O labirinto do alquimista

Días e noites de Ramadán

04.06.2017 | 01:47
Días e noites de Ramadán

Para este estremeiro, vello, pero abandeirado e incisivo reino da Cristiandade, os mouros foron os "outros". E fomos maleducados nunha permanente vixilia cara ao Oriente da media lúa, para ter con eles máis historias de carraxe que de paz: Taric e o apoucado Don Rodrigo, os mouros Muza, Almanzor, a destrución do sartego do Apóstolo, idas e levadas das campás de Compostela ás costas de cristiáns, devoltas ás dos mouros, Trahamunda e o décimo das cen doncelas, as bágoas de Boadill... mozárabes, mudéxares, moriscos... mourofilia, mourofobia.... Aínda así, fomos aprendendo a convivir polo mundo adiante da emigración e mesmo tramamos vencellos familiares, e máis agora coas comunidades de traballadores musulmáns da Limia, Arteixo, Marín ou da Mariña lucense.

Uns afían a fe e celebraron a Coresma, outros fan o seu Ramadán e os máis nin unha nin outra e, como sabia solución queren facer do seu ditatorial e vingativo, Deus ou Alá, o misericordioso, artífice dunha permanente Pascua florida de Paz sobre este noso mundo.

Non queda outra que limar o empeño de aferrarnos á fe máis que á razón, fender con esa división de fieis e infieis, uns e outros como unxidos coa verdade, co dereito a abusar en nome de seusYahveh, Deus ou Alá. E veña batallas, cruzadas, yihad, mártires, heroes e ilusas promesas de paraísos con fontes, ríos, froiteiros, paxaros e virxes... namentres estragamos o mundo e sementamos a intolerancia, o medo e a guerra como instrumento de goberno.

Os cristiáns aprendemos a aliviar as cargas do precepto, o lastre da Coresma, os novenarios, os loitos, as bulas, os velos... Houbo debate, edicións críticas da Biblia, concilios, rebeldes como Lutero, a Ilustración que abole a Inquisición, escríbese a historia criminal do cristianismo, sen faltar tamén a arrogancia dos máis papistas, en contraste co franciscanismo que agora parece ocupar o Vaticano. Perfeccionamos a democracia que mesmo abrirá as portas á intolerancia e a relixións. Comezamos a obrar co que aprendemos nas catequeses e nos catecismos, que para ser boa a confesión sacramental o que compren son cinco condicións: o exame de conciencia, a dor dos pecados, o propósito da emenda, a súa confesión e sobre todo cumprir a penitencia. Teoría que a Igrexa, a que abandeirou cruzadas, comeza a practicar.

E na liturxia das relixións ponse que pecha e abre, no que se fan necesarias as mudas de hábitos e estreas. Períodos propicios aos cavilares, ao arrepentimento e á purificación, como a Coresma cristián, corentena que vai dende o remate do Entroido, o Mércores de Cinza, entre temor, loitos, sermóns, xaxúns, abstinencia da carne? até ese domingo de Resurrección e Pascua con convite arredor do año asado. Días para revisar os textos sagrados e con eximentes, tarxetas VIP, as bulas que se vendían nas sancristías.

Para os musulmáns o Ramadán é o seu mes sagrado, comeza coa lúa do mes de Shabaan, (o oitavo mes no calendario lunar islámico). Neste 2017 o Ramadán abre o 27 de maio e remata o 25 de xuño. O Eid al Fitr ou fin do Ramadán celébrase cunha gran festa de tres días. Tempo de exaltación dos sentimentos tribais islámicos, de axuda aos conxéneres, propiciando o encontro familiar, do clan. Días e noites nas que o muecín multiplica a recitación do Corán enteiro dende os minaretes de mesquitas iluminada por afora e por adentro. Xornadas nas que o xaxún é a base, método de purificación polo que se aprende a ter forza e paciencia, autocontrol, a autocoñecerse. Aproveitase o cambio estacional para purgarse física e mentalmente, para fortalecer a vontade e a moral. Prácticas que xa estaban na raiceira da relixión do patriarca Abraham, o Yom Kippour, o día dez do mes do outonal deTishri (no calendario lunar xudeu, setembro ou outubro). Costumes que pasan ao cristianismo e deste aos musulmáns que conmemoran deste xeito a Hégira, o mes da revelación do Corán a Mahoma por medio do arcanxo Gabriel. Libro que establece as relacións do individuo coa comunidade, divina constitución política para unha teocracia. Días de mesquita, de exaltación mántrica de Alá, de solidariedade entre os correlixionarios, de obras boas que os yihadistas entenden como campañas de terror contra os seus infieis.

Os versoscoránicos, as sharias, diríxese imperativamente aos homes, esixen o xaxún, un dos cinco piares da fe islámica, xunto coa fe, a oración, a esmola e a peregrinación á Meca. Polo día están prohibidos os manxares, a cohabitación coa muller "as mulleres son un vestido para vos igual que para vós elas", di o libro, e "comede e bebede até que coa alba se distinga un fío branco dun negro? dende entón xaxuade até a noite" e volve con teimosía "... non teñades relación coas vosas mulleres cando esteades de retiro na mesquita, tal e a Lei de Alá...". Todos, mesmo os nenos e os enfermos, agás as mulleres que están no período, deben practicar esta costume. Mesmo esta considerado delito contrariar a Lei do Ramadán e as mulleres deben vestirse de xeito recatado, evitar o maquillaxe. Exhíbense e véndense máis coráns e alfombras pro rezo... os bares pechan todo o mes, non se fuma, namentres pola noite ábrese a veda e sérvense os mellores pratos e dulces. A sociedade de consumo está atenta á demanda de Ramadán e as novísimas cidades dos Emiratos Árabes, ao xeito de París, Londres, Florencia ou Roma, en novos zocos de vaidades, mostran coleccións de roupa e deseños de marca para este tempo.

Ramadán pra enxalzar os dogmas do profeta Mahoma, de cara a manter o seu orde social, en relación co seu ben e co seu mal. E arredor as conseguintes gamas de conservadores tradicionalistas e tamén progresistas. Sen faltar a irracionalidadedo fanatismo, a provocación.

Islam de leiras e ismos, herdeiros das tribos caravaneiras que conseguiron facerse co referente e sorprendente capital de Bizancio. Dividido entre dúas ramas, os sunnitas e os chiitas que debaten o herdo máis puro do profeta. A súa vez esmigallados entre os sunnitas, os salafistas, que orixinou aos irmáns musulmáns e aos talibáns, cos afins do Daesh, Al Quaeda, BokoHaran, Hamas, Yihad Islámica... e máis aínda. Entre os chiitas o jomeinistas, hezbolá, Democracia islámica, socialismo islámico... islamofascismo, Integrismo, fundamentalismo, panislamismo, yihadismo... coas madrasas e novísimos medios de proselitismo.

Uns propagan que o musulmán está protexido por Alá, namentres que os islamistas persisten en protexer a Alá... Aqueles propoñen unha democracia, partidos plurais. Namentres que para o islamismo o islam é relixión e é estado inacabado. Os historiadores coñecen ben aquela desacougante frase do presidente arxelino Bumedián na Asemblea da ONU no 1974: "Os fillos do Islám, valéndose do ventre das mulleres colonizarán e someterán toda Europa", Gadafi dixo algo semellante e non queda atrás Erdogán.

As oracións, os incensos rutineiros das liturxias semellan no axudar ao encontro para vivir neso co que se saúda e se predica: Shalón os xudeos, Salam os musulmans, Paz os cristiáns...

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine