outras axencias gobernamentais investigan as súas posibles conexións con Rusia e a inxerencia de Putin nas eleccións. E a prensa, grande e pequena, cántalle as corenta. Poño xa o exemplo máis extremo, os USA, sen botar man de referentes nórdicos.

Mentres, nun lugar que todos coñecemos moi ben, xa non é que os principais líderes do partido no goberno estivesen cobrando uns cartos que non declararon a Facenda, que o anterior xefe do Estado tivera que abdicar para que non saltasen máis escándalos, que había grupos parlamentarios practicamente enteiros imputados por corrupción, e que se evidencia que se usou as forzas de seguridade do estado para fins políticos e... (deixen que colla aire, e cóllano vds.). Non. Repasemos unicamente estas últimas horas.

Un. A Audiencia de Madrid, rectificando a un xulgado de Alcorcón, admite a trámite unha querela contra dous presentadores de televisión (Wyoming e Dani Mateo) porque dixeron que unha megacruz que hai preto de Madrid era unha merda. Obviamente, todos os símbolos relixiosos, en calquera tamaño e material, son dun gusto exquisito e dun valor artístico probado, por non falar do espiritual. Dous. O PP de Valencia, esa organización de acrisolada honradez acuñada nas últimas décadas en eventos como visitas do Papa, carreiras de Fórmula 1, etc., pide boicot a dúas representacións da obra de teatro El Rey, de Alberto Sanjuán nos municipios de Paiporta e Algemesí. Todo por un problema de casting: actúa nela Willy Toledo coñecido actor vehemente. Os queixosos argumentan "que se caga en la Virgen del Pilar, casualmente la patrona del barrio del Carrascalet de Algemesí", circunstancia que eu descoñecía e da que sei grazas a eles (o da pouca simpatía do actor por esa advocación mariana, non que o barrio do Carrascalet estivese baixo a súa protección, a da virxe, non a de Willy).

E tres. O presidente de RTVE, o home que ten a responsabilidade de rexer un dos medios públicos máis potentes de Europa, vai dar unha conferencia na Casa de América. Debéronlle quedar os folios no taxi, porque o que dixo estaba sacado daquela Enciclopedia Álvarez que compendiaba o saber dos párvulos no franquismo. Logo de Colón, España (que parece que xa existía entón, aínda que sen selección de fútbol) foi a América a levar a doutrina católica, como hoxe veñen os mormóns aquí, e Pizarro e Cortés eran uns hipsters cultivados, como ben se ve polas barbas que tiñan e polas calzas apertadas que vestían.

En resumo, alguén xa se riu bastante, onde está a cámara oculta?