Probablemente xa sabían que Mariano Rajoy Brey era de Pontevedra, aínda que nacera en Santiago (os de Pontevedra nacen onde queren, como os de Bilbao), e polo tanto galego, queira ou non. Tal orixe non debe ser novidade para ninguén, e polo tanto, o titular que lle puxen a esta columna é unha auténtica ruína. Pero o de que Rajoy sexa galego é das principais conclusións que se puideron extraer da declaración que prestou o día de Santa Ana de 2017 na Audiencia Nacional.

Certo é que a prensa (máis) proclive puxo títulos como Rajoy supera la causa política, pero xa se sabe como é o amor: non che importa asegurar que as altas instancias xudiciais fan "causas políticas", como o vello Tribunal de Orden Público -e nada menos que ao presidente do Goberno- en lugar de causas penais. Item más, que din no gremio da toga, precisamente porque non era unha causa política, senón unha penal moi concreta, a Rajoy non lle puideron preguntar por moitos aspectos que seguramente serían de interese público. De que non contestara a bastantes, entre doce e catorce, segundo distintos cómputos, xa se encargou o presidente do tribunal, Ángel Hurtado ("un admirador, un esclavo, un amigo, un siervo...").

O presidente do tribunal non se tiña que ter preocupado, nin ter tanta présa, porque o presidente do Goberno está afeito a lidar con todo tipo de retos. Alguén capaz de mandarlle ao seu tesoureiro, días despois de que se descubrira que tiña unha chea de millóns de euros, o famoso SMS "Luis, sé fuerte" e non outro tipo "Luis, espero que tengas una buena explicación para eso de Suiza", e que non pase nada, non se vai deixar achicar por uns avogados adversos. De feito, cando lle preguntaron que quería dicir con outra frase que lle enviou a Bárcenas, "Hacemos lo que podemos" contestou que "significa exactamente lo que significa: hacemos lo que podemos". Tamén botou man dunha chea de perífrases para evitar "no lo sé/no lo recuerdo", que tan mal quedan na información xudicial: "No conozco absolutamente nada de eso por lo que usted se interesa". Mesmo cunha dose de solidariedade co preguntador: "Lo siento mucho pero las cosas son como son y a veces no son como a uno le gustaría que fueran", "Ya se lo he explicado con meridiana claridad pero no tengo ningún inconveniente en volver a reiterárselo", e a nai de todas as manobras dialécticas evasivas, sobre pagar en negro a sede do partido: "Iba a Génova y veía que había obras", soltou, igual que puido dicir "solo sé que había obras". En fin, o arsenal de escusas do funcionario pouco cumpridor que en realidade é Rajoy Brey. Algo que os comentaristas centrípetos e algúns dos togados na sala, confunden coa indecisión que o acerbo popular español atribúe os galegos, e que mereceu unha resposta axeitada: "Las respuestas tienen que ser gallegas, no van a ser riojanas".

Se me permiten que lles conte as miñas conclusións -un permiso retórico, vouno facer igual-, a primeira é que, pese ao que se sabe e está demostrado, millóns de votantes non se deron por enterados do que facía o partido no Goberno, e os partidos da oposición permitiron dunha forma ou doutra que volvese gobernar, non é moi intelixente agardar que vaian resolver as cousas os tribunais. A segunda é que, efectivamente, diante da xustiza todos somos iguais, pero uns somos máis todos que outros.