Supoño que bastantes dos que hoxe len isto, se iso sucede, farano baixo os efectos dunha resaca que non imos cuantificar, e/ou polo menos cheirando a fume, e desde logo, co corpo bastante mallado. Mentres eu agora xunto letras, o resto da poboación dedicou a tarde a facer abasto de sardiñas, churrasco, bebidas para maiores e nenos, asentos varios de camping e praia, e repasou a lista de asistentes, revisou ou completou a provisión de madeira, preparou o ramo e buscou o do ano pasado... E eu, como sempre, negueime a ir a Riazor/Orzán, a iso que non é outra cousa que un macrobotellón promovido e mantido polas institucións, sinaladamente o concello.

Non é porque estea en contra de que a xente beba o que considere (sempre que logo non se vaia facer cargo algo co que pode matar xente), e menos cando se xunta coas amizades para comer e saltar. Tampouco é que defenda as tradicións a morte e que a concentración sanxoaneira na praia me pareza -como en realidade me parece- unha trangallada, coa súa falla e o seu canesú, argallada por quen non sabía máis que facer imitacións e aproveitar ideas alleas. As tradicións están ben cando están ben, e se non -como os matrimonios concertados, os castigos físicos na escola ou as corridas de touros- o mellor é arrombalas canto antes sen un chisco de dúbida. Pero hai cousas que se se fan así desde sempre é por unha razón máis sólida ca tradición: porque é o mellor sistema de facelas, como se descubriu logo dunha chea de anos de proba e erro.

Conveño en que xa hai outras diversións que ver de cambiarlle a cancela de sitio aos veciños. Pero, quitado poder facer titulares o 24 de xuño tipo "X toneladas de basura recogidas este San Xoán" e galerías de fotos de xente posando como se ganara a Champions, non lle vexo vantaxes sobre o de sempre. Non lle vexo máis que inconvenientes a festas que precisan que se regule todo, empezando polo que se pode queimar ou non, como se un animal que lle queira botar gasolina o lume fose deixar de facelo por unha norma. Non comprendo que se desvirtúe media celebración coartando que a xente, sobre todo a nova, anda á busca de madeira, e os adultos se desfagan de mobles e trebellos vellos. Non entendo o beneficio de ter que desprazarse media cidade e unha chea de foráneos ata un mesmo lugar, e o que é peor, logo volver. Non lle vexo ganancia de ningún tipo sobre facela no barrio, onde se falta algo subes a casa (e se che sobra algo, tipo nivel de alcohol en sangue, tamén), e coñeces aos do lado, e se hai alguén que parece que leva o Combo Dominicano enlatado nun aparato pódeslle dicir en confianza que ti es máis da Panorama, pero que a vas escoitar ás verbenas.

A única vantaxe é que, xuntando multitudes, a foto da celebración queda que mete medo, e sempre podes usar de reclamo que celebras unha festa á que asisten ducias de milleiros de persoas. É dicir, como sempre, confundir cantidade con calidade e tratar á xente como obxecto e non como suxeito. A esencia da tradicional xestión política española.