Eu cheguei hai bastante tempo á conclusión de que o meu non eran finanzas. Bastante traballo me dá ser quen de controlar -máis ou menos- a microeconomía propia, para canto máis entender algo da macroeconomía xeral. Se non me colocaron preferentes no seu día foi por dúas razóns que se resumen nunha: non mas ofreceron e tampouco tiña cartos que poñer a salvo nelas. En caso contrario, tería picado seguro. Agora ben, polo que se ve, se non fun banqueiro é porque non me deu por aí, nin me tiveron en conta para o posto, porque estaba tan cualificado coma outros: podo perder unha cantidade considerable de cartos en tan pouco tempo que nin se notaría. Podía ter sido como aquel concesionario de coches levantino que colocaron á fronte dunha caixa de aforros mediterránea, e que aseguraba que el se limitaba a firmar o que lle puñan diante; e malo sería que non me dera maña para arruinar entidades como fixeron Miguel Blesa ou Rodrigo Rato. Pasou que non me deron a oportunidade.

Se ultimamente tiña esa sensación de non ter aproveitado as miñas condicións como financeiro, agora confirmouse co do Banco Popular. Xente malpensada di que os dous últimos xestores, Ángel Ron e Emilio Saracho, chegaron para poñer a entidade en situación tal que houbese que vendela, polo que fose. Creo que sería especialmente hábil para iso, e por moito menos cartos que Saracho, que cobrou catro millóns de euros por catro meses. Certo é que Emilio Saracho estaba -ou está- considerado o mellor banqueiro español, mais para desmentir que a entidade ten problemas días antes de vendela polo prezo dun café de bar modesto para evitar a quebra, eu podía dar o pego. Agora que o penso, tampouco o faría mal como auditor de contas (subcontratando a alguén que puxera os números, obviamente), de responsable da Comisión Nacional do Mercado de Valores, que tampouco se enterou de nada (e se o sabía non o dixo), e xa postos, por que non, digo eu que tería valido como presidente do Banco de España. O difícil é saír a dicir que a cousa está mal, pero botarlle papo e negalo é só cuestión de práctica (ou nacer para iso).

Para o que recoñezo que non valería é para o papel de fondamente preocupado institucional. Non me vexo apoiando de forma entusiasta desde cargos públicos a reordenación do sector financeiro polo mesmo método que Atila reordenou media Europa no seu tempo, ou o peixe grande reordena ao pequeno. Nin regalando a banca pública, desfacendo as entidades de aforro e entregando os bancos pegados ao terreo coa escusa da eficiencia e a xestión privada altamente cualificada (como se está vendo). Faríaseme moi costa arriba felicitarme porque a operación non suporá gasto ningún de fondos públicos (sobre todo porque quen tomou a decisión foi o Banco Central Europeo, que se de aquí dependera, non ía ser por cartos). E non digamos mostrarme encantado de coñecerme pedindo "sensibilidade" ao banco comprador, para compensar que en menos dunha década Galicia quedou sen sistema financeiro ningún. Aínda máis no aire que cando hai medio século as mentes máis conscientes do país se queixaban de que os cartos dos galegos emigraban da mesma maneira que quen os ganaba.

Pero, vamos, para ese papel que non podería desempeñar faría falta que me votaran, e seguro que vostedes non cometerían o erro fatal de apoiar a alguén así.