O labirinto do alquimista

Galiza: escola de canteiros

28.05.2017 | 03:06
Galiza: escola de canteiros

Onde hai pedra hai canteiras, entón tamén pedreiros e canteiros cos seus improvisados obradoiros, como os pontevedreses de Cotobade, os ourensáns de Maside, os chairegos de Gaioso e Román, os de Noia, de Cabana de Bergantiños... e máis alá os minhotos de Ponte da Lima, os mazoneros cántabros de Trasmiera, os biscainos...

Detrás dos profesionais da pedra, mestres e aprendices, masóns, construtores, acouga toda unha longa Prehistoria e Historia, dende os megálitos, os petróglifos, seguindo por todas as tipoloxías de pedras fitas, milladoiros, valados, curros, castros, torres, templos, pontes... Dalgún xeito obras da man dos que os franceses deron en chamar os " compagnóns do devoir" (do deber), confrarías esotéricas que aínda existen e con simbólica loxa a carón de Notre Dame de París. Grupo de traballadores especializados e con verbo ou xíria propia, en Galiza a dos arxinas. Sabios obreiros da pedra entre os que Mateo é un símbolo histórico, como tantos mestres e sagas de familias de canteiros que caracterizaron os obradoiros itinerantes do medievo, moitos anónimos, coa súa sinatura sintetizada sobre a pedra en sigla ou marca gremial. Sobranceiros entre eles foron os selectos pras obras da catedral compostelán: Esteban, Bernardo, os renacentistas e barrocos procedentes da Merindade de Trasmiera ou das Encartacións cántabras, que con biscaínos e galegos foron reclamados polo bispo de Braga para estender o seu xeito de facer pola banda de Portugal e o occidente atlántico, ese particular gótico flamíxero ou Manuelino, tan en relación co gótico inglés. Xoldas que atopamos traballando baixo os alpendres e sobre os andeis da construción do Hospital Real de Compostela, en Santa María de Pontevedra, nos grandes mosteiros de Oseira ou Sobrado, entre eles Egas, Xoán dos Cuetos e sobre todo Xoán de Castillo. Mesmo os artífices de San Vicente do Pino e do Colexio do Cardeal de Monforte, Gaspar de Arce, Pedro de Morlote, XoanCagigal, Xines de Monasterio... e a saga dos Herrera, entre eles Xoán, homónimo do autor do Escorial, e que localizamos en Compostela, Toxosoutos, Sobrado, Monfero, Celanova, Ourense... Hontañón, os Sierras, de la Peña de Toro, Gaspar de Arce... Para no Barroco seguir a brillar os obradoiros e a escola compostelán con mestres arquitectos propios, Casas Novoa, Dominfo de Andrade, Sarela, Simón Rodríguez... do século XIX os canteiros e competentes santeiros do Covelo como Xosé Cerviño, Manuel González ou os irmáns Bermella de Amarante de Maside que, emigrantes, ergueron cruceiros en Montevideo. No Modernismo os arquitectos Antonio Palacios, Jenaro de la Fuente, Gómez Román propiciaron a pedra, como na contemporaneidade Molezún, Bar Boo... escultores como Asorey, Eiroa, Paco Leiro, Manolo Paz... Os reclamados prestixiosos construtores Cervigón ou Longueira na Coruña, Mogimes no entorno de Vigo, Raimundo Vázquez, Malvar en Pontevedra, Suárez e Otero Cerdeira en Ourense... empresas familiares de sacrificados traballadores galegos, tantas veces baixo a ollada interesada de monstros alleos como Dragados, Hugarte, Termac, Agroman... para imporse a galega Copasa...

O arquitecto galego Antonio Palacios Ramilo, construtor de boa parte dos grandes edificios que marcan o ensanche do Madrid do século XX, propicia o negocio das pedras de Galiza, xunto co saber facer dos canteiros galegos, autor no seu Porriño natal do edificio do Concello, que quere ser como un auténtico catálogo das pedras da Terra, de grán groso, duro, fino, rosas, grises, micáceas, veadas... Arquitectura onde se mostran en contraste os tipos de labras da man de cada canteiro, configurando elementos arquitectónicos históricos sobre os que o arquitecto re-crea un estilo propio no que o espectador atopa a identidade galega.

Moitos canteiros, curtidos no andar, botaron o bornal ao lombo e tomaron camiño, emigraron coa ansia de facer as américas, coa súa boina calada sobre unha faciana topagrafada en surcos e quizais, aínda con zocos, axudaron a construír rañaceos en Manhattan, a ponte de Brooklyn, o canal de Panamá... asoballados, obras nas que quedaron para sempre como heroes esquecidos. Algo que se repite hoxe nas novísimas urbes dos Emiratos Árabes ou de Asia? un obreiro, un canteiro galego atópase no lugar máis arriscado. Mesmo para restaurar o solemne Capitolio de Washington, empresas americanas comandadas por galegos emigrantes de Soutelo de Montes, Rosa e Manuel Seara, solicitaron ao profesor da Escola de Canteiros de Poio, EnriqueVelasco, dous profesionais da pedra... e escolleitos entre eles, para alá van Francisco Castro e Manuel Rial para neste xullo do 2017 poñer man sobre as gastadas labras do masónico templo do parlamentarismo estadounidense.

O arquitecto Palacios abondou na idea da creación de escolas de canteiros, vencelladas á construción, á restauración, ás artes decorativas, tamén ao vidro, aos metais, ao mosaico? E dada a tradición e a demanda cumprirían varias, repartidas polo mapa de Galiza, quizais aproveitando eses mosteiros e cuarteis a piques de converterse en ruína e sobre os que tanto se discute respecto ao seu futuro.

Nos anos sesenta o historiador da Arte, entón comisario de Belas Artes de Galicia, Manuel Chamoso Lamas, xunto co construtor pontevedrés Rafael Fontoira, retomaron a idea dunha Escola de Canteiros oficial, dependente do Ministerio de Cultura, o lugar inicial sería o Mosteiro de San Salvador de Poi, aproveitando as súas cortes, adegas, así como os seus patios, aquel onde a fonte renacentista é un estímulo que centra no hortus clausus os Catro Elementos. Ábrese o 15 de xaneiro de 1979. No 1982 pasa a depender da Deputación de Pontevedra e no 2000 inaugurarase o novo centro situado no alto da Caeira, edificio construído coa colaboración da Xunta de Galicia, baixo o deseño do arquitecto Enrique Barreiro Álvarez. Centro que paga a pena coñecer para entrar nas entrañas das artes da pedra, coas súas aulas, estudos de debuxo, de análise xeolóxico, biblioteca e sobre todo os grandes talleres onde hai mostras construtivas que caracterizan a arquitectura en pedra de Galiza, tipoloxías de labras, perpiaños, varais, columnas, cruceiros, hórreos, balaústres, escalinatas, bóvedas, cúpulas... lección viva entre o tanxer das macetas a repicar sobre os ciceis e a pedra bruta. Alumnos, tamén mulleres, traballadores que espallarán tradicións ancestrais galegas polo mapamundi. En setembro do 2000, convidado pola profesora Concha Fontenla, tiven o privilexio de conferenciar en La Habana sobre os cruceiros, foi con motivo da inauguración dun exemplar de sete metros e medio de altura, que na praza de San Francisco da capital cubana, lembra o paso dos emigrantes galegos, iniciativa da Xunta de Galicia apoiada polo descendente de ferroláns e historiador da Habana Vieja, Eusebio Leal Spengler. O mestre da escola de Poio e escultor EnriqueVelasco dirixiu as obras. Tamén en Punta Arenas, no cono sur, que mira á Antártida ergueuse outro cruceiro tamén feito na escola de canteiros de Poio, en Alaska, entre tantos outros coa pegada do saber e compartir de Galiza.

Recursos, empresas, saberes, tradicións que non traizoan e que poñen a proba o estado da cuestión anímica da independencia dun pobo.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine