Cada 23 de abril, coincidindo co primaveral tempo do seu pasamento, celébrase ao San Xurxo. E faise de xeito especial ao longo dese roteiro que foi de "reconquista", por onde galaico-leoneses e máis ainda aragoneses estenderon o seu reino, Baleares e Valencia, Mediterráneo adiante, proba do herdo común da súa matriz orixinaria. Por algo tamén xornada escollida como Día de Aragón.

Santo e festa asociada ao libro e á esotérica e simbólica rosa roxa, de idealistas, apaixonados e aluados cabaleiros. Santo orixinal dos libros de cabalaría, protagonizados por heroes e quixotes empeñados en saír acabalo polo mundo adiante a emendar agravios. Lecturas que, antes da movilmanía dixital, emborracharon e entoleiraron aos seus afervoados seguidores. Pois velaí que neste día do Santo, faise coincidir ademais e case "milagrosamente"co pasamento dos escritores Miguel de Cervantes,de Willian Shaskespeare e mesmo do Inca Garcilaso, inmensos creadores, coincidentes en beber na mesma fonte, a da ansía de interrelacionar historias e mitos. Xornada tamén, no 1995, declarada pola Unesco comoDía Mundial do Libro. Como anel ao dedo a celebración dun santo cabaleiro enredado nun bretemoso labirinto que ven de Oriente a Occidente.

San Xurxo recibe culto ben antigo, especialmente alí onde aínda viven tradicións do primitivo cristianismo, en Etiopía, Medio Oriente, Bulgaria, Romanía... como cabaleiro cristianizador que vence ao monstro do paganismo. Venerado e patrón de Portugal e de Inglaterra, santo titular de infindos pobos desa beiramar que trae do Oriente a Occidente. Ademais é un dos tres santos armados cabaleiros: santo patrón dos cabaleiros, solemnemente a cabalo de bridón branco, o que subliña que é de casta, xunto con Santiago Apóstolo, tamén interesadamente reconvertido en aparecida imaxe alentadora de matamouros, mataindios e... o retranqueiro Díaz Pardo insistía en que cumpría facelo en imaxe de santomatarratas, e así fixo en cerámica de Sargadelos unha pequena serie da súa iconografía. E esoutro terceiro santo adaíl cabaleiro, San Martiño de Tours, patrón de Ourense e cristianizador de fogueiras pagáns de Magostos. Ambos os tres soldados cabaleiros tan en relación con Galiza como cos demais países célticos, e xa non digamos coa que semella ser cerna de tan inspirador mito, as Illas Británicas, Cornualles, Gales... Por iso celebrado, reproducido e nos tempos de Eduardo III, santo inspirador da Real Orde da Xarreteira,premio da imperial monarquía Inglesa aos que lle fan favores.

Santos nos que se quere ver a tradición céltica, a encarnación dun heroe, dun caudillo liberador, insigne máis na guerra que na paz, na nostálxica procura dun ansiado Paraíso Perdido. Como aquel modélico e cantado Mío Cid, Campeador, ao que os musulmáns chamaban "perro gallego", como tamén foi o Rei Arturo e os seus seguidores cabaleiros da Táboa Redonda, ou mesmo como, máis atrás no tempo, sería Breogán, vingador do seu fillo Ith, soñador de imperios e señor da Pedra do Destino, sobre a que sentaban os reis celtas...

A vida de San Xurxo está vencellada, como a de tantos santos, a ese lugar-ponte, entre oriente e occidente, que é Anatolia, cerna do imperio otomano, turco, a un lugar ben coñecido polos turistas como é a Capadocia, un deses eremitorios escavados na terra que tanto influíron na conformación do primeiro cristianismo, espallando liturxias, iconografías e un xeito de arte. No levar e traer a historia de San Xurxo confúndese con lendas celtas e mesmo gregas, como o cabaleiro que se enfronta a un sanguinario e insatisfeito dragón que reclamaba vítimas, que mesmo esixe unha princesa... é entón nesa solicitude cando entra en acción o cabaleiro Xurxo, para espetar a súa lanza no corazón do dragón, recuperar a princesa. Premiado heroe que doa todas as súas riquezas aos pobres nun reino de felicidade. E así pasará á iconografía e a todos os altares. Ao longo do Medievo guieiro de cruzados e de aventureiros Militis Christi e dende a metade do século XIV patrón dos ingleses, que verten no santo a flegma do seu orgullo. Moitos ingleses pasan a chamarse George.

Detrás da imaxe, reiterada e fermosa, de San Xurxo, que conxuga faco e xinete, como un gabancioso condottiero, enxergamos, enredamos e confundimos todo o mito e a lenda Artúrica, ao Rei Arturo de Bretaña. Historia esta que se perde no século VI: Arturo erasoldado britano romanizado, caracterizado nas loitas contra os inimigos saxóns. Así aparece nas primeiras crónicas sobre os reis ingleses Historia Regum Britaniae de Geoffrey de Monmouth, arredor delas todo uninspirado conto con persoeiros como o Mago Merlín, a fada Morgama ? Tema que será orixe da chamada Materia de Bretaña, coa busca do Grial, a copa da última Cea? Parcifal, entre leais e traidores guerreiros. Roda literaria que segue a inspirar, crear e recrear novas fantasías, heroes e monstros con novas armaduras, con armas de aceiro e laser. E toda unha serie de puntos de peregrinación e turísticos en relación con Arturo: as ruínas do castelo de Tintangel onde naceu, Glastombury onde se di que está enterrado? lugares que coinciden con antigos santuarios "célticos".

A finais do século XI, os aragoneses, que comparten tantos anhelos cos galaico-leoneses, Santiago e Pilarica por medio, poñen igualmente ao santo Xurxo, como un novo cabaleiro Arturo, aparecido agora en batallascontra os musulmáns. Até incorporar a cruz-labaro do santo no escudo de Aragón e mesmo fundan unha confraría co nome de San Jordi.

Santo celebrado por onde pasaban os exércitos, en cidades amuralladas, como en Cáceres, onde terá festa maior con representación de monstros e batallas de mouros e cristiáns.... en Lisboa, onde se lle dedica una importante fortaleza sobre a cidade, o seu esteiro e o porto, o Castelo de Sao Jorge, punto de necesaria recalada para os cruzados... e mesmo en Córdoba. Venerado en portos de Euzkadi, Cantabria, Asturias, tan en relación, mar por medio, coas Illas Británicas.

Nos altares dos templos de Galiza tampouco faltará a imaxe do San Xurxo, nin parroquias que o teñan como celebrado patrón, Camariñas, Vea, Sacos, Codeseda, Saians, Iñas, Asma, Moeche, Taboadela, Mogor? aínda que quen prima son os seus colegas adaíl Santiago e San Martiño. Na Coruña terá importante templo, de obrigada visita para os navegantes, peregrinos e visitantes das Illas Británicas. Templo que, en orixe, estaba nas inmediacións do porto, onde hoxe se asenta o Teatro Rosalía de Castro, co seu cemiterio e mesmo coa fonte, do que non queda nin resto, a non ser algunhas tumbas. No século XVIII, na zona do Derribo, a carón do que sería a Praza de María Pita, seguindo trazas do arquitecto compostelán Fernando de Casas Novoa construirase un novo templo que leva o seu nome e coa súa imaxe centrando a portada e o altar.

Santo enigmático, cabaleiro, con lanza sobre o dragón, unindo esas forzas celestes, cósmicas contra as caóticas, subterráneas, envolto no labirinto ou Xogo da Oca, esa dialéctica entre as forzas positivas e negativas, pegada dese Oriente que levamos dentro.