Nikita Kruschev, apoiou no seu momento as purgas de Stalin e el mesmo aprobou milleiros de detencións. Durante o período no que foi gobernador de Ucrania continuou coas persecucións e a violación dos dereitos humanos. Mais co tempo, sería o home que pronunciaría o chamado "discurso discreto" no que se denunciaban as purgas e os crimes do seu mentor Stalin. Nunha ocasión na que se encontraba desenvolvendo parte do seu discurso diante dun numeroso grupo de cidadáns, produciuse un feito insólito, mais que quedou para historia. No momento no que Nikita cualificou a Stalin de asasino, alguén, desde o anonimato que sempre dan as masas, ergueu a súa voz, preguntando: "Se era un asasino, por que nunca dixestes nada?". Ao que Kruschev tamén inqueriu: "Quen foi?". Fíxose un silencio, un silencio tenso. Ninguén respostou. A pausa alongouse. O líder insistiu: "Quen queira que fose pode falar con liberdade, non lle pasará nada". O que, desde logo, podería ser moi certo, pero, se cadra, o autor da pregunta non o tivese tan claro. Nikita, tomou outra vez a palabra: "Aí tedes a resposta: o medo. Os que estábamos xunto a el, sentíamos o mesmo que sente agora ese home que se encontra entre vós, medo. Non fixemos nada por medo". Pódese crer a Kruschev? Un home cunha mocidade tan tormentosa, un home que participou na batalla de Stalingrado, un home que medrou dentro do partido comunista soviético con man férrea e firme, é difícil que non gardase silencio tan só por medo diante de Stalin. Buscaba, obviamente, tamén medrar. Pero o medo é poderoso. E ás veces, lévanos a cometer verdadeiras barbaridades. Entre elas, calar diante daquilo que golpea aos nosos veciños e compatriotas. Se alguén sofre un desahucio, ou é despedido do seu traballo, ou lle colocan unhas preferentes, ou lle negan a paga para un familiar dependente, ou lle obrigan a asistir a varios cursos para poder cobrar o paro, ou lle din que cotizando trinta anos xa se pode retirar e logo, resulta que son máis?por que está mal visto que algúns nós situemos ao seu carón para sermos os seus veciños e compatriotas? O noso tempo é convulso e a nosa sociedade arrastra unha enfermidade grave de falta de valores. Non exerzamos unha crítica feroz sobre aqueles que procuran entender o drama dos demais. Non deixemos que o egoísmo medre ata límites tan insospeitados que só nos importe o propio. Porque se escollemos ese camiño dentro de nada, como colectividade, seremos nada. Non se trata de abandonar o medo por unha valentía aloucada, senón de mudar a nosa parálise pola fraternidade. A carreira cara o individualismo, só conduce ás nacións a unha carreira frenética cara o abismo. Non colaborar desde un a mellorar o todo, significa, outra vez, apertar a nada. Sintamos o drama dos demais, non como propio, pero si, como próximo. Non teñamos medo a gozar dunha intelixencia sensible.