Ata hai ben pouco, incluso os detractores de Donald Trump, dicían que era un home con palabra porque cumpría co prometido no seu programa. Pero a crúa realidade da política real, do día a día, das complexas estruturas das institucións norteamericanas, ao igual que os propios acontecementos nacionais e internacionais que rodean un mandato presidencial, está convertendo a Donald Trump nun boneco das súas propias ideas. Cando aboliu o Obamacare non o fixo para transformar a sanidade estadounidense nunha aposta ultraliberal.

Mentiu. Derogou unha lei para sacarse outra do bolso que era máis proteccionista que a que el criticaba. O que lle supuxo o enfrontamento co sector máis radical do partido republicano. Porque este presidente se presenta dentro do paraugas dos republicanos, mais sen ser un home do partido.

Tamén dixo que EEUU deixaba de ser o xendarme do mundo, que colaboraría con Rusia para acabar co terrorismo e que China era o grande perigo. Pois ben.

Os xenerais en xefes do seu exército, deixáronlle claro que o achegamento a Putin non lles parecía axeitado e que China era un interesante aliado, por se había que intervir en Corea do Norte. Podemos pensar que Trump, presidente que insulta aos medios de comunicación e que goberna a través do súa conta de Twitter puidese ser un home con mente infantil, e seguramente haxa moito diso.

Pero non me creo que por ver a uns nenos sirios gaseados na CNN, tomase a determinación de lanzar 59 misís contra unha base do tiránico Asad. Lembran cando dixo que Asad era horrible pero que podía ser útil para acabar co Estado Islámico? Non, o que ocorreu foi ben sinxelo. O brutal bombardeo do exército sirio sobre un pobo rebelde con gas deulle a Trump a posibilidade de reconciliarse coa cúpula militar norteamericana.

Dun só golpe, deixaba de ser aliado de Rusia, se enfrontaba a Asad e se reunía con China para falar de intereses económicos. Tampouco isto é moi crible. Dous días despois do ataque á base siria e da reunión cos chineses, Donald xa anunciaba que Corea do Norte debería estar atenta co que fai.

O problema é que podemos volver á Guerra Fría. E é un problema gordo.

Porque agora non deberíamos perdernos nestes xogos de xadrez e pensar que pasa co terrorismo que golpea en Europa, semana si, e semana tamén. Habería que pensar, por que Estocolmo, cando Suecia é o segundo país europeo que acolleu a máis refuxiados? Habería que pensar que en Siria non existen só tres fraccións enfrontadas, senón que hai unha decena de grupos que se matan entre si.

Como se explica a destrución de Alepo, cidade milenaria, se alí non estaba o ISIS? Non cadran os análises. Mentres, a poboación siria reduciuse á metade. A metade dos sirios están fora do país. Todos os demócratas e laicos están sendo ou torturados ou asasinados. Os cristiáns son crucificados. En Exipto unha igrexa copta voa polos aires.

Querido Donald, decátaste agora que gobernar non é facer un mitin? A crúa realidade é outra cousa.