Non sei se serán as calores, ou que acabamos de cumprir o 81 aniversario do golpe militar, pero xa levamos practicamente o mesmo tempo cun réxime democrático (aínda que teña días) que anos nos que en España se facía o que lle petaba a aquel ferrolán pequeniño con voz de pito, e algunhas cousas deberían estar claras. Como que os símbolos da ditadura deberían estar ausentes dos sitios públicos, e máis se supoñen calquera tipo de homenaxe, e por outro lado, que a liberdade de expresión ampara incluso a quen está en contra dela.

Empezando polo último, non me parece moi de recibo o proxecto de lei do Goberno aragonés que contempla multas de ata 150.000 euros por cantar o Cara al sol, o himno fascista español. De entrada porque é o himno dun partido, ou de varios -ignoro con cantas Falanges contamos a día de hoxe-. Se o partido ou partidos son legais, por moito que eles contribuíran a que fosen ilegais e suprimibles os outros (e xa de paso os seus afiliados e simpatizantes), parece raro que non podan cantalo. Outra cousa é que se faga en actos oficiais, claro. Mentres, en Madrid, unha decisión xudicial, ou varias, manteñen en suspenso o proceso de retirada dos nomes franquistas vixentes en 52 rúas. Non sei que alegan os que demandan que se manteñan as homenaxes a uns señores que desataron unha guerra civil e unha represión posterior, ou simultánea, mesmo peor que a guerra. Soamente sei o que argumentan no caso de Millán Astray: que ten a rúa por ser fundador da Legión, non por militar alzado contra o Goberno lexítimo a quen tiña que servir. Quizais outros aleguen que Queipo de Llano ten unha placa polos seus méritos como locutor radiofónico bélico, e que os xenerais Sanjurjo e Mola están no rueiro madrileño na súa condición de vítima de accidentes de aviación. O que non entendo é que un concello, neste caso o de Madrid, teña a capacidade de endebedarse ata 7.000 millóns de euros, como cando Gallardón era o seu alcalde, e non poda cambiarlle o nome a medio cento de rúas, sexa acolléndose á Lei da Memoria Histórica ou a que á corporación se lle ocorreron uns nomes que considera máis acaídos.

O do pazo de Meirás é a consecuencia dunha norma que non se cumpre e doutra que non existe. Non se cumpren as condicións que o Goberno galego estableceu para o acceso público, aínda que moi limitado, a un ben de interese cultural. E desgraciadamente nin está nin se lle espera unha lei que devolva aos seus lexítimos propietarios, individuais ou colectivos, o que lles roubaron hai 81 anos. Pero aquí hai outra cousa que tampouco entendo: como un goberno que dá sacado da crise a Galicia, e o que faga falta, non sexa quen de obrigar a unha señora, por moito que apareza no Hola!, a que respecte unha normativa, nin de sancionar o seu incumprimento. A administración eficiente que vela día e noite polos intereses galegos, vai permitir, por non saber ou querer facer nada, que se cree no que foron as Torres de Meirás de Emilia Pardo Bazán un foco de difusión da anticultura e da barbarie. Ou quizais vaia ser que a Fundación Francisco Franco se dedique en Meirás a promover as excelencias do ditador como veraneante.