O luns que ven, os orgullosos pais que vaian apuntar os fillos no rexistro civil terán que levar algo decidido a maiores do nome da criatura. Está en vigor desde hai horas a lei que derroga non só o costume/prerrogativa de que se use en primeiro lugar o apelido paterno, que xa estaba abolida, senón de que se puxera por defecto o do pai se ninguén se manifestaba en contra. Agora os procreadores non só van ter que debater se, coa denominación do procreado, homenaxean ao padriño/madriña, os ascendentes directos dela ou del, o astro da canción X, o futbolista Z ou seguen a moda e lle poñen Hugo ou Lucía (nomes máis populares en recén nacidos). Haberá que levar consensuado da maternidade se vai ser Fulánez Menganeiro ou Menganeiro Fulánez. Ou será o funcionario o que escolla.

A razón principal da lei é a promoción da igualdade entre os xéneros. Un paso non menor, por moi formal que pareza, e que vai parello á norma/costume de que as mulleres manteñan os seus propios apelidos independentemente do seu estado civil, a diferenza do que pasa en país máis avanzados noutros aspectos, no que o matrimonio supón a súa perda. Pero hai outra razón, non tan invocada, pero que ten a súa importancia. Ter que escoller orde dos apelidos non promove a igualdade, senón tamén a diversidade. Case tres millóns de residentes en España levan o apelido García. 1.470.005 de primeiro, 1.486.337 de segundo e 80.001 persoas son García García. Os González, Rodríguez e Fernández, por esta orde, roldan en todos os casos os dous millóns entre os que os que o herdaron do pai e os que lles veu da nai. É dicir, sumándolles os López e sen ter que botar man sequera dos Martínez, un de cada catro cidadáns leva polo menos un deses cinco apelidos. En Galicia repítense os mesmos apelidos, cos matices de que García desaparece dos primeiros postos (quitado na Coruña), López substitúe a González na Coruña e encabeza Lugo, en Ourense aparece Álvarez de cuarto e en Pontevedra trepa Martínez.

Se por norma, ou por non discutir, prevalecese sempre o do pai (ou o da nai), a tendencia sería que, moito máis cedo que tarde, a inmensa maioría da xente se apelidaría igual. As consecuencias prácticas do asunto serían que para a administración seriamos máis ca nunca un número, e nos círculos amplos de relación, a xente identificaríase polo número de móbil ou polo avatar do WhatsApp ("Que Pepe Fernández López? O que empeza por 695?". "Non, o que ten a Superman no whas"). E sería unha perda da diversidade. Unha mágoa porque en Galicia hai uns 48.500 apelidos diferentes e deles 17.383 (Arcea, Ames, Belvís, Cans, Diaño, Esmeriz, Teixugueira...) só os ten unha persoa. Non sei se a conta de escoller orde haberá moitas discusións nas casas, ou no mesmo rexistro civil. Hai quen non está disposto a cambiar os seus apelidos de orde, ou a renunciar a que o seu encabece a identidade da súa descendencia, invocando que é o que levaba seu pai. Así, entre nós, o pai tampouco escolleu levar ese apelido, e de poder facelo daquela, a saber cal collería.