Ten unha cara que se nos fai coñecida, aínda que con toda seguridade non a vimos nunca. Con tanta como que Elba, veciña do Cebreiro viviu e morreu hai uns 9.300 anos. O seu cranio foi descuberto na chamada Cova do Uro, en 1996, e logo atopáronse máis restos. Os estudos dos expertos do Instituto Parga Pondal converteron a Elba na primeira muller do Mesolítico estudada xeneticamente na península Ibérica. E cos sistemas de reconstrución facial que puxo de moda a serie televisiva Bones puxéronlle cara. As outras técnicas, menos espectaculares, serviron para coñecer como era aquela muller, bautizada (é un dicir) co nome celta que significa "a que vén do monte".

Quizais a cara de Elba, a que vén do monte, nos soe porque a investigación xenética demostrou que era do país, e da zona. E cos poucos miles de habitantes daquela en Galicia, haberá unha chea de descendentes. Elba, segundo as investigacións publicadas nos Cadernos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe, medía entre 1,50 e 1,52, tiña o pelo e os ollos escuros, e entre 20 e 40 anos (xa non era precisamente moza, para os estándares da época, polo que, aínda que a investigación non o mencione, supoño eu que debeu ter descendencia). Tiña tamén o que se describe como "estrés nutricional" (que debeu pasar fame, vaia), un comezo de artrose e levara tamén un golpe na cabeza (polo menos tiña unha cicatriz). Elba caeu nunha cova, probablemente disimulada pola neve, xunto cos tres uros (o primitivo boi europeo) que levaba, un adulto e dous máis novos. Curiosamente, o camiño polo que ía cando a súa facenda, d'Os Ancares ao Caurel, aínda existe e está en uso. Unha ruta de polo menos dez milenios de antigüidade. O camiño non é o único que non variou moito. A investigación dos científicos da Universidade da Coruña describe como era aquela Galicia de Elba. Había moitos bidueiros, e o carballo comezaba a expandirse. Había tamén abeleiras, amieiros, olmos e algúns piñeiros. E o máis sorprendente: a cantidade de partículas de carbón confirman que había incendios forestais, pero non, como se pensaba, por causas naturais. "Á luz dos novos datos achegados pola presencia de Elba e seus uros pode ser agora entendido como debido, igual que sucede no momento actual, á acción dos pastores que buscaban así con eses lumes no comezo da primavera o rebrote da vexetación". Vaia, vaia, Elba.

O que era diferente era a zona costeira. O nivel do mar estaba uns 32 metros por baixo do actual e as rías eran vales fluviais. A costa parecíase ao que hoxe son as dunas de Corrubedo. A rápida suba do mar foi xerando trens de dunas, tormentas de area incluídas, que colonizaron as ribeiras, mentres as rías tiñan un aspecto parecido ao actual das Fragas do Eume, con bosques ao pé da auga (ou baixo dela). A localización dos últimos descubrimentos de cerámica contemporánea de Elba (os restos óseos son escasos polo acidez do solo de Galicia) fan deducir aos especialistas do Parga Pondal que tampouco hai nada novo na forma de poboar o país. A xente ocupaba todo o territorio, pero moita máis nas montañas das áreas de costa que nas do interior, nas que as zonas máis elevadas eran o territorio do animal totémica: o oso pardo.

En moi resumidas e bastante apresuradas contas, en dez mil anos a evolución da natureza por obra do ser humano consistiu en acabar cos osos e traer eucaliptos.