O aforro aguilloa á intelixencia e acudimos aos fondos en reserva. E iso é o que ven facendo Afundación, Obra Social deAbanca coa mostra arredor da pintura de Urbano Lugrís, baixo a suxestión do título Paredes Soñadas e que nesta primavera-verán expón entre outros préstamos. Algo de agradecer na lugrisián e inspiradora "meiga cidade herculina", a Coruña agasalleira que recibía dende o altar dos Castros cunha inconfundible panorámica do istmo e na punta da súa croa a mítica Torre de Hércules. Visión cantada por Alberto García Ferreiro,"... qué escollería, se entrar de noite na Coruña ou no Ceo de día...".

O lugar para este paseo de soños é a arquitectura deconstructivista do británico Nicholas Grimshaw, como unha ola de vidro e aceiro sobre o Cantón e que asolaga os espazos que foron do Café Galicia, o mesmo dos parladoiros de Lugrís. Acóllense aquí boa parte dos anacos dun desguace pictórico que complementou a decoración daqueloutras "covas célticas", onde habitaba a orixe, a orixinalidade, a felicitas, arredor dunha cunca de viño e do saber das cociñas tradicionais. O motivo da mostra é a celebración do traslado do mural Coruña 1669, recentemente declarado BIC, parte da decoración que foi do Banco Hispano-Suizo (1952) e ultimamente Caffé Vecchio, na rúa Real, agora restaurado nun pasadizo da entidade bancaria na rúa dos Olmos 26, área dos viños, próxima ao lugar orixinal. Obra na que os soños e a habilidade de Lugrís manda sobre a calidade do soporte e das pinturas, sobre as que o paso do tempo deixa cicatrices. Mostra que da que falar nun tempo de grafitis e mercantilización.

Lugrís prefería compartir a súa obra en lugares de encontro, creador de novos retablos que complementaban a decoración de tabernas, mesóns, pensións das coruñesas rúas dos Olmos, a Galera, San Andrés, Orzán, a Estrela... tamén en Compostela e Vigo... santuarios da bohemia, axuda ao seu carpe diem. Sumando algún encargo para darlle maxia a un recibidor de estación ou entidade bancaria: o restaurante Fornos da Coruña, a Casa do Pescador de Malpica, ambientadas con mostrador, mesas e lámpadas, recreando as nostalxias do cuarto dun lobo de mar; a decoración do novo templo parroquial de Vilaboa. E seguen aparecendo, cortándose e descontextualizándose obras súas que pasan ao mercado.

Escenografías lugrisiáns de terra-mar-ceo que transportan ao espectador a un ambiente de sons, ondas mariñas e buguinas, entre berros desartellados de gaivotas, con arrecendo a sal e algas. Onde se toca o orballo, se intúe o morse e a luz dos faros abre ronseis nun pentágrama de cores mariñas que conflúen co Ceo. Obras que tentan configurar retablos ou políticos para enmarcar poéticas paisaxes na alborada ou no solpor, cando as raiolas revitalizan os dolmens e os sartegos, baixo galaxias, quizais presididas por Venus, feita deusa da mañá e máis do vésperus, encarnada en botticelianaVirxe de Florencia. Paseos de románticas señoras de parasol, camiño do porto, entre os norai, o erguer áncoras de naos con mascaróns emproando rumbo ao exótico. E sobre a soleira da xanela, pousado, un catalexo, na mesa un fanal e sobre del un papagaio e, quizais, unha cuncha pendura da nada. Universo nerudiano, entre o sentir herdado do Atlántico hanseático, dos pintores flamencos, formados no rebulir da taberna portuaria, co azul coruñés-Patinir, sumando a metafísica surrealista de Chirico, perspectivas que conflúen no horizonte dos soños. E canto queira engadir a sensibilidade de cada quen.

Na obra de Lugrís ponse a proba que neste cabo do mundo, como nas nacións "irmáns celtas", Armórica, Cornubia, Cambria, Escocia, Eirín, illa de Man, as nostalxias do mar e de antigos periplos lévanse moi dentro. Máis aínda para quen as mamou na portuaria Brigancia do Mar dos Ártabros, aberta ao océano dos atlantes e ao mito da Atlántida; quen tivo como pai a Manuel Lugrís Freire, herdeiro dun almacén de sal no muro, home vido a menos pra ser escribán en Oleiros, director da Escola de declamación, emigrante en Cuba, de aqueles bos e xenerosos da Cova Céltica, dos que ampararon a Curros e a Murguía pra creación da Academia Galega, contador de mitoloxías, masón, amante pois de cosmogonías. Urbano foi neno tamén arrolado polas músicas da súa nai, pianista, as que, como unha brétema, envolverán a maxia da súa obra.O seu padriño foi o historiador Tettamancy. Vivencias que ampliou coas súas amizades, as das Misións Pedagóxicas, as coruñesas, viguesas, entre elas a do estudante de náutica, o poeta Aviles de Taramancos, os mecenas conserveiros Massó, Cunqueiro, Castroviejo, os Álvarez Blázquez... No seu código xenético quedaron labradas aquelas devocións galeguistas: lector das cousas de Bretaña, das fantasías do nantés Xulio Verne, dos versos contados con potente voz dobardo e histrión contemporáneo galés, DylanThomas. E sempre o afán didáctico, de compartir e devolver, mellorado, ao pobo canto tomou del. Inventor de heráldicas, de caligrafías e de orlas. Gustoso de contribuír á ilustración de revistas, libros, carteis de festas... serigrafías feitas pola iniciativa editorial dos irmáns Álvarez Blázquez, deixando a súa inconfundible pegada, o herdo anovado dos códices celtas.

Aviles de Taramancos definiuno "... ouh encorvado soñador, agricultor mariño/ de transparentes árbores coguladas de estrelas/ o mar séntese infindo para poder amarte...", autor tamén daquel pranto pola morte do "amigo sobrenatural", o que merece estar entre os mellores da literatura universal: "¿Quen vai coidar agora dos soños na fonteira/ da patria?/ouh guadián terrible, Argonauta, vello titiriteiro/conmovido..." tamén o polígrafo Miguel González Garcés, que lle dedicou críticas e versos que mesmo semellan lastrar, enredarse como algas entre buguinas, entre pórticos de míticas cidades asolagadas, abertos a espeluncas, entre naufraxios, baixo baleas, serpes enroscadas, serease emerxentes illas, montes sacros con capela, á que ascenden vereas que desafían abismos, entre piñeiros con copas de escuro arume arpado. "...Gris de brétema, Azul/Patinir /Crebados sinos nas cidades irtas/sempre buscándote nas illas inventadas/pola area, deitado, un catalexo...". Mariano Tudela, Antón Patiño, Ferrín, Cesar Antonio Molina dedícanlle ao artista palabras antolóxicas.

Coa súa grande man de curtido mariñeiro resucitador de santiños galegos, magos e meigas, San Pedro de Mezonzo, San Rosendo, Santa Mariña, Santa Trahamunda, San Telmo, San Amaro, o San Ero... os temas sobran, compre mirar pras orixes. Rendía culto aos Reis Magos e, morre Lugrís un 23 de decembro do 1973, un mes antes de cumprir os 65 anos, foi nun Vigo de árbores de Nadal. Aquel xigantón atlante foi enterrado no camposanto vigués de Pereiro, coa nostalxia do cemiterio mariño do San Amaro, o que emproa ao Seixo Branco dos seus soños.

Seu fillo Urbano LugrísVadillo, retoma e diríamos que incluso mellora os camiños do seu proxenitor, levados a táboas, nos que sempre está presente o mar como orixe da vida... esa brétema, cando non aura de sombras que asombran e envolven a "Galiza máxica".

Bohemio Ulises, no rumbo dos soños, na bitácora saberes e mitos vellos, que mesmo decorou a sala do iate Azor do ditador. Desexoso de facer a súa propia Capela Sixtina decorando a entrada do Instituto de Cultura Hispánica de Madrid, finalmente tentada na Capela dos Santos Reis Magos de Bueu, partes da infinda e poética Galaxia Lugrís.