Causas políticas, de falta de prevención e desatención aos escenarios nos que vivimos, enguedéllanse, multiplícanse e complican os efectos. Mesmo velaí as pragas globais, locais e outras máis exóticas, andazos que inzan o territorio, máis aínda os abandonados montes. Servido está o desequilibrio ecolóxico, económico e mesmo cultural. Non abonda coa lacra dos incendio, co abellón asiático, coas pragas da couza da pataca, dos carballos, dos castiñeiros, dos froiteiros, das palmeiras... pra máis a invasión descontrolada e sorprendente de mandas familiares ou exércitos de xabaríns. Non lle chega a esta besta silvestre coas landras ou as castañas, coas sementes e os bulbos, experimenta, fende co couto do seu hábitat e agora urbanízase, toma a noite como súa para deixar troupelear os seus pezuños polas rúas das cidades en busca dos vertedoiros e dos contedores de lixo.

Xabaril, xabarín, porco teixo, teixugo... curioso animal, retrato do bosque espeso, privilexiado polo seu oído e olfacto, que pola contra ve mal e atoutiña ben, de crinas de cor avermellado ou negro, sempre a fozar na terra, de gruñidos como queixándose... Animal temido e respectado á vez. Por algo asociado cos misterios da divindade, máis coas da escuridade. Asociado coas forzas telúricas, co oculto, co infernal e diabólico. invasor, daniño, de troupelar aleivoso, devastador e nocturno polos campos, os verxeis, fozando nos sucos, nas agras sementadas, nos milleirais, nos patacais... deixando rastro de como si por alí pasara o demo... A ansia porcina por engulir canto atopa fixo que estes animais e a máscara da súa cachucha se asociase coa gula.

Preocupa a alarmante e cotián incursión das ringleiras de mandas familiares de xabaríns polas estradas, con máis que dramáticas consecuencias en Galiza. Así é que si existen poderes públicos, Ministerios, Consellerías, administracións e gabinetes titulados de Medio Ambiente, que cobran do erario común para o control do medio, para algo deberan servir e previr, a máis de enredarse no esperpento, entre defensores e detractores, nunha burocracia que soamente xera máis burocracia e os contidos dos papeis pérdense e a realidade, cada vez, faise máis dramática.

O problema non e novo, nin único, ven da Prehistoria e repártese polo mundo con solucións máis ou menos atinadas. Aínda que hoxe semellante cuestión cobra maior virulencia pola despoboación, o abandono do campo, como pola superpoboación de áreas urbanas e a desatención á cuestión do rural e máis aínda "do monte".

Na cultura do occidente europeo, con tanto herdo indoeuropeo, e en Galiza, o porco case forma parte da familia labrega, namentres que o xabarín é un animal da noite, simbólico, mítico, matriarcal, que actúa en familia, protexendo ás crías, ben querido e ben odiado na tradición. A porca é o feminino, namentres que o xabarín remite ao masculino, agresivo, orixinario da escuridade salvaxe, símbolo pois do guerreiro. Os belicosos xermanos e os seus devanceiros parentes celtas, iberos e moi especialmente os galos, renderon culto ao xabarín. Así abonda a súa representación en figuriñas de bronce, en pequenos exvotos, mesmo en grandes esculturas de porcos ou berroes, velaí en Tras os Montes, Salamanca, Zamora... áreas caracterizadas por esta expresión da cultura Protohistórica. Pobos que identificaron ao xabarín coas súas deidades, co Lug dos bosques, cos druídas, cos seus mediadores magos e meigas, sabios que topan inspiración no retiro da soidade do bosque. En Grecia o xabarín era atributo de Demeter e da heroína Atlanta, para Hércules considerado como cotizada caza. En Roma asóciase co deus da guerra Marte. As divindades nórdicas represéntanse cabalgando sobre xabaríns. As distinguidas elites daqueles pobos aproveitaban o seu pelexo, as xerdas e os seus curvos e afiados cairos eran moi cotizados como elementos decorativos para amuletos, en cascos, escudos, coirazas, o mesmo que a súa cabeza e cranio. Animal sacrificado no tempo do Samaín, cando tamén por aquí a cada porco lle toca o seu San Martiño. Símbolo levado á arte, a emblemas da cinexética e da heráldica, en relación á fortaleza, á agresividade, ábravura, á acometida, á resistencia, á impetuosidade, á fogaxe, á devastación, isto é ao desenfreo do guerreiro. Nas lendas célticas irlandesas asociouse cos santos ermitáns,cristiáns-panteistas, como San Columbano e Emiliano, que os protexían dos cazadores e que mesmo os domesticaban. Segundo as lendas do ciclo artúrico algúns exércitos eran castigados polos magos e convertidos en greas de porcos teixos.

En Galiza, onde aínda queda moito que buscar respecto á cultura dos berroes, ao porco. A figura do xabarín campa como símbolo heráldico dos Andrade das Mariñas de Pontedeume e de Betanzos, señores feudais que asinaban as súas obras co porco teixo e sobre del a cruz, mesmo no frontal do seu sartego, onde se interpreta a vida como a cacería do mal, do xabaril.

Lembramos un dato dado polo arqueólogo portugués Santos Junior, referido a unha carta que lle entregaba un frade franciscano de Pontevedra, na que, como predicador na provincia da Coruña, confesáballe que nun acto de fe colaborou co párroco e outros fregueses na destrución, sobre un outeiro, dunha escultura en forma de porca e cun recinto murado arredor, á que os paisanos levaban ofrendas de comida. Conservo as cartas, os datos dos feitos, pero faltan xa as persoas capaces de precisar o lugar. Aquel arqueólogo e antropólogo portugués entregou e conserva o seu legado na torre da vila de Moncorvo, rexión do Douro, perto da transmontana Bragança. Arquivo con abundantes referencias á zoolatría, tema no que era especialista e que como tal e amigo da Galiza, trouxémolo, case centenario, ala polos anos oitenta a falar do tema ao Museo Arqueolóxico da Coruña, onde nos deixou esas referencias.

Xabarín, caza maior, temido enfrontamento, no ollo das batidas por parte dos paisanos, ao que os domesticados cans adoecen ao sentilo e foxen. Sábese que a besta brava xa lle ten acometido ao domesticado can e que mesmo, co pulo dunha fuciñada, tenlle rechado o ventre de banda a banda. Pola contra, unicamente, o xabarín tenlle medo ao lobo, fuxindo do cheiro dos seus mexos, os que usan os labregos e os poderes públicos coa ansia de telos apartados. Cacería, festa da venatoria, que rematará nunha gran churrascada, preparado a súa carne magra. Base do cotizado embutido de cabeza de xabaril, trufado, paté... vellos herdos culinarios consagrados e espallados polos galos.

Lembramos aquela verídica historia que aconteceu a un paisano que farto das desfeitas cometidas nas súas leiras por un vello e coñecido xabarín, avó de nutrida manda, colleu a escopeta e abateu a tiros ao patriarcal exemplar, despezouno e meteuno no conxelador... os controladores buscaron ao animal, rexistrado con GPS incorporado... e deron coa granxa. O paisano negouse, argumentou que alí non había nada, que el era un gran ecoloxista... pero os sistemas de control levaron á neveira: o caso da desaparición do semental quedou aclarada.

Porco teixo, teixugo mesmo se emprega como insulto asociado ás persoas introvertidas, revoltosas... Un tema da tradición que colle nova fasquía no presente.