Sempre que chega agosto tento evadilos a vostedes das preocupacións do ano. Os artigos dos luns deixan de falar de asuntos de actualidade local, nacional ou internacional e desembocan nun edonismo propio do tempo do verán. Esta mañá quero invitalos a unha viaxe polos continentes de noso planeta a través do que agora chaman microrelatos e que toda a vida foron relatos breves ou curtos. Gocen da travesía.

África

-O malo dos turistas é que non se decatan do perigo dos lagos.

Cría que o meu guía se refería aos crocodrilos, pero non.

-Un hipopótamo aplastou esta mañá a unha nena norteamericana contra unha rocha -continuou informándome.

A Idade de Pedra habita entre nós; con todo nos empeñamos en dominala con cámaras de fotos, en lugar de acudir á cita da historia con hachas e lanzas. Malditos safaris.

América

Baixo a luminosa noite vese no bosque unha cabana. Ule a guiso de patacas e carne. E eu veño de tan lonxe. Levo unha navalla no peto traseiro do meu pantalón. Chamarei. Saudarei. Saberei poñer cara de rapaz bo. Despois farei o único que sei facer.

Asia

Houbo un tempo no que os xarróns de China agochaban os poemas das fadas dos bosques. Eu vin, xa hai moito tempo, a un príncipe profanando os xarróns e escondendo neles tortuosos cofreciños de beixos. Agora, as fadas, son nenas que agochan poemas de amor nos xarróns, mentres esperan a chegada dun príncipe cargado de tortuosos cofreciños de beixos.

Europa

Hai baixo a pupila da serpe unha lágrima ingrata que trata de construír unha igrexa. Hasta que pasa un rato e o demo se acende na víbora.

Oceanía

Morreu o meu paxaro. Construínlle un cadaleito de laranxas. Enterreino cunha semente de mazá. E, agora, no meu horto, hai unha árbore que da mazás cun volátil sabor alaranxado.