Escribo isto caendo a tarde do venres, sempre ao límite da moi elástica paciencia da xente que amaña e ordena este periódico, pero non sei se no espazo temporal entre a miña escrita e a súa lectura pasará algo que faga quedar obsoletos os meus esforzos. Non me refiro a nada especialmente tráxico -todo o que esperamos, quitado os ludópatas, son sempre malas noticias-, senón algunha imputación máis, algunha conversa desvelada na que os próceres falan como tabernarios, algunha operación inmobiliaria, urbanística, financeira ou de prestación de servizos que supere o listón de dimensión, de técnica e de beneficios que estableceron as anteriores. Un listón que está xa máis ou menos á altura do teito. Eu confío moito, por exemplo, en Zaplana. Un home con esa cara -de espelido, quero dicir- e ese bronceado non creo que se conforme con andar nas beiras dos asuntos.

Un analista, comentando os resultados da primeira volta das eleccións presidenciais francesas, e en concreto o terceiro-case cuarto posto acadado por François Fillon, investigado por darlle á familia uns postos oficiais polos que non aparecían, nin tiñan a que, concluía que en Francia, como en España, a corrupción non resta votos. Home, eu aínda vexo algunha diferencia entre darlle un salario a túa muller, por moito que ti non o pagues, e baleirar un banco público como Rato, ou sacar millóns a baldes por xestionar -mal- servizos públicos como fixo, creo que presuntamente, o ex presidente madrileño, Ignacio González. (Falando de familia, a súa podía celebrar a cea de Nadal nalgunha cámara lexislativa: desde o Senado á Asemblea de Madrid, sempre houbo un González con escano).

Madrid, no fondo, non é tan grande como para que políticos e periodistas non se coñezan e anden uns cos outros e coas outras. O que chama a atención disto que agora saen á luz é como, coa afección ao díxome-díxome que hai en todos eses ambientes, todas estas manganchas estiveran ocultas aos medios, ás fiscalías e xulgados e aos rivais políticos. Ben, o dos medios, tendo en conta o que gastaba en publicidade o Canal de Isabel II (debía ser a auga da traída máis anunciada do mundo), podémolo entender. O das fiscalías e xulgados, pois está iso da falta de medios (materiais) ou de ganas, todo hai que dicilo. O dos rivais xa me custa máis entendelo, porque antes, cando facían -presuntamente- as cousas que agora saen á luz xudicial, facer oposición non consistía, como agora, en facer selfies. Quizais sexa que o de facer oposición á propia organización si que é algo que nunca pasou de moda.

Con todo, aínda houbo sorte. Imaxinen o latrocinio a oito mans se chegan a conceder os Xogos Olímpicos a Madrid, ou o Adelson aquel dera montado a cidade-casino que pretendía. Amancio Ortega e Bill Gates ían ser xente que tiña un pasar ao lado deses ganapáns.