Para Carlos Suanzes que inspirou o tema

A iso da aruspicina, o agoirar a través do voo, do canto e das entrañas das aves, xa se refería, hai uns dous mil anos, o latino Silio itálico. Arte da adiviña na que, xa dende nenos, se formaba aos galaicos. Algo que aínda ollamos nas feiras coa sorte do paxariño, pero xa nada queda.

As aves pican a semente, anuncian as estacións do ano, símbolo de fartura, asociadas ao espírito, entre as que mellor parte tómaa á pomba, a columba que tamén da nome aos columbarios, nichos funerarios. Sobre cada un dos paxaros puidérase escribir un tratado.

Os corvos fanse esenciais sobre as agras e os lameiros da beiramar, considerados como praga daniña pros froiteiros, as sementes e o gando menor. Ofrecendo esa imaxe tétrica resaltada polo seu enxebre grallar sobre a póla da árbore murcha, entre a tristeira soidade dun pardiñeiro, nunha torre desdentada... Ave de ruín agoiro pro popular. Comúns no Hemisferio Norte, onde abondan varias subespecies en relación con cada territorio, de pequeno e grande tamaño, con pico groso...O corvo grande pasará a ser símbolo da monarquía inglesa e cóntase que o día que falten dos poleiros da emblemática Torre de Londres será agoiro de desgrazas para o imperio. Ave que incluso pode chegar a ter unha longa vida, até catro décadas, din; que voan en grupos ou por parellas, as que aniñan, viven xuntas toda a vida e defenden o seu territorio. O corvo viste integralmente enloitado, en plumas acharoadas, co seu acrobático voo abaneando sonoras as ás e pousado a esgarabellar no chan na busca de vermes. Omnívoro que igual pica nas froitas, nas sementes, nos insectos como sobre os animais mortos. Bótanse sobre obxectos brillantes ou redondos, como ovos para roubalos. Respectada, considerada mediadoras entre a vida e a morte, símbolo negativo e de impureza. Nos pobos célticos e nórdicos representaba ás ánimas dos asasinados e dos condenados. Mensaxeiro de infortunios e na antigüidade en relación co culto oriental a Mitra... Valorado pola súa intelixencia: "kraskras por aí ben vas"... díxolle o corvo a Xudas camiño da traizón.

Corvo asociado co lobo ou co zorro, incluso xogando con iles atraveso do seu vo e do seu corveo, para conducilos a lugares de pera e aproveitarse dos residuos. Contan os patrucios que é a máis intelixente das aves, co cerebro maior, con capacidade para aprender, lembrar lugares, xente, voces, deimitar berros, con linguaxe e son diferentes: cando son perseguidos, cando están tranquilos, de aviso, aventando alimento, chuvia... ave axeitada pra domesticar, tal e como sabemos polos contos populares, a literatura e o cine. Cóntase na Biblia que Noé dende a súa arca, primeiro solta un corvo que non retorna, mentres que a pomba regresa e cunha ramiña de oliveira. Pola contra noutra historia bíblica un corvo lévalle alimento ao profeta Elías. Paxaro vencellado ás lendas gregas, a Atenea, as que contan que esta ave, inicialmente, tiña o plumaxe branco pero que castigado por Apolo, pola súa indiscreción, pasa a ser negro. Tíñase como mensaxeiro dos deuses pra traerlles alimento e chismes e así foi como tamén lle serviu ao san Bento no seu retiro e así se representa aos pes da súa imaxe. Cuchulaín, a divindade máxima dos celtas irlandeses, facíase acompañar no ombreiro por un corvo que representaba á deusa Morrigan. Pros nórdicos o corvo servía de auxilio e orientación nas súas navegacións, ave sempre pousada sobre o ombreiro de Odín.

Tampouco faltaron monarcas nin fidalgos que se acompañaran no seu ombreiro cun corvo, en vez dun falcón. No ciclo artúrico, o corvo aparece asociado ao guerreiro. Contan que os corvos sobrevoan a tumba de Federico Barbarroxa en Turingia e que cando estas aves desaparezan espertará do sono da morte.

Atopamos moitos contos protagonizados entre humanos e paxaros. Velaí as fabulas de Esopo, a Cantiga CIII de Santa María, sobre Ero de Armenteira, o que escoitando a un merlo quedou tres séculos enredado nun soño... Shakespeare déixase influír polas lendas célticas e en Otelo e Macbech refírese ao corvo; tamén o fai Dickens, o poema O corvo de Allan Poe e Stephen King en O pistoleiro co corvo Zulktan, Tolkien en O Hobbit, mesmo en Harry Potter de J. K Rowling... Torga en Vicente... os presaxios dos "feros corvos do Xallas"cantados polo romántico bardo Pondal. Miguel Delibes, en Los Santos Inocentes, novela arredor duns caseiros, entre eles o deficiente Azarías, aliado cunha gralla domestica, a "milana bonita", á que mata dun disparo o señorito amo pra acontecer o drama... Tamén o leonés Julio Lamazares recolle o tema dos corvos. E xa non digamos Xosé María Castroviejo e Cunqueiro, que tanto beberon de tradicións célticas, abondan nestas historias, en especial arredor dos corvos. Castroviejo, señor de Tirán en El extraordinario caso del cuervo del doctor Sarmiento como bo fidalgo céltico presume que tiña dous corvos, os que tamén portaba sobre os seus ombreiros e cos que parlamentaba. Conta que un deles fora agasallo dun mefistofélico doutor, e que desapareceu da casa na mesma noite que aquel morreu.

Houbo un tempo no que nos bares presumían de ter por algures unexótico loro e cando non, conformábanse cuns canarios, tampouco faltou quen foi máis enxebre e tivo un corvo. Isto pasou, alá nos setenta na taberna do Portiño coruñés, o loro aqueleiro chamábase Vilela, domesticado polos amos a golpes de vasoira, afeito ás tapas de olivas, cacahuetes, choquiños e mesmo aos grolos de coñac... pola noite, abría as botellas e collía as súas melopeas, acompañando co seu grallar ás cantarías dos clientes, leal ao ombreiro do seu propietario ao que acompañaba cando ía de pesca na súa lancha, até que un día se lle partiu o remo e quedou a velas vir.... o corvo vou, foise á taberna e púxose a peteirar no ombreiro da súa muller, que deseguida se decatou... Dende entón a Vilela non lle faltou coñac, nin funeral.

Moitos contos de Cunqueiro, entre sombras, aparicións, mouras e tesouros, están protagonizados por paxaros, merlos, pegas, galos... pero os que máis son os corvos, postos en relación con almiñas do Trasmundo. Tal como o caso que lle aconteceu ao coxo da Azúmara, que, por un corvo escoitaba os teimudos consellos da súa muller, que non vendese a fincas... En Os outros Feirantes párase na historia do corvo Estinislao, o que seu deu a coñecer a Pepe de Vence nunha sesta, petándolle co pico nos zocos e pórse a contarlle que se criara nos seus predios e que sabía das súas trampas, chantaxeábao e pedíalle mantenza... Tamén en As crónicas do Sochante, de tradición bretona, o corvo Beris, alma en pena, acompaña sobre o seu ombreiro ao capitán De Combourg... En Escola de Menciñeiros dedícalle un capitulo a un corvo branco que dis se deixou ver polo Valadouro, chegándose a dicir que era a bendita ánima do prestamista señor Pousada de Xerdiz e que pousaba nas portas dos que lle debían cartos... para gastalos en misas pola súa alma...

Polo escoitado tampouco falta quen propoña que a bandeira de Europa, recollendo vellas simboloxías célticas, en vez de ter opacas estrelas brancas, debera ter a silueta de corvos, como nos estandartes dos antigos traficantes nórdicos.