A Ehunmilak (cen millas en vasco) é unha carreira de montaña durísima, na que os corredores teñen que percorrer 168 quilómetros. Isto significa que os participantes teñen que permanecer en competición durante 48 horas como límite, aínda que acabes a proba, se superaches este límite todo o teu esforzo non servirá para nada. Durante ese tempo, deberán superar 22.000 metros de desnivel acumulado, pasar de 35º de temperatura a 7º en cuestión de minutos, cargar cunha mochila de supervivencia e subir unhas 18 montañas, entre elas o Aizgorri, o pico máis alto de Euskadi, chamado popularmente o Everest de Euskalerria. Nesta carreira, participaron 409 corredores e corredoras, mais só 215 foron quen de poder acabar a proba. Correron con néboa, con choiva, con barro, sen durmir, tiveron alucinacións, houbo algúns que se perderon nos bosques e ata grandes lendas como John Tidd tiveron que abandonar. John Tidd, un deportista que correu a Ultra da Patagonia, a dos Pirineos e a das Canarias. Todo isto da unha idea da dureza da proba. Pois ben, entre eses 409 corredores, catro galegos e unha galega. Dous deles de A Coruña. Hai que dicir que, realmente, os galegos, somos dunha pasta singular. A un quilómetro da meta, un dos nosos, parou nunha romaría, despois de ter corrido durante 47 horas, para sentar a comer churrasco. Segundo parece:"tiña fame". Despois de encher o bandullo, botouse a trotar e chegou á meta antes do límite. Iso si, foi o último en entrar, pero entrou. Mais volvamos cos nosos paisanos. Os dous coruñeses que nos representaron foron Alberto Blázquez e Antón Álvarez. Levan sometendo ao seu corpo ao desafío das carreiras de montaña desde hai anos. Os maratóns de asfalto son para eles como para un mortal correr mil metros. Os maratóns de montaña atraéronos máis, pero se lles quedaban curtos e comezaron a correr ultra maratóns de montaña, probas de 60, oitenta ou cento e pico quilómetros. Pero ningunha tan dura e cruel como a Ehunmilak. Partiron as seis da tarde dun venres e chegaron as cinco da tarde dun domingo. Durmiron no seu coche durante dez horas seguidas. Non eran quen de moverse. O cansazo era brutal. Quixen falar destes heroes que representan á nosa cidade por eses mundos de deus, porque me avergoña que catro canais de televisión seguisen ao xaponés Kiniki Yamamoto nesta fazaña e ningún medio galego, agás este xornal, estivese dando cobertura a un desafío de tal envergadura. Dez mil persoas os despediron na saída o venres e dez mil persoas os recibiron na meta o sábado. Sempre lle digo aos seres queridos cando viaxan a algún sitio que ollen ben todo o que se encontran, porque eles serán os meus ollos, xa que eu non podo coller avións de momento. Pois, a vós, a Antón e a Alberto, douvos as gracias por ter sido tamén as miñas pernas, xa que tampouco podo correr, porque na esquerda teño varios cravos. Conseguín sacarlle a promesa a Alberto de que non repita unha proba de tanta dureza. El sabe que foi o seu canto do cisne. Agora a correr, pero sen tanto risco. Porque nunha carreira así son moitos os perigos, e el é un home de familia, ao igual que Antón. Son seres humanos, demasiado humanos, e a Ehunmilak, pode chegar a ser inhumana, traidora e mortal. Feliz regreso a casa, señores corredores, amantes da montaña, perseguidores do soño imposible de acadar o ceo coa única axuda das vosas pernas.