Irene, Irene

01.05.2017 | 00:47
Irene, Irene

Vetáronme!" Non, non, non. Irene Montero, non. A ti non te ventaron. Vos vetáchedes a Íñigo Errejón. Non te compares con Ignacio Escolar, el colaboraba como xornalista. A tertulia na que participaba Íñigo Errejón era unha tertulia política, pero non de portavoces de partido. El estaba convidado a ela polo seu valor como persoa, como opinador que representaba, non só a Podemos, senón a todo un segmento da esquerda do estado. Non fora elixido só por pertencer a Podemos, senón polas calidades que a Cadena SER consideraba apropiadas para asistir como tertuliano ao programa que dirixe Angels Barceló. Xornalista que deixou ben claro que erades vos, os que impedían que Errejón acudise a Hora 25 e que calificou de "baixa sensible" a súa perda, pero tamén insistiu en que non se trataba dunha tertulia de portavoces e que, en último caso, ela como directora e a súa empresa son quen elixe aos seus colaboradores. Porque verás, Montero, a cousa está ben clara. A SER non é un medio de comunicación público. Onde en período electoral, os partidos teñen a súa cota de pantalla. A SER é un medio de comunicación privado, ademais non estamos en campaña electoral. E ti, por riba, non fuches convidada. A quen se lle ocorreu que gravaras ese vídeo onde afirmas que te vetan? E como te prestaches a acudir á tertulia sen que a SER te tivese chamado para propoñerte como sustituta de Errejón? Eu creo que hai moitas cousas que se vos van das mans. Presentar unha moción de censura só para protagonizar unha escenificación que teña un efecto de titular nos medios de comunicación, non vos compensa. Queimáchedes as naves. Por que outros partidos buscan aliados antes de presentar unha moción de censura? Son uns pusilánimes? Non. Saben que sen apoios doutros partidos Rajoy seguirá aí. Unha moción de censura ten que servir para algo, non só para armar ruído. E tamén saben os outros partidos, non sei vos, que agora teredes que agardar un bo tempo para presentar outra moción. Porque regulamentariamente estas teñen uns prazos e uns períodos de barbecho para o partido que as presentou. Agardemos que se quede nun anuncio e non a levedes adiante realmente, porque vos perxudicaría. E eu, no caso de Compromís e de Marea, pensaríame moito se seguir todos os pasos da formación morada, porque o voso discurso non sempre está de acordo co dos vosos socios e, vós, fuches votados por moita xente que cre nos vosos principios pero non comparte a política de "xestos" que non de xestión que ás veces obsesiona a Podemos. E unha última cousa, lembra as palabras de Pablo Iglesias sobre os convidados ao seu programa La Tuerka: "Aquí mandamos nós, e temos sufrido presións para traer a representantes destacados de formacións políticas ou sindicatos. Pero somos nós os que eliximos as persoas en función do que poidan aportar ao programa". Pois iso. Angels Barceló, tamén. E tampouco esquezas que Hernández Mancha acabou coa súa carreira política por presentar unha moción de censura a Felipe González sen contar con apoios. Gallardón, desde a sombra, foi quen convenceu a Mancha para dar ese paso. Quen vos aconsellou a vos? Estudade iso. Se cadra tedes un Gallardón dentro das vosas filas e aínda non o desenmascarastes.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine